off

Plataformas sobre plataformas

by

Ainda que toda acción encamiñada á protección e restauración medioambiental é ben-vida, non está claro que o vieiro máis axeitado sexa crear mais un colectivo para cada problema ambiental, e menos se éste vén inducido pola administración. Os movementos ambientalistas configuran un lugar de encontro- e mesmo, de reencontro- de xentes que en virtude de razóns e sensibilidades diversas percorreran, desde tempo atrás, camiños diversos. Algo innegabel e configura un máis dos moitos datos positivos que a mudanza política e talvez tamén por unha maior consciencia ambiental nos sectores máis activos da sociedade civil, fixeran emerxer ( velaí en Cedeira, vertedoiro da Candieira, a vella problemática da praia, o ecosistema da ria, os vertidos ao rio e a máis recente planta de gas,etc). Porén, se estas agrupacións veñen alentadas polo único azo da  administración cómpre suliñar do risco de fragmentación e dirixismo. En paralelo, talvez, porque unha parte do problema o achega o feito de que a miúdo quérese ver un activismo ou comunidade de iniciativas que a duras penas mostran tal carácter.

Da cuestión que nos ocupa cómpre tirar  unha lección: xa había unha plataforma cidadá de seu suficiente para canlear e afondar nos problemas ambientais e sociais, que en lugar de recibir reforzo para facer o esforzo de fuxir dos moitos vicios que se revelaran nas práctica da esquerda de sempre (personalismos, dirixismos e distancia entre a retórica empregada e o comportamento real) está a ser replicada. Ten sentido facer plataformas sobre plataformas? Abofé que non é preciso sinalar que o problema de fondo é o hiperactivismo sen orde, o que a miúdo deriva por falta de  resultados  na decepción e nunha desmotivación  que acrescenta  a dificultade de mobilizar aos cidadáns de a pé. Ou, o que é o mesmo, que por detrás da discusión anterior hai un feito que non se pode esquivar: os movementos sociais e medioambientais- non nos enganemos- non son hexemónicos na sociedade civil cedeirense, na galega, e en ningunha. Se queremos que sexa unha parte eficaz a máis de nominalmente activa, cómpre concentrar toda a súa actividade na formulación de propostas alternativas. E para iso cómpre xerar sinerxias, e non desgregalas, para acadar, acrescentar, adicionar, adir, incorporar, xuntar  fins comúns.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off