off
Galiza, Internet, Tecnologias da informação — 31 Marzo, 2017 at 12:29 p.m.

A conexión a internet nos fogares galegos con nenos e estudantes roza o 90%

by
Segundo datos do relatorio mensual do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia  (OSIMGA)  publicado o pasado dia 12. As principais razóns para non ter Internet nos fogares con nenos son os custos de conexión e os equipos mentres que nos fogares sen nenos non contratan Internet principalmente porque non perciben a súa utilidade. O uso de internet entre os maiores de 65 a 74 tamén pasa do 12% ao 21%

Ao redor do 90% dos fogares con nenos e/ou estudantes conta con acceso a Internet a través de banda larga. A contratación deste servizo é especialmente frecuente cando conviven estudantes maiores de 16 anos, superando en mais de 22 puntos porcentuais ao resto de fogares galegos.  Estes son algúns dos datos extraídos dunha nova edición do estudo temático “A mocidade e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Impulso das habilidades dixitais a través dos máis novos
Tanto a convivencia con nenos como con estudantes maiores de 16 anos incrementa de forma notoria a dispoñibilidade de ordenador e ten unha influencia positiva na contratación de Internet. A presenza de nenos en idade escolar no fogar incrementa a dispoñibilidade de Internet en 22,6 puntos porcentuais respecto dos fogares onde non conviven con nenos.
Os hábitos de uso das TIC tamén mostran datos e tendencias moi positivos cando falamos dos máis novos: O uso de ordenador nos últimos tres meses entre os mozos galegos acada ao 91,4% da mocidade galega e supera en 24,5 puntos porcentuais a media autonómica.
A convivencia con nenos en idade escolar tamén fomenta o uso do ordenador (80,5%), superando en 13,6 puntos á media xeral e en 18,5 puntos porcentuais aos fogares onde non conviven nenos.
O uso de Internet entre os mozos con idades comprendidas entre os 16 e 34 anos é practicamente universal (96%). O comercio electrónico está a medrar moi rapidamente entre os internautas deste grupo de idade, acadando o 45% cun incremento de 10,6 puntos porcentuais no último ano.
O estudo constata unha diferenza xeracional considerable no que se refire aos trámites coa Administración a través de Internet. Os internautas galegos de 16 a 34 anos tamén optan, en maior medida, polo uso de Internet para relacionarse coas Administracións Públicas, superando amplamente as porcentaxes que rexistran o resto de internautas.
Diferentes barreiras no uso das TIC segundo a convivencia con nenos
Existe unha clara correlación positiva entre a presenza de nenos e estudantes nos fogares e a actitude positiva cara as novas tecnoloxías. O principal argumento para no dispoñer de Internet nos fogares con nenos son os altos custos tanto de conexión (57,5%), como dos equipos (49%).
Nos fogares sen presenza de nenos, o principal motivo para non contratar Internet é a percepción de que non lles resulta útil nin interesante (68,7%). No caso de que no fogar residan mozos estudantes maiores de 16 anos, o motivo principal é que dispoñen de conexión noutro lugar (60,3%), seguido dos altos custos de conexión (51,3%)
O 50% dos galegos con idades comprendidas entre os 55 e os 64 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, fronte a un 29,4% que afirmaron utilizalo no ano 2012. No tramo de idade dos 65 aos 74 anos o uso de internet tamén crece e sitúase no 21%. Son datos que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro do estudo “Os Maiores e as TIC”.
Neste informe afóndase na incidencia de factores sociodemográficos no uso das tecnoloxías entre os maiores. O tamaño do hábitat resulta determinante no uso de Internet en ambos tramos de idade. Así, nos núcleos máis de 50.000 habitantes, as persoas de 55 a 64 anos que usan internet supoñen máis do dobre que as que viven en núcleos de menos de 5.000 (64,4% fronte ao 30,1%). No caso dos maiores de 65 a 74 anos, os que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes quintuplican no uso da Rede aos que viven en núcleos con menos de 5.000 persoas (37% fronte ao 7,4%).
A porcentaxe de galegos de 55 a 64 anos que emprega internet increméntase do 30% ao 50% en catro anos
Esta panorámica xeral observada no uso de Internet reprodúcese tamén no uso do ordenador. A utilización de ordenador increméntase entre os maiores, especialmente entre os que teñen de 55 a 64 anos, que se aproxima ao 48%. Cabe destacar que o incremento no uso do ordenador entre os 55 e 74 anos nos catro últimos anos (11,3 puntos) supera ao ritmo de crecemento do conxunto da poboación (7,1 puntos).
O tamaño do hábitat incide tamén claramente no uso do ordenador entre os maiores, incrementándose o uso do ordenador a medida que o fai o tamaño do concello con valores moi similares aos rexistrados no uso de Internet. O 64,6% das persoas de entre 55 e 64 anos que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes usan internet fronte ao 29,9% dos que viven en núcleos de menos de 5.000 habitantes. No caso dos maiores de 65 a 74 anos, estas porcentaxes son do 35,9% en municipios de máis de 50.000 persoas e do 8% no de menos de 5.000.
O nivel de ingresos incide directamente sobre o uso de ordenador entre os maiores de forma significativa, de modo que a medida que medran os ingresos, increméntase o uso do ordenador.
 
Compras online e uso da eAdministración
En relación ás compras a través de Internet, tanto a media estatal como a galega rexistran porcentaxes baixas, especialmente entre os maiores de 64 a 75 anos.
Tan só un 7,9% dos galegos de 55 a 74 anos realizou compras a través de Internet nos últimos tres meses. As compras online aumentaron no último ano en todos os rangos de idade, concretamente en 2,8 puntos porcentuais no caso das persoas con 55 e 64 anos, e 0,9 puntos porcentuais nas idades comprendidas entre os 65 e 74 anos.
Non obstante, máis da metade (54%) dos internautas de 55 a 74 anos empregou Internet para relacionarse coas administracións públicas e nos concellos con máis de 20.000 habitantes, a porcentaxe de internautas de 55 a 64 anos que interacciona coas Administracións Públicas supera xa o 60%.
Capacitación dixital pública e gratuíta
A Xunta ten en marcha o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para facilitar capacitación dixital a todos os galegos, independentemente do nivel de coñecemento que posúan. Un dos instrumentos deste Plan é a Rede de aulas públicas CeMIT, que desde a súa posta en marcha en 2011, vén traballando para achegar as TIC ás persoas maiores. Actualmente a Rede conta con máis de 15.000 usuarios maiores de 55 anos, principalmente das zonas rurais de Galicia.
En total en 2016 a Rede CeMIT realizou máis de 280 cursos e máis de 4.200 horas de formación específicas para este colectivo. Ademais, lanzáronse actividades formativas coma os 55 cursos prácticos “Aprende a usar o teu smartphone”, nos que participaron  máis de 500 persoas maiores, unha actividade que acaba de abrir unha nova edición en 2017.

Os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.gal
Tags

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off