off
Educación, Galiza, Movementos sociais — 9 Marzo, 2017 at 09:26

Nas rúas defendendo o ensino público galego

por Redacción

A  greve xeral no ensino que tenta impulsar a fin da LOMCE  faise hoxe desde varias frentes: a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia. Ambas e dúas co seu  propio calendario de mobilizacións.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, na que participan CIG-Ensino, Anpas Galicia ou Erguer!, entre outras entidades, celebrará manifestacións ás 11.30 horas. En concreto, na Coruña (Praza de Vigo), Ferrol (Praza de España), Lugo (Praza da Horta do Seminario), Ourense (Subdelegación do Goberno), Pontevedra (Praza da Peregrina), Santiago (Alameda), Vigo (Praza América) e Ribeira (IES nº 1).

“A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público pretende con esta folga asestar un golpe mortal e definitivo á LOMCE e aos recortes no ensino público para restituír os dereitos laborais e salariais do profesorado e mellorar a calidade do ensino mediante una Lei Galega de Educación”, explica o seu portavoz Anxo Louzao .

A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, formada por CC.OO Ensino, FETE-UXT, STEG ou Sindicato de Estudantes, convoca ás 12.00 horas na Coruña (Praza da Palloza), Ferrol (Edificio da Xunta), en Santiago (Alameda), Vigo (Praza América) Ribeira (IES nº1 Ourense) Lugo (Edificio Multiusos) e ás 19.30 horas en Ourense, ante a Subdelegación do Goberno.

O curso comezou con 13 escolas rurais menos, pechando 84 aulas e con máis de 100 postos de traballo estruturais menos; o profesorado de PT e AL sufriu unha redución importante sendo insuficiente a dotación actual; a taxa de interinidade xa está en cifras que rondan o 12% (chegamos ao 4,8% antes de gobernar o PP); incremento notable de supresións e desprazamentos así como de itinerancias e impartición de materias afín. A LOMCE segue vixente e as reválidas adiadas, non derrogadas, até coñecer o resultado do “pacto pola educación”.

Ambas plataformas coinciden na denuncia  do engano e a farsa que supón o punto de arranque do chamado “pacto pola educación” proposto polo PP, cuxo obxectivo non é outro que consolidar os principios e fundamentos da LOMCE e pediron a dimisión do ‘número dous’ de Educación, Marcial Martín, tras as súas declaracións en Mallorca nas que acusaba de irresponsabilidade esta folga nun momento en que se iniciou o diálogo para o Pacto Social e Político pola Educación.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público exixe:

  • A derrogación da LOMCE e das súas reválidas e a elaboración dunha lei galega de educación.
  • A defensa inequívoca do ensino público, galego, laico, coeducativo e gratuíto.
  • O recoñecemento e asunción da pluralidade nacional, cultural e lingüística do Estado para poder conformar un sistema educativo galego, enraizado na nosa realidade social, cultural, histórica e lingüística.
  • Compromiso de dedicar o 7% do PIB á Educación.
  • A eliminación inmediata das subvencións aos centros que segregan alumnadopor razón de xénero, co obxectivo de suprimir os concertos no ensino non obrigatorio e continuar co resto dos concertos educativos para conseguir unha única rede, a pública.
  • Redución das ratios máximas do alumnado por aula: 15 en educación infantil e 20 no restos dos niveis educativos e a  redución destas cando se escolarice alumnado con necesidades especiais.
  • Gratuidade e oferta pública suficiente de prazas en educación infantil de 0 a 3 anos.
  • Derrogación do Decreto 79/2010 de plurilingüismo e elaboración dunha nova norma que garanta a vehiculización do ensino en galego para a plena normalización lingüística.
  • Eliminación da materia de Relixión do currículo escolar.
  • Restitución de todos os dereitos arrebatados ao profesorado (horario, salarios etc.)
  • Dotación de suficiente profesorado en todos os niveis educativos que garantan a atención á diversidade e a unha educación adecuada, co persoal necesario, ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Dotación doutro persoal necesario nos centros (persoal coidador, sanitario, educador social, etc.)
  • Oferta ampla de emprego e supresión das taxas de reposición para dar resposta ás necesidades de profesorado dos centros e rematar coa precariedade e temporalidade do profesorado.
  • Obrigatoriedade de dotar todos os centros públicos de persoal administrativo.
  • Garantirase a gratuidade dos libros de texto e do material didáctico na educación infantil e obrigatoria e do servizo de comedor escolar.
  • Xestión democrática dos centros, ampliación e mellora da participación do profesorado, elección democrática dos cargos directivos, traslado das competencias pedagóxicas ao claustro e facer do Consello Escolar un órgano colexiado de participación da comunidade escolar. Isto é,  democratizar a escola e xestionala coa participación e corresponsabilidade de todos e todas.
  • Incremento de bolsas de estudo e das súas contías. A carencia de recursos non debe comportar a imposibilidade de estudar.
  • Non á aplicación do 3+2 no ensino universitario por reducir a duración dos graos a 3 anos e os mestrados a 2 anos, que supón, entre outras cuestións, un encarecemento dos estudos universitarios.
  • A modificación lexislativa necesaria para que as ensinanzas artísticas superiores poidan adscribirse á universidade.
  • Elaboración dun plan específico de apoio ao ensino no rural.
  • Un plan de actuación integral nos centros educativos, co obxecto de solucionar todas as carencias e necesidades, e dotalos de todas as dependencias e instalacións precisas, así como tomar a medidas necesarias para evitar calquera risco na saúde da comunidade escolar (amianto, radon, etc.)

 

Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia exixe:

  • A derrogación da LOMCE e do RD 3-2
  • O diálogo cos axentes sociais para acadar unha nova lei consensuada política e socialmente;
  • A reversión dos recortes;
  • Incremento dos orzamentos dedicados a educación;
  • A recuperación dun sistema de bolsas que garanta a igualdade de oportunidades;
  • Un ensino que respecte e valore a nosa lingua;
  • A eliminación  das prácticas non remuneradas na FP;
  • A recuperación dos cadros de persoal docentes;
  • A dignificación das condicións laborais dos profesionais do ensino;
  • A derrogación das contrarreformas universitarias;
  • O freo á privatización do sistema educativo…

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: