off
Cedeira, Cultura, Galiza — 22 Abril, 2017 at 9:02 a.m.

O achado de restos cerámicos confirman a ocupación castrexa do Sarridal

by

Os restos de cerámica foron localizados na cata realizada no acceso de baixada á praia Sonreiras, unha zona moi afectada pola intervención realizada hai 15 anos pola Demarcación de Costas para mellorar os accesos ao areal.


excavacions_Sarridal-CampodoCastro_cedeira_OLLAPAROAtopanse  anacos de cerámica castrexa e romana, dúas cercas e un foxo nas primeiras excavacións no Campo do Castro, o único xacemento costeiro de Cedeira entre os castros revisados, medidos e debuxados até o de agora. A localización dalgúns restos de cerámica en dúas das catro catas previstas confirman non só a existencia no Campo de Castro de Cedeira dun asentamento castrexo senon tamén doutro posterior de orixe romana.Así o reflicten os resultados da primeira semana dos traballos de arqueoloxía desenvolvidos polo Concello de Cedeira na zona, nos que tamén se acharon dúas cercas defensivas e un foxo. Pequenos fragmentos de utensilios de usos doméstico -panelas de barro e outros recipientes- son a certificación da existencia dunha poboación castrexa asentada neste espazo rebeiriño da península do Sarridal, mentras que o descubrimento de “terra sigillata” (terra selada, característica das excavacións romanas) e a posterior localización dun único fragmento de cerámica romana veñen a confirmar que, ao igual do que acontece na maioría dos castros galegos, no da bocana da ria de Cedeira tamén houbo unha mudanza de era coa colonización do lugar por parte do Imperio Romano.
Este achado, segundo o arqueólogo e director do proxecto, Emilio Ramil, é moi relevante, xa que do mesmo se deriva que esta civilización trouxo, ademais da súa cultura, leis e idioma, as súas actividades económicas, incluída a comercial. Interesante tamén é o descubrimento das dúas murallas defensivas e do foso que arrodea o castro, unhas construcións que aparentemente se atopan en boas condicións e que deben seguir aportando “moita máis información da que tiñamos inicialmente”. Trátase de cercas feitas en pedra, as mesmas que no seu día serviron para manter a salvo de posibeis invasións á poboación castrexa asentada neste punto do territorio cedeirés.

Os traballos comezaron a principios de semana limpando a zona para poder desenvolver a intervención nun lugar de facil acceso. A primeira tarefa dos arqueólogos foi a delimitación do xacemento, o que permitiu visibilizar as dúas cercas e a recollida de material para realizar o levantamento topográfico e planimétrico do asentamento. Os traballos continuarán algúns días máis. Unha equipa de cinco persoas -un arqueólogo, tres auxiliares arqueólogos e un debuxante/topógrafo- ocúpanse desta primeira toma de contacto Co obxectivo de afondar na historia deste enclave e estudalo xunto a outros elementos de interese patrimonial na contorna Castelo da Concepción  que o goberno municipal pretende poñer en valor.


Ao mellor tamén che interesa:

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off