off
Opinião, Pensamento, Política, Politica espanhola — 14 Febreiro, 2017 at 7:57 a.m.

Rompan filas!

by
Crear partidos novos é voltar ao antigo
Miren Etxezarreta
Os partidos políticos despersonalizan, son unha ratoeira
Manuela Carmena

 

 

Os termos partido e esquerda tornáronse incompatibeis. Tiveron o seu intre de gloria aló polo primeiro terzo do século vinte, mas hoxe son marcas espectrales, entes mantidos artificialmente. Os partidos modernos, mesmo os emerxentes que se din portadores da nova política, están concibidos para chegar ao poder a calquera prezo (a función crea o órgano). En palabras de Íñigo Errejón, o “Gramsci” startup de Podemos, “a misión dun revolucionario é gañar, e para iso necesítase un partido nacional popular”. Nada novo baixo o sol. Ningún máis nacional que o Partido Popular (PP). Para apañar o que outros perden, copando o goberno se cadra, necesítase ser colega, o que leva mimetizarse coa coratoeirantorna. É dicir, conquistar ao maior número de poboación votante, o corpo eleitoral que outros poñen cabeza, e iso faise conseguindo que a maioría social vote na dirección conveniente. Un tropismo interactivo entre obxecto e suxeito que inevitabelmente desaba no conservadurismo. Aínda que en realidade o termo adecuado sería “conformismo”, porque cada día son máis as cousas nobres en perigo de extinción que hai que conservar (universais como a natureza, a liberdade, a vida, a dignidade, a xustiza, a solidariedade, etc.).
É o que durante decenios capitalizou o PSOE coa súa apelación a ser a representación do centro do taboleiro político, nin dereita nin esquerda senón todo o contario e ambas as cousas ao mesmo tempo. Unha ambigüidade calculada e pendulante. O que ocorre é que a sociedade real está en movemento continuo por causas sobrevindas, e en colectividades complexas como as actuais do mundo globalizado o óptimo-améndoa depende de grosor da casca. Por iso é polo que as formacións recentemente fretadas teñan que argallar para facer virtude das necesidades dos seus adversarios. Pablo Iglesias achou atopar esa pedra filosofal nos medios de comunicación, e especialmente nas televisións, sobre todo privadas, as que tutela o Ibex. Afirmouno nun dos seus primeiros relatorios: “non se milita nos partidos, milítase nos medios”.
Mas o problema é que, mesmo coa prótese da pértega mediática, semellante tarefa precisa resolver o enigma de como o que é só unha “parte” (o partido) pode asumir o aval do “todo” (ou da maioría). Desde a esquerda verbalizada só hai dous vieiros, non excluíntes, para  audacia semellante: desnaturalizando a ideoloxía de cabeceira e/ou reinventándose como aparello totalizador. Entón veñen os conceptos engadidos de “patriotismo”, “populismo”, e outros do xénero epiceno-común para atinxir o máximo posibel. O resultado está na Constitución vixente, cuxo artigo seis outorga aos partidos a condición de “instrumento fundamental para a participación política”. Con ese patrocinio, unhas siglas que conten con 200.000 afiliados poden ser referendadas por oito millóns de cidadáns, e de aí empolicarse ao goberno dun país de corenta e seis millóns. É a hexemonía do algoritmo. Todo subvencionado, todo de balde, porque o Estado corre cos gastos, á conta do peculio de votantes e non votantes, xa que, aquí si, ninguén pode declararse obxetor.
E fin da historia de como a parte se converte no todo. Desde unha orixe tendencioso, o partido se modula estratexicamente para ser maioría e termina holístico como legatario da vontade xeral. Mas só en aparencia (na percepción allea), porque logrado o podio o seguinte consiste en encher todos os intersticios de poder (RTV; Xudicatura; Tribunal de Contas; altas Magistraturas; Administración de Xustiza, etc.) con acólitos e recomendados, como lóxica contraprestación cara aos non adscritos ou diferidos que co seu apoio económico-financeiro-mediático levantaron a causa. A ese refugallo hai que engadir a falacia dunha separación ou división de poderes mediante un sistema de controis e balanzos (checks e balances) que xace devastado pola supeditación do Estado de Partidos a institucións opacas e ademocráticas (FMI, BM, BCE, etc.).
O populismo en auxe nasce como resarcimento desta enganosa indixencia. O seu punto de ignición está nese momento, xeralmente auspiciado por unha crise, en que a xente rompe o feitizo e rebélase contra os seus tradicionais domadores en demanda un novo xefe de pista. Un exceso de socioloxismo primario como antídoto ao unidimensional individualismo mercantil, que posterga como adverso o necesario despregue da individualidade, fomenta o gregarismo político que necesita para despegar. Porque o populismo así decantado (o pobo unido xamais…) destrúe a pluralidade natural e reconstrúe o partido único baixo a especie da soberanía da plebe. Trátase, por tanto, dunha saída en falso, que devolve o problema ás súas orixes plebiscitarias.
Nen o partido clásico (un bando) nen a rebelión das masas (unha banda) significan nada novo, senón unha regresión. Especialmente porque o presente incuba unha catarse sistémica, da estirpe mutante que foi configurando os ciclos históricos, e encircunstancias así xa non serven os sucedáneos e recauchutados. Na nova etapa da humanidade en cernes enfrontarémonos ao noso propio límite como homo faber. A ameaza de colapso ambiental entrou no terreo das posibilidades e a xeneralización da cibertecnoloxía (robot, drones, informática, etc.) anticipa o ocaso do traballo humano como activo de produción. Entramos nunha etapa de “non dominación” da natureza mentres o factor “forza de traballo” devala, e con iso vectores consuetudinarios como a alienación e a explotación que escoltaron a dinámica social a escala desde a era industrial.
Hoxe hai que pór as luces longas para albiscar o que vén. Un futuro ás portas que precisa unha reinvención política da democracia que opoña valores humanos á practicamente inevitabel globalización mercantil, ou o seu refugallo ultranacionalista do capitalismo patrio que representan os Trump, Lle Pen, Putin e demais neocons. O actual impasse “populista” é só un receso asertivo para carregar baterías. Despois virán con forzas anovadas os tics de sempre. Por iso é polo que semella lóxico opor novos freos e contrapesos ao vórtice dominante. A globalización da economia comercial e financeira só pode ser repicada se opor algo radicalmente diferente, de baixo para cima, a descentralizado, desmercantilizado, abranxente, ecolóxico, libertário, anti-patriarcal, horizontal e confederal. A democracia de base que coloca o deber moral no corazón da esfera pública e refuta a relixión do traballo que se encontra en certo determinismo económico a eito.
Frear esa roda do hámster, superar o cromosoma do galgo, en que se converteu a experiencia vital, esixe tomar partido alén do perímetro taxado dos partidos e a súa prosopopeia. O que implica evitar os seus cantos de sereia continuistas e admitir que o partido-corporación é unha organización que reproduce abusivamente as relacións de poder. Patoloxía profusamente analizada por Moisei Ostrogorski no temperán 1912. O primeiro sociólogo en lembrarnos o esquecido carácter pre-democrático, fraccional e competitivo dos partidos e a necesidade dun desenvolvemento da democracia mediante agrupacións cooperativas de cidadáns libres, engadindo: “se a democracia non logra encher as súas formas dun contido moral e axustar o seu modo de actuar a ese contido, correrá a mesma sorte que as anteriores civilizacións políticas, que esmoreceron por non saber realizar a liberdade” (A democracia e os partidos políticos).
Por iso é polo que a arraigada práctica da representación política, como forma de empoderar ao Estado de Partidos, constitúa a principal superstición que nos impide vivir a democracia. Gobérnanos a caverna. Ou dito en bonito con palabras do Marx que aínda non se fixo “marxista”: “a tradición das xeracións mortas oprime como un pesadelo o cerebro dos vivos”. Que pasaría se os partidos e sindicatos representativos, por ser os máis votados, tivesen que ser subvencionados na súa actividade institucional polos seus eleitores, e non, como ocorre na realidade, por todos os cidadáns, votantes e abstemios. Non estamos perante unha crise económico-financeira, senón perante unha mutación civilizatoria, e de nós depende aproveitar a oportunidade (kairós) para dicir adeus a todo iso. Atrévete a pensar!

(Nota. Este artigo publicouse no número de febreiro de Rojo y Negro).

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off