off
Opinião, Política, Politica espanhola — 18 Febreiro, 2017 at 12:45 p.m.

Urdangarín non somos todos

by

trapazaAnte a sentenza do caso Nóos, que absolve á Infanta Cristina de Borbón e condena pola mínima ao seu marido Iñaki Urdangarin, caben moitas opinións. A miña non está en ningunha das dúas correntes principais. Nen son dos que asenten satisfeitos considerándoo un fallo xusto que proba a independencia dos nosos tribunais. Nen dos que, dende a outra beira, lamentan que as penas impostas non fosen máis severas, vendo na trama outro caso de descarado privilexio a favor dos poderosos. Estou na terra de ninguén dos que achan que o sucedido serve para lembrarnos o tipo de democracia híbrida que temos. Explícome.

Sempre pensei, contra o criterio xeral, que a filla do Rei seria procesada, porque desde o primeiro momento viuse que o xuíz instrutor, José Castro, era unha persoa de conduta irreprensíbel. Aturou carros e carrozas; presións e maledicencias; intentos de suborno e acosos. Un teimoso  “escrache” que mesmo o levou a afasarse do fiscal Horrach, un colega de toda a vida. Nunca cedeu nin a tentacións nin aos afagos. Tampouco se converteu nun “xuíz estrela” nin aceptou as lambeteiras ofertas de grandes bufetes para pendurar a toga. Pola contra. Ventos e marés, e para consternación dos poderes fácticos, Zarzuela e CNI, mantívose no seu sitio só ante o perigo.
Intuín tamén que a tónica cambiaría radicalmente no momento en que se abrise xuízo oral. Sobre todo despois de que a persoa designada para presidir o tribunal, Juan Pedro Yllanes, saíse en barafunda para apresentarse como candidato de Podemos nas Baleares. Signo da batalla campal ás portas, que despois acrescentaría co intento de anular o procedemento tras revelarse que o seudosindicato Manos Limpias, representante da acusación popular, era un atallo de extorsionadores. Choca esta drible entre contrarios: un maxistrado progresista que tira a toalla cando ten a oportunidade da súa vida para impartir a exemplaridade que foi procurar a un partido de nova esquerda; e un grupo ultra que acode en solitario nunha causa contra un membro da Familia Real sen que ningún partido da oposición nen sindicato de clase ouse asumir esa atribución constitucional.
Un cenario que, a medida que se soubo da verdadeira catadura da única acusación acudida contra a Infanta (Fiscalía, Anticorrupción e Avogacía do Estado actuaron de facto como defensores), permitía sementar dúbidas entre a opinión pública respecto da culpabilidade da copropietaria de Aizón sen arriscar segundas e arteiras intencións. Atado e ben atado. Agora ninguén recorrerá a maiores a sentenza porque a acusación popular está engaiolada. O nunca visto.
Resumo. Se non me adscribo nen á seita dos optimistas nen ao club dos pesimistas é por outros motivos. Por unha banda, porque o acontecido era de supor nunha monarquía hereditaria que administra xustiza en nome dun xefe de Estado inviolabel e irresponsabel. E por outra, porque, así e todo, ficou demostrado que abonda con que haxa un cidadán honrado para que toda a farsa fique ao descuberto. A primeira razón é a que explica que a trapaza do caso Nóos sexa máis que unha sospeita e que se meta no cárcere a uns titiriteiros ou se xulgue a uns representantes políticos por colocar as urnas na rúa. E polo outro, porque sempre haberá un xuíz valente ou un 15M dispostos a dicir adeus a todo iso. Por iso é polo que o PSOE e Ciudadanos declararan que o ocorrido significa que “a xustiza é igual para todos”, o errejonista Yllanes que o tribunal fixo un bo traballo, e Castro que “deu por bo que a Infanta era unha muller floreiro”.

One Comment

  1. Que está en terra de ninguén sabeo calqueira.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off