off
Cedeira, Economía, Política local — 24 Febreiro, 2017 at 9:00 a.m.

Aprobado o orzamento municipal de Cedeira para 2017 cos votos a favor do equipo de goberno

by

[Pingota Comunicación] O Concello de Cedeira administrará este ano un total de 5.658.367,55 euros, o que representa un 7% máis que no 2016 (5.276.842 euros) e case un 15% máis que no 2015. Así o decidía onte o pleno da corporación municipal ao aprobar por maioría co voto en contra do Partido Popular, os orzamentos presentados polo equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova), no transcurso dunha sesión que tivo carácter ordinario e que deu comezo ás nove da mañá.

Segundo declaracións do alcalde, Pablo Moreda Gil (PsG-Psoe),  as contas previstas para este ano axústanse ás necesidades da xente e teñen unha base económica sólida en canto á súa execución. Nos orzamentos prevese un incremento do gasto na maioría das áreas de goberno, sendo a de Servizos Social e Promoción Social a que se sitúa a cabeceira de todas elas.

Disporá dun total de 866.110 euros para o presente exercizo, o que representa 20% máis con respecto ao anterior. A contratación de cinco auxiliares máis para o programa de axuda no fogar– serán un total de 25- , a implatación de novos servizos -haberá transporte para trasladar ás persoas maiores ou enfermas ao centro de saúde– e a renovación dos convenios con Asfedro, Alcer e Afal son algúns dos asuntos incluídos nunha programación na que tamén se contemplan proxectos de conciliación e iniciativas de envellecemento activo ao longo de todo o ano.

A concelleira de Servizos Sociais, Manuela López (BNG), lembrou que o benestar das persoas segue sendo unha prioridade para o equipo de goberno.Outra das grandes partidas é a adicada a investimentos. A cantidade total prevista supera os 660.000 euros e entre as realizacións máis destacadas, tanto pola súa cuantía económica como pola súa relevancia social, cómpre sinalar obras de saneamento nas Pontigas, en Casal de María e Vila do Río, por importe de 198.508 euros (POS), así como nas rúas Paz, Silva e Floreal, por unha cantidade de 149. 898 euros (POS).

A primeira fase do proxecto de rehabilitación do Pazo de Moscoso, tamén coñecido como Casa de Avelino, ao que se destiñan 213.000 euros (POS), e a reparación das beirarrúas e pavimentación da avenida da Area e rúa Fraga Iribarne, cun orzamento de licitación de 150.000 euros, son outras das obras previstas polo equipo de goberno para o presente ano. Para a construción de vestiarios no campo de fútbol existe unha partida de 66.000 euros.

O gasto que o Concello de Cedeira reserva para as áreas de Cultura e Turismo supera os 405.000 euros, sendo as partidas máis importantes as que se destinan ás festas patronais -máis de 100.000 euros- e a que se inviste na promoción do municipio a través da gastronomía local. Á xa coñecida festa do percebe sumarase este ano a que se adicará á pescada, que será en Semana Santa. O Certame de Teatro, que se celebra en novembro, e o programa de Xeorutas, das que este ano haberá catro, tamén están incluídos no orzamento para 2017. O fomento do emprego, a promoción do deporte e distintas axudas para Ensino son outros dos asentos que figuran no proxecto contable aprobado hoxe pola corporación municipal, que también aprobou o POS para o presente ano, neste caso por unanimidade.

Arestora Podemos Cedeira ainda non manifestou a súa lectura  dos orzamentos (no seu web a derradeira referencia a plenos tén data de do 5 de outubro de 2016). Por outra banda,  o alcalde Pablo Moreda  criticou a falta de argumentos do PP para rexeitar os orzamentos e valorou a actual política de axudas pola que se subvencionan as actividades non as entidades, “como se facía antes”.

One Comment

  1. Se Anova e Podemos forman parte da Marea e dende Anova se chama á unidade popular é bastante probable que nas vindeiras eleccións municipais se dea prioridade a esa unidade e Anova e Podemos vaian ás eleccións xuntos. En teoría a opinión sobre os orzamentos de Cedeira de Podemos e Anova debería de ser parecida. Se iso non é así vai haber problemas graves para que esa unidade popular que Anova tanto desexa a nivel nacional se dea. Nestes orzamentos tería que estar colaborando Anova con Podemos como xa se fai no Parlamento de España e no de Galicia. Cedeira non será unha excepción.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off