off
Galiza, Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 13 Febreiro, 2017 at 9:13 a.m.

Rajoy e a memoria histórica

by

rueiro_coruña_primoderivera_2016_08_10
Avenida Primo de Rivera na Coruña, agosto de 2016

Cando se cumpren 10 anos da súa entrada en vigor, a lei da memoria aprobada polo goberno de Zapatero continua sen cumprirse na súa totalidade malia as súas insuficiencias, o seu limitado alcance. Sendo a principal, polas expectativas xeradas e do que dela se deriva, a confusión entre “memoria histórica” e “memoria colectiva”, como tentaremos debullar máis adiante.

Durante as eleccións xerais de 2008 nunha entrevista ao 20 Minutos, o Rajoy despexaba dúbidas respecto á reparación das vítimas do franquismo: “Eu eliminaria todos os artigos da lei da memoria histórica que falan de dar cartos públicos para recuperar o pasado. Non daría nin un só euro a estos efectos”. Meu dito meu feito: a partida en 2013 foi 0 €.

Quen fai bandeira do “legalismo ideolóxico” como política, pouca observancia amosa dunhas reglas recoñecidas como xustas no dereito internacional. O que debería ser o soño de calquera estado democrático de verdade, nomeadamente se vén dunha ditadura,  corenta anos despois ainda semella ser unha excepción no caso de España. Mesmo cometendo fraude de lei. Unha actitude que afonda nas eivas e insuficiencias da lei 52/2007, de 26 de decembro, da memoria histórica: a falta de coraxe para o recoñecemento xurídico e moral das vítimas da represión até 1978, cando se declarou que os xuizos franquistas era ilexítimos mas non ilegais (que de se ter declarado ilegais obrigaría a restituir os ben confiscados) e para a anulación de sentenzas, en fin,  a aberrante vixencia da lei de segredos oficiais franquista do ano 68. Continua sendo difícil acceder a documentos sob ditame do consello de ministros e a xunta de xefes do estado maior. Insuficiencias da lei que viñan amostrar, mais unha vez, que  a impunidade construida polos partidos políticos que arranxaran a Transición foi un cambio controlado soerguido na blindaxe da pre-constitucional lei de amnistía de 1977. Una transformación estructural que deixou intacta moitas cousas. Porque a cuestión política esencial non  foi a transición do franquismo cara algunha outra cousa, mas se esa outra cousa  sería fundamentalmente diferente dende o punto de vista moral, si sería un progreso. Porque o progreso non é inevitabel. Estamos a loitar por el. Por iso a lei de punto final contradí o propio texto da Constitución española do 78 que seica supedita esta aos dereitos humanos: o estado español nunha recoñeceu a represión franquista como crime contra a humanidade recoñecendo xurídicamente a todas as vítimas. É a esta luz como o rexime monáquico constitucional (esa charnela ad hoc entre a lexitimidade franquista e a nova lexitimidade construida) tórnase como unha excrecencia interna ao franquismo, coas contradiccións e limitacións inherentes a un único e totalizador relato oficial da transición á democracia. Como se entende senón que  persoas represaliadas e descendentes perante a indefención percebida nos tribunais españois houberan de que recorrer aos tribunais arxentinos? A diferencia de Alemaña os tribunais franquistas continuan a ser considerados legais por lei, logo tamén as súas sentenzas.

Na mesma entrevista, preguntado se as familias dos milleiros de mortos que hai nas cunetas non tiñan dereito aos localizar e desenterrar, Rajoy teimaba en repetir que a lexitimidade do 78 permitía eludir o pasado para  “ollar cara o futuro”, suxerindo de modo sobranceiro ter lexitimidade de abondo  “por ser unha persoa que non ten un só parente franquista, nen un, nen por parte de pai nen por parte de nai, porque os tiven do outro lado”.  Sen dúbida, algo que moitas familias poderían recoñecer como propio. Mas falaba o presidente español como se o dito fose algo secundario ao obxecto descrito.  De feito, ao formular a contraposición revelaba de xeito paradigmático esta maneira de pensar: clarexa con quen estaría xustificada a violencia. Como se o significado das súas palabras non estivesen inseridas nunha rede de relacións históricas e textuais, como se o significados estivesen fixados para sempre, total e completamente. E así ir facendo, porque todo vén dun pacto que nos condenou á indixencia intelectual e á estupidez para seguirmos perpetuando o mesmo relato totalizador que non asume complexidades e contradiccións.  O Rajoy máis paternalista sincerándose ut martyr para lembrarnos que vítimas e vitimarios a miúdo eran veciños e da mesma clase social, que as purgas tamén afectaran non só a políticos, intelectuais  e militantes mas ás clases populares, que algúns burgueses morreran ou foran represaliados non por burgueses ou comunistas mas por galeguistas que defendían as liberdades de Galiza, que algúns operarios foran falanxistas, que por sobrevivencia familias enteiras acabaran sendo franquistas, etc. Con certeza señor Rajoy, a memoria histórica ten de ser incómoda, porque ou incomoda ou non é memoria histórica. Porén, a inédita subordinacion vitimista de Rajoy serve para amostrar o abafante relato totalizador que nos condena e que lle sirve a el para xustificar o non financiamento da lei.

Alén diso, cómpre debullar  que o significado de memoria histórica que Rajoy relata non é o mesmo que  o significado que se deriva dunha lei da  “memoria histórica” que presupoñendo colectiva non o é. E velaí que Rajoy apelando a un futuro que se supón colectivo, a súa referencia ao pasado non pertence ao que Halbwachs acuñou como “memoria colectiva”. Porque o pasado só resulta asumibel a nivel colectivo como algo partillado e o que Rajoy refire é un pasado desagregado, moi na liña da creación á carta das novas identidades posmodernas. O caso é que falamos de memoria histórica sendo equivalente a memoria colectiva. Nada mais lonxe da realidade, tal e como a resposta de Rajoy pon en evidencia ao acollerse á denominación deturpadora que a propia lei da memoria histórica oferece.

Porque é dun paternalismo abafante a indixencia que supura de pensar que a memoria histórica só é relevante cando poideches decidir que non te afectara mas non é relevante para os outros. E, á espreita, que non falamos dun feito infame que non mereza ser lembrado, mas dun acontecimento decisivo na historia de Europa.

Repárese que Rajoy acaba colando o esquema amigo/inimigo “á Carl Smith” ainda que o faga coa cordialidade da suposta autoridade moral que lle outorgaría o “non ter un só parente franquista” para xustificar que continuaría sen reparar xúrídica e moralmente ás vítimas. Mas o que é inadmisibel é derivar da súa lexítima decisión personal a non saber e a non reparar, unha memoria histórica que, mascarada de memoria colectiva, segue a ser un relato excluinte, unha especie de xeral principio de ocultación e silencio malia estar marcado pola represión franquista e facer parte do relato das agresións. Porque a máis de inducir a blocaxe do proceso comunicativo que propiciaría maior lexitimación democrática, perpetua o mesmo relato totalizador que nega a “historia dos vencidos”(Benjamin) obturando así a posibilidade dun relato abranxente. Fronte ao papel fulcral que xogou a sociedade civil propiciando que as vítimas asasinadas e silenciadas  durante o franquismo, Rajoy  oferece unha rendabilización cínica da vulnerabilidade. Preguntado sobre se ten dereito unha familia a recupera os restos do avó que está na cuneta, Rajoy semella ceder respostando:  “Se sabe onde”.  Nada máis lonxe do que un aceno de empatía ou dun «principio de rectificación» que tivera por fin corrixir inxustizas pasadas para encetar un relato común, un marco certo, unha verdadeira memoria colectiva. Feliz el que o sabe. Con certeza, trátase dunha forma de tolerancia que non permite integrar aos excluidos tanto vivos coma mortos e que atende únicamente á protección da propia posición, segundo a forza de cada un. Eis o cerne degradatorio do que  deriva a corrupción sistémica que atinxe nomeadamente aos dous grandes partidos españois  e o servilismo ao poder establecido, persoas que fan da política unha oportunidade para ocuparse dos intereses privados e dos privilexios que foran creando.E despois ainda piden o voto para frearen os “populismos”.

Dicía de Greiff, relator da ONU que visitaba Galiza hai tres anos, que o modelo de privatización das exumacións facilita a indiferencia das institucións do Estado. En efecto, ao derivar cara o ámbito privado a reparación ética cos desaparecidos e asasinados polo rexime franquista, sélase así a  possibilidade de que podamos derivar calquer exixencia política. De que procuremos unha nova de escribir e de ler a historia, valorizando a “historia dos vencidos”. Fronte o relato que impón causalidade e determinación desde fora, o acontecido  deberia ter  oportunidade  de falar por si mesmo.  Eís a ausencia do que Derrida chama a idea dunha “hospitalidade incondicional”. O alargamento democrático aquén e alén Estado, aquí e agora.

Sobrancea por coñecida, sen por iso ainda nos soprender, a contradictoria actitude de Rajoy e do goberno español. A súa falta de urxencia para facer da necesidade legal unha oportunidade para ensaiar o limiar dunha memoria colectiva a partires do recoñecimento mínimo.  Ao non asumiren ningunha responsabilidade nen loxística nen económica na  eliminación de simboloxía franquista ( o informe sobre o Valle de los Caídos, u-lo?) e  na localización e na exumación de fosas, ao non institucionalizar  este proceso na medida do posibel, ao primar o punto de vista narcista ou puramente liberal que non concede suficiente importancia á dimensión social do cidadá  dando a entender  sen eufemismos que a política só parece aspirar á defensa ou á imposición de intereses privados (e con ela usurpando mais unha vez a participación desa parte da sociedade que fora arrombada da discusión sobre unha cuestión crítica da vida en común)  o que se reedita é  a persistencia da falta de vínculo emocional da súa tradición política co seu país  e cos concidadáns represaliados. A imposición de un único relato que a mediocre lei de memoria histórica,  sendo excluinte, acaba amostrando o que é: propaganda. Unha política reiterativa de ocultación que mesmo poderiamos caracterizar de doenza autoinmune xa que coa negativa a desenvolver a lei da memoria histórica destroi o seu propio sistema inmunitario tal e como como vén de amostrar esta semana no Congreso Esquerra Republicana de Catalunya  volvendo a presentar unha reforma completa da lei aprobada polo goberno de Zapaero en 2007, que defendería para unha Cataluña independente, desenvolvendo así o que a lei da memoria histórica española non foi quen de recoller.

Alén diso, o que cómpre pór de manifesto  é que a memoria histórica ou incomoda desde a complexidade dos relatos e non dende a súa simplificación ou non é memoria. Porque o que a lei de memoria histórica esquivou,  sirve como  estratexia de ocultación. Un ataque á democracia emprazada e ao dereito que Rajoy di defender desde o momento en que alicerza na lei do máis forte que acompaña á retórica do futuro da que tanto gosta. Mais tratáse  dunha “democracia por vir” (Derrida) á que lle é substraida o que a alimenta, anova e proxecta cada día no presente, abaixo-acima.  Deste xeito, oblitérase que a recuperación da “memoria histórica” non obra principalmente na razón en canto tal mais nos límites trazados por “nós e eles”, que precisa respecto cara os outros, que non son menos creadores de moral que nós. Eís o principio esencial de todo universalismo que as palabras de Rajoy negan. Ainda que tomar conciencia dun tabú pode ser o primeiro paso ao logro dunha linguaxe política menos violenta, o que prevalece é a idea dun adiamento indefinido. Afirma Walter Benjamin que a rememoración pode transformar o que é inacabado (a felicidade)  en calquer cousa de acabado e o que é acabado (o sofrimento) en calquer cousa de inacabado. A través da rememoración, permitese o resgate do pasado, a partires do presente. Só así poderiamos falar de futuro colectivo. Alén diso, o histérico e permanente apelo ao porvir é unha forma de indolencia que a reflexión ética debe facer explícita, agravado se callar polo ascenso da liberalización que acompaña á globalización actual ao conlevar un grande risco de aumentar a enaxenación do propio mundo da vida.

En suma, antes da aprobación da Constitución e os Estatutos de Autonomia, o rexime transitório aprobado polo goberno de Adolfo Suárez, selando o cadro mental e político abafaba a representación de todo.  Unha política programada pola dereita cavernícola española  a prol da desmemoria dos pobos e nacións e asumida polo Psoe, a esquerda xacobina e a socioverxencia. Precisamos non esquecer que  chamada lei da Memoria Histórica de 2007 chegou após a pacente a alargada loita das vítimas do franquismo. Emilio Silva, fundador da Asociación para a Recuperación da Memoria História, atopaba no ano 2000  en Priaranza do Bierzo a fosa común onde xacía o seu avó. O seu avó tamén fora un desaparecido. Por  un intre os milleiros de homes e mulleres asasinados e desaparecidos na Guerra Civil e rexime franquista tornábanse diferidos interlocutores do espazo público que lles fora negado. lica que s’hagi hagut de recórrer a l’administració de justícia argentina. A Universidade de Santiago de Compostela desenvolvia o proxecto “Nomes e Voces” co alvo de dar a coñecer á cidanía a información catalogada e sistematizada acerca das vítimas da guerra civil en Galiza, inserindo testemuños de vítimas e familiares, documentos e fotografías. Porén, os esforzos encamiñados ao esclarecimento desenvolvidos por asociacións particulares a nivel local alicerzan no voluntarismo e sofren de falta de recursos. Malia o efémero protagonismo das fosas, dos familiares e netos que as localizaran cos propios medios  porque querían saber o que pasara, reclamandolle ás institucións o recoñecemento de todo o que continuaba silenciado e ocultado desde o 78, a lei da memoria histórica vai camiño de tornarse parte dun proceso de crueldade que non se evitou na altura e que volvería  a repetirse de se fechar en falso.


Ao mellor tamén che interesa:

Para Ciudadanos estudar memoria histórica nas escolas “agita viejos fantasmas”

Hai memoria histórica en Cedeira?

Memorial Democrático de Cedeira

Soberanos ou intervidos

O goberno de Cedeira rende a primeira homenaxe ás cedeiresas e ós cedeireses represaliados polo franquismo

Non lavarse as maos

Homenaxe aos cedeireses e cedeiresas que sofriran persecución no 36

Nomes e voces teñen as vítimas da represión franquista en Cedeira

‘The Guardian’ alerta que Madrid manipula a Guerra Civil

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off