off
Cedeira, Ortegal — 22 Marzo, 2017 at 8:56 a.m.

Unha exposición para dar a coñecer o proxecto Xeoparque e a riqueza xeolóxica do territorio

by

[Pingota Comunicación] O Palacete de Cedeira acolle ata o día 10 de abril unha exposición coa que se dá a coñecer o interese de sete concellos (Cariño, Ortigueira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Valdoviño e Cedeira) por crear o xeoparque do cabo Ortegal, así como os traballos realizados ata o de agora nesta mesma dirección. A mostra é unha iniciativa conxunta dos sete municipios implicados, ten carácter itinerante e consta de distintos apartados. En dous formatos extensibles explícanse os contidos que debe ter un xeoparque, ao tempo que se recordan os cumprimentos aos que se comprometen os concellos na posta en funcionamento do proxecto. Na mostra tamén se expón o inventario realizado no ano 2015 polo xeólogo Francisco Canosa, no que se recolle e se analiza a importante riqueza xeológica da zona de Ortegal. Esta documentación complétase cunha exposición das 16 rochas máis interesantes e especiais que existen na citada comarca e cunha serie de imáxenes das saídas realizadas ao longo do último ano. A superficie que ocuparía o xeoparque sería de aproximadamente 703 quilómetros cadrados.

O xeólogo Fran Canosa e a Concelleira de Cultura de Cedeira María Xosé Rodríguez
O xeólogo Francisco Canosa e a Concelleira de Cultura de Cedeira María Xosé Rodríguez
Na vila de Cedeira, a exposición poderase visitar durante o mes de marzo de luns a venres en horario de 9.00 a 14.30, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas. A partir do día 1 de abril, a mostra estará aberta ao público de luns a venres de 10.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas. En ámbolos dous casos, o domingo será inhábil.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off