off
Livros, Obituário, Poesía, Xente, Xente — 30 Marzo, 2017 at 8:06 p.m.

Morre no mar Paco Souto, o poeta e percebeiro de Malpica

by

O poeta e percebeiro morreu faenando na maña desta quinta-feira no Razo (Carballo).  Souto deixa un xeneroso legado como poeta, ilustrador e activista 


PACO-SOUTO-REDESCoñecín a Paco Souto no Rúa Nova entre as palabras satélites do Xurxo Souto e as comportas do Rafa Villar. Faenaba poemas na boca do dragón. E embicounos na mesma nave incendiaria até que das mans tórpidas daquela turma, poetas de excepción en Compostela,  saiu un cartafol arrebatado que reinvindicaba  o papel creativo fronte a economía e tempo escravo, esa alquima canibal que nos consume. Tratábase de producir dignidade co máximo esbanxamento e, coa enerxía acumulada desde diferentes puntos cardinais, encarnou “Ao mar de adentro” (1989). Para usmir o alento do dragón alí onde aniña o forense,  o escapismo e o fármaco, a academia. O percebeiro, o recolector de palabras, só ele foi quen de acadar o alvo. Concebía a poesía como artesanía, éfémera nos modos e popular, feita  e recolectada coas máns, en parcería amiga. As efémeras Edicións do Dragón tornáronse axiña en Letras de Cal e a modalidade libertaria da poesía pariu  co cambio de milenio filólogos á espera do libro de amañá.  Paco andaba aos percebes, foi presidente da asociación de mariscadores e da asociación Caldeirón de Malpica  e era concelleiro do Bloque. Entre as súas obras, ‘Fado’,‘As árvores do incesto’ ou ‘Crebar cristais coa lingua’. Vintinco anos despois coincidimos ás portas do Palexco da Coruña, hai agora un ano. A súa ollada seguia sendo sincera como a súa poesía, xenerosa e coherente consigo mesma. Díxome que o dragón debe estar preparado para exercer unha tarefa infinita.


Mañá venres 31, ás 15,45h., acto cívico de despedida no Tanatorio de Malpica.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off