off
Cedeira, Cultura, Editorial — 19 Abril, 2017 at 08:44

Coñecer o patrimonio arqueolóxico. Aquén da promoción turística

por

Malia o importante papel do património arqueolóxico na construción da sociedade occidental contemporánea, as políticas  para a proteción e promoción do património cultural galego non estiveron nunca a altura do acervo xa coñecido e inventariado, talvez por ser este un derivado máis da nosa feble condición política nacional, tan evidente en todo o territorio galego, atinxido todo ele dun paradoxal, canto despolitizado inconformismo, visibel en innúmeras feridas espaciais. Mas como promover actitudes orientadas á preservación que vaian alén da simples “musealización” ou “turistificación”? Apesar da complexidade que envolve a relación entre o turismo e o patrimonio, é posibel, a partir do planexamento de forma participativa e a inclusión da comunidade local no desenvolvimento do turismo, obter resultados positivos da “actividade turística” en áreas patrimoniais. Contodo, cómpre cuidarse da obsesión de “pór Cedeira no mapa”. Non vaia ser que acabemos poñendo a cociña da casa no Google Maps.

A crescente importancia da arqueoloxia no ensino, divulgación e a xestión cultural, achega unha grande oportunidade de promoción do turismo, alargando se callar maior gama de oportunidades de traballo disponíbeis a nível nacional e europeu. Sen dúbida, no desenvolvimento local  poden chegar a ser chave os restos arqueolóxicos que se incorporan a proxectos de turismo cultural e proxectos turísticos acessíbeis para alén da época turística, con depósitos de musealización,  criazón de centros de interpretación, melloria e expansión dos museus, etc. Porén, as debilidades son ben coñecidas: superficie excavada reducida, emprazamentos e restos arqueolóxicos  mal estudados, inexistencia de infraestructuras adecuadas, poucas áreas excavadas consolidadas e rehabilitadas, descoñecemento dos xacementos por parte da sociedade, abandono administrativo e escasa sinalización e promoción correlativo ao deterioro territorial e paisaxístico. Alén diso, á  necesidade de profisionais treinados para executar millares de escavacións arqueolóxicas  (só na Cataluña se realizan máis de 1500 por ano ) súmase á endémica falta de un título correspondente (en Galicia implantouse  o Máster Universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antiguidade en 2013 (DOG do 20/12/2013). Alén diso, a posición dos vários ramos da arqueoloxia no sistema académico español é anormal e representa un bon exemplo de desequilíbrios existentes en relación ao resto da Europa.

Cada vez mais difícil conciliar o monocultivo intensivo de eucalipto coa salvaguarda do património, sexa arqueolóxico ou paisaxístico

Con certeza, as vilas galegas teñen  outros activos históricos de importancia especial e perfeitamente combinábeis conoutros recursos patrimoniais na área, como o peixe e o marisco, a gastronomia e o medio natural e xeolóxico. Apesar das posibilidades, en xeral, parece que a populación local non ten unha relación consolidada dada a escasa valoración do patrimonio arqueolóxico de noso. Cómpre pensar non só nunha simples destrución física irreversibel dos espazos e da contorna, velaí a eucaliptización e urbanización desaprensiva, mas tamén a cultura empresarial, a proliferación de pistas  e aberrantes tipoloxías constructivas , a maquinaria pesada que atravesa con efectos predatorios sobre os recursos territoriais (o confuso medre por xeminación do espazo urbano, a perda irreversibel das diferentes paisaxes, das embarcacións e de vestixios das fábricas de salgazón -arqueoloxia industrial-,  a proliferación de aeroxeneradores acima das mámoas  da Capelada, etc) ou a contrucción/abandono das tipoloxías espaciais, as recalificacións de leiras, a turistificación do territorio a costa dos sinais de identitade do país, comezando pola ocultación do idioma galego e as súas formas toponímicas.

Porén, un síntoma positivo do interese cidadá no patrimonio foi a iniciativa nacida na sociedade civil  para impulsar a criazón do Museo Mares de Cedeira. Mas infelizmente a súa existencia pón de manifesto a endémica falta de compromiso das diferentes administracións na proteción e conservación da singularidade do noso patrimonio, ao cabo,  da nosa identidade nacional. Cedeira precisa como moitas outras vilas galegas que antes de “turistificar” o patrimonio, a comunidade local poida e deba coñecer e participar na criazón da propia identidade sen que os espazos perdan a súa condición de lugares (eís unha das desfeitas das últimas décadas) onde sexa posíbel dialogar coa alteridade e coa própria identidade nacional.  Un conxunto de valores culturais e simbólicos de noso, o cal participe de modo efetivo de actividades desenvolvidas no seu ambiente, demostrando memoria e sentimento de pertenza ao lugar. O patrimonio sexa arqueolóxico ou natural pode ser unha oportunidade magnífica para promover o ego dos políticos, entanto continua a desfeita. Ollo coa conversión de Cedeira nun Xanxenxo alternativo .Por que pensar que un individuo se torna  “turista cultural” polo simple feito de excavar posibles xacementos é canto menos cousa de quen está derreado do cuadril.  Porque non se pode deducir que  o turismo, malia as gabanzas e louvores, nos tirar da pobreza ( só fai falta ollar Grecia ou Thailandia).

Unha ameaza agravada pola falta de recursos económicos estables e de compromiso por parte de todas as administracións na proteción baseada no estudo e coñecemento dos restos arqueolóxicos como acción previa e paralela á didáctica e divulgación da singularidade deste patrimonio, como elemento de identificación local e nacional,  de brazo dado doutros recursos patrimoniais de grande valor como o natural ou a tradición pesqueira. Do contrario córrese o risco de  que unha vez máis o mundo da empresa ou do turismo, por sinalar apenas os dous ámbitos máis abusivos e hexemónicos na produción de espazo, acaben sendo os únicos optimizadores dos escasos recursos disponíbeis. Alén dos sítios constituírense como atrativos turísticos locais, requer da comunidade local compromiso próprio, un planexamento e unha organización do espazo de visita, para que o lugar non veña a ser teatralizado e mesmo utilizado somente a favor do mercado, en detrimento do estímulo á valorización cultural. O cerne central da cuestión, para alén dos resultados das catas realizadas estes dias polo arqueólogo Emilio Ramil no Campo do Castro, referese á importancia de políticas e accións planexadas no ámbito turístico en áreas de bens patrimoniais, que deben, sobretodo, ao seren elaboradas, contar coa participación efetiva da comunidade local, compreendendo que o turismo e o patrimonio cultural son construcións sociais e ampliacións de realidades múltiples.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: