off
Agro, Economía, Galiza, Meio ambiente — 17 Marzo, 2017 at 8:56 a.m.

A Alianza Rural Galega oferece alternativas ás directrices do novo Plano Forestal

by

Velaquí o texto alternativo que a Alianza Rural Galega entregou  na sede administrativa da Xunta, ao plan forestal que está a redactar o goberno galego para substituír o hogano vixente desde 1992 e sistemáticamente incumprido. O documento está asinado por ADEGA, Amigos da Terra, APDR, APROPIGA, CIG, Comité en defensa do Monte Galego, FEG, FRUGA, ORGACCMM, OVICA, SLG, SOS Coello de Monte, UNITEGA


O actual Plano Forestal de Galiza está vixente dende o ano 1992. Logo de case 25 anos de existencia, pode dicirse que desta norma incumpríronse sistematicamente as súas directrices, agás a da criazón dos Distritos Forestais. Estes incumprimentos foron sempre na dirección dos intereses das empresas da madeira e de ENCE. Como exemplo, pódese dicir que, a respeito do determinado no Plano Forestal de 1992, a superficie de Eucaliptus globulus superouse amplamente e que se criaron superficies novas adicadas ao Eucaliptus nitens. A finais do ano 2014, a Conselleira do Medio Rural acordou elaborar unha serie de propostas para a revisión do Plano Forestal de Galiza. Para tal fin, criouse un grupo de traballo no seo do Consello Forestal. Este grupo reuniuse en varias sesións durante o ano 2015 e ao finais deste, obtéñense as propostas (directrices) para a revisión do Plano Forestal de Galiza. O sistema para chegar a estas propostas foi responder a un inquérito deseñado polos dous coordenadores do grupo de traballo, propostos pola propia Consellaría do Medio Rural. Estas propostas terán que ser presentadas no Consello Forestal no prazo dun mes, e no prazo de seis meses enviadas ao Parlamento Galego, para iniciar o debate parlamentar e proceder á súa votación.

Contextualización.O método de traballo Na composición do Grupo de Traballo tivo un peso excesivo o sector forestalista. Dos 25 membros que o integraban, somentes 5 non pertencían a este sector. Para corrixir o exceso de peso da industria da madeira e doutros sectores produtivistas, algúns membros do grupo de traballo propuxeron, e foi aceptado que : -Xunto ás propostas maioritarias do grupo de traballo, se acompañasen, como voto particular, as propostas das organizacións discrepantes. -Logo de que o grupo de traballo respostara aos inquéritos foran elaboradas as propostas medias, estes deberían enviarse tamén ás entidades que viven, xestionan e traballan no medio rural e que non forman parte do Consello Forestal de Galiza. Mais á hora da verdade, a maioría do grupo de traballo negouse a levar adiante estes acordos. Para a primeira cuestión (os votos particulares), alegaron que non procedía, xa que o único que lle interesaba aos grupos políticos do Parlamento era a postura xeral do grupo de traballo. Debido ás presións, ao final incluiron na proposta de directrices un apartado cos votos particulares que resultou incompleto, xa que non os recolle todos e faino de xeito correcto. 2 E para a segunda cuestión, a permebilización dos textos ás demais entidades fóra do Consello Forestal, alegaron que tecnicamente non era posíbel enviar os inquéritos as outras entidades que non formaban parte do grupo de traballo. Xa que logo, as directrices que foron aprobadas aprobadas non son nen representativas do sector, nen democráticas, nen produto dun consenso de todos os sectores relacionados co monte e co medio rural. Certo é que a falla de democracia comezou xa no mesmo intre de elaborar as preguntas dos inquéritos. Os coordenadores do grupo de traballo, negáronse por exemplo a incluír preguntas relacionadas co reforzamento das características xermánicas da titularidade veciñal, dirixidas a evitar a privatización dos montes veciñais ou para fomentar a implicación dos titulares das terras na súa posta en valor. Fica claro pois que o obxectivo non era coñecer o sentir de todos os actores relacionados co monte e co medio rural, senón chegar mediante preguntas nesgadas, aos resultados que tiñan previsto de antemán, mesmo antes de proceder á revisión do Plano Forestal de Galiza.

Análise.O Plano Forestal de Galiza é o documento que marcará as directrices da política de montes por un longo periodo de tempo. É xa que logo, un documento estratéxico cunha pretendida vocación de consenso, e como tal de ser a referenza forestal para futuros gobernos da Xunta de Galiza. Se ben e certo que as propostas para a revisión do Plano Forestal conteñen certas cuestións de interese para acadar xestión sustentábel do monte, no documento estas ou ben considéranse cuestións menores, ou ben fican en meros enunciados. Na nosa opinión, as directrices aprobadas para a revisión do Plano Forestal de Galiza teñen tres obxectivos claros: 1. Eliminar o carácter xermánico das titularidades veciñais e proceder á privatización da súa xestión. 2. Apostar pola produción de madeira con pouco valor engadido, a biomasa forestal e os cultivos enerxéticos. 3. Priorizar a produción forestalista mesmo favorecendo a degradación ambiental. Tres obxectivos que impedirán acadar un monte e un medio rural con futuro, isto é, multifuncional e sustentábel.

1. Eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal e privatización da súa xestión: As propostas aprobadas que camiñan nesta dirección son:

-Revisar o carácter xermánico de titularidade veciñal e modificar o funcionamento asembleario das comunidades de montes.

-Dotar ás mancomunidades de montes de personalidade xurídica.

-Non apostar por que a loita contra os lumes forestais, na súa faceta de extinción, se faga dende a óptica pública de cara a eliminar a industria do lume.

-Entregar ás empresas forestais, mediante os mal chamados contratos de xestión pública, as terras comunitarias de balde, aplicando as falsas e inxustas débedas dos consorcios e convenios.

-Manter o investimento obrigado en melloras do monte de xeito uniforme, sen ter en conta nen as condicións do monte, nen as características dos seus titulares e das poboacións que viven na zona de influencia do monte. -Seguir considerando ás comunidades de montes como suxeitos pasivos no Imposto de Sociedades, como se foran meras empresas mercantís. -Impedir a criazón dun selo de certificación forestal público e galego, que comprometa a todos os sectores interesados de forma seria, solvente e honesta. Os dous selos de certificación forestal hoxe existentes son de carácter privado e dominados pola industria da madeira (PEFC e FSC). Se ben o selo FSC ten en teoría máis exixencias sociais e ambientais, na práctica funciona como un sistema para a extensión de certificados previo pago dos servizos.

2. Aposta pola produción de madeira de baixo valor engadido, a biomasa forestal e os cultivos enerxéticos: As propostas aprobadas que camiñan nesta dirección son:

-Non propoñer unha ordenación dos usos das terras, manténdoas como na actualidade. Isto significa manter a superficie de Eucaliptus globulus (que xa superou con creces a prevista no Plano Forestal vixente) e permitir que as superficies plantadas con Eucaliptus nitens (especie introducida polos intereses económicos de ENCE), só poidan ser substituídas por Eucaliptus globulus. -Converter as pistas forestais (son infraestruturas para posta en valor do monte), en vías públicas xestionadas pola Administración para o beneficio das empresas madeireiras na saca da madeira do monte.

-Permitir a forestación das terras agrícolas, malia a que en Galiza a superficie agraria útil e inferior á dos países da contorna, e a gandería constitúe un piar fundamental da actividade agraria. A base territorial da actividade agrogandeira non debería reducirse, para que as explotacións puideran evoluir cara a un modelo mais extensivo e sustentábel. -Non contemplar unha alternativa á problemática da forestación ilegal de terras agrarias sen pautas e criterios para repor a legalidade e recuperar o terreo agrícola usurpado. -Culpabilizar á actividade gandeira dos lumes forestais, esixindo que os servizos de loita contra o lume acaden información do Rexistro de Pastoreo e non doutras actividades e aproveitamentos.

-Promover o aproveitamento da biomasa forestal con fins enerxéticos, cando o uso prioritario desta debería ser a restitución da materia orgánica e os nutrientes ao solo, así como a compostaxe. Tal e como recollen as directrices para a revisión do Plano Forestal de Galiza, o aproveitamento da biomasa forestal non é unha oportunidade, é unha ameaza. E os cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar en quendas curtas), son aproveitamentos agresivos do monte que non deixan valor engadido e supoñen un risco para a 4 biodiversidade. Ademais, o transporte da biomasa ás térmicas é unha unha actividade que pode xerar tantas emisións de gases como as que se pretenden evitar.

3. Prioriza a produción forestalista mesmo fevorecendo a degradación ambiental: As propostas aprobadas que camiñan nesta dirección son:

-Orientar a actividade forestal exclusivamente cara ao produción intensiva, incrementando a superficie forestal arborada a partir de superficies agrícolas ou de etapas maduras de sucesións ecolóxicas.

-Pretender “xestionar activamente” os bosque de ribeira, bosques protectores de recursos hídricos e sistemas acuáticos, que afectaría negativamente a súa importante función. -Favorecer a degradación dos espazos protexidos, considerando as actividades forestais en xeral, incluindo o monocultivo de especies alóctonas, como “actividades tradicionais”.

-Introducir de especies alóctonas en Rede Natura da man dunha forte mecanización e uso intensivo de agrotóxicos, aumentando o risco de incendios forestais e ameazando a biodiversidade e a economía rural de Galiza.

-Non promover alternativas para evitar a degradación e a perda de solos. Reverter este proceso é imprescindíbel para garantir a existencia dos propios sistemas forestais, a conservación dos ecosistemas e ea produción de recursos naturais no futuro. -Subvencionar a silvicultura e a forestación con especies pirófitas de acordo cos intereses industriais, direcionando fondos públicos cara a actividades insustentábeis e a degradación ambiental.

-Desprezar o papel que os montes e os produtos forestais teñen como sumidoiros de carbono, de cara ao cumprimento dos obxectivos do cumio de París. Favorécese a actividade forestal máis impactante no ciclo do carbono con monocultivos de pirófitas de crecemento rápido, fronte a aquelas que permiten a captura do carbono en formas orgánicas.

-Esquecer a necesidade de adaptar a actividade forestal ao cambio climático, e que está a producir situacións de risco (lumes, erosión, perda de capacidade de retención e de fertilidade, etc.) nos nosos montes. Sen esta necesaria adaptación, os incendios forestais, a degradación dos solos e a perda de biodiversidade multiplicaranse.

Consideracións finais. A política de monte dos gobernos do Partido Popular na Xunta de Galiza, foi e pretende seguir sendo totalmente forestalista. Baseada na forestación indiscriminada, non pretende aumentar o valor engadido dos produtos e as rendas intermedias que permitan a sustentabilidade dos longos ciclos da produción da madeira. Tampouco contempla os outros usos do monte e certifica a perda da paisaxe de mosaico tradicional galega. Foi e pretende seguir sendo unha política que provoca a degradación dos solos e a destrución da capacidade de retención dos dos recursos hídricos que ten o monte. Configura un horizonte no que os incendios forestais continuarán a ser un dos problemas ambientais máis importantes de Galiza, unha creba severa 5 do potencial económico do sector, un grave risco para as persoas e os ecosistemas e unha fonte eterna de gasto público. As propostas aprobadas nas directrices para a revisión do Plano Forestal de Galiza afianzan e reforzan estas políticas negativas para o monte. Abandonan a aposta polo futuro do monte que debería camiñar cara un medio rural multifuncional e sustentábel. Son tamén negativas para o monte veciñal e para os seus titulares; para a poboación que vive no medio rural e para a sociedade galega no seu conxunto. Xa que logo, as organizacións promotoras do presente texto, entidades que vivimos, xestionamos ou traballamos no medio rural, rexeitamos estas directrices e instamos á Xunta á súa devolución. En todo caso, o proceso de revisión do Plano Forestal debería basearse en grupos de traballo conformados por todas as entidades e organizacións relacionadas co monte e co medio rural, de cara a elaborar unhas propostas verdadeiramente acaídas aos intereses de Galiza e da sociedade galega

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off