off
Normalización lingüística — 31 Marzo, 2017 at 8:41 a.m.

Mobilización diante do xulgado de Corcubión polo dereito a galeguizar os nomes e apelidos

by

Unha veciña solicitou galeguizar o seu segundo apelido, negándose a iso o Rexistro Civil. A mobilización, convocada para o 3 de abril ás 12 horas pola Mesa pola Normalización Lingüística, denuncia o grave incumprimento da  Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos


O 23 de agosto de 2016 unha estudante solicitou no Rexistro Civil de Corcubión   a galeguización do seu segundo apelido “Rey” co fin de que constase coa forma “Rei”.

Achegou ademais un informe onomástico da Real Academia Galega no que se afirma que “a única forma adecuada á gramática e fonética do galego para este apelido é Rei”.

A resposta foi negativa  e o argumento é que non é unha adecuación ortográfica para adecualo á gramática da lingua galega senón un cambio de apelido pois considera que Rey pertence “ao acervo nacional”.

Este é un caso grave de incumprimento da Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes. É inadmisíbel que se poñan atrancos á galeguización do nome e dos apelidos pois é un acto simbólico de grande importancia para o proceso de normalización da nosa lingua xa que con estas accións amósase publicamente un compromiso co noso idioma.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, declarou que “o dereito a chamarte polo nome na túa lingua propia está recoñecido tamén a nivel internacional. Segundo recolle o Convenio-marco para a protección das Minorías Nacionais no seu artigo 11.1: “As Partes comprométense a recoñecer a toda persoa que pertenza a unha minoría o dereito a empregar o seu apelido e os seus nomes na lingua minorizada, así como o dereito ao recoñecemento oficial de aqueles, segundo as modalidades previstas no seu ordenamento xurídico”.

Polo tanto, a próxima segunda feira (luns) día 3 de abril ás 12 h, convocaremos unha mobilización polo dereito a galeguizar os nomes e apelidos diante dos Xulgados de Corcubión.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off