off
Editorial, Movementos sociais, Política, Politica espanhola — 6 Febreiro, 2017 at 8:40 a.m.

O xuizo polo 9-N volve mobilizar o independentismo en Cataluña

by

Por volta de 50.000 persoas inscribíronse para asistir á concentración de apoio este luns ao expresidente Artur Mas e as conselleiras Orega e Rigau. O xuizo pode rematar coa súa inhabilitación e constata mais unha vez a demofobia de Madrid e o fracaso da política


Non precisa de maior luz, toda vez que se sustenta por si soa, a afirmación de que o relato que a maioría dos medios de comunicación españois oferecen do “procés català” asenta nunha trama, cada vez máis obscena, no que se dan cita a desinformación e a manipulación. A atención mediática ao soberanismo catalán e, en xeral, á sociedade e cultura catalana ten sido para atender  a determinados conflitos no intre en que a axenda do goberno español en Madrid o ditaba para despois desentenderse completamente. Só  o/a cidadá/leitor/a teimudo/a poderá debullar a fondo o acontecido nos derradeiros dez anos na Cataluña xa que a crónica desatención mediática (común tamén ao tratamento dado a Galiza e Euscadi), mesturada cos picos de atención tóxica, teñen facilitado a súa manipulación (velaí o abusivo, recorrente e falso relato da marxinación do castelán, que insire no mesmo pacote o menosprezo dos sinais de identidade dos cataláns ou a indisimulada e por veces intolerabel banalización do totalitarismo ao relacionalo sen rubor co “procés”).  Just in time, Tino Novoa, xefe da sección España da nosa e moi subvencionada La Voz de Galicia, dando leccións desde a redacción do que é ou non é democracia (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/espana/2017/02/06/mentira-rosario-falsedades/0003_201702G6P2993.htm) ignorando así a cronoloxía do vieiro até o xuizo do 9-N, a súa intrínseca complexidade, sen arredarse de oferecer fórmulas de dobre moral que as que bebe indisimuladamente dos criterios abrazados polos nosos gobernantes como se fosen a mecánica natural das cousas. Canta candura e sinceridade do lado do goberno español e do seu valedor Feijoó que non explica porén unha cuestión de interese non menor: como foi posibel que o presidente mainstream de Cataluña se inclinase por apoiar agora, con cautela, a quen defende o dereito a decidir. Talvez porque a cuestión catalana non té solución xudicial. Porque o 9-N ainda non sendo legal (ainda que sempre foi presentado como un proceso participativo, en mans de voluntarios e  sen consecuencias ) foi ben real. Como real é a estratexia unionista (léase, a máis dos partidos políticos, o tratamento informativo de El País, El Confidencial, El Mundo, Interviú, Crónica global /El Español) ignoren que Dolores Agenjo, a única directora de instituto que non cedeu as chaves aos voluntarios que organizaba o  9-N sexa candidata a alcaldesa e deputada por Ciudadanos. Un compromiso político que cómpre termos en conta á hora de valorarmos o seu testemuño que tería a virtude a alumear unha cuestión de interesa non menor á hora de ter unha opinión canto máis informada mellor, toda vez que o unionismo tenta facer ver que o xuizo ao 9-N só xira arredor do cumprimento da lei e non da política

As circunstancias  máis recentes (velaí o ensimesmamento dos sucesivos gobernos Rajoy,  a xerencia interina   de un ano sen render contas e a súa reedición actual en forma de “operación diálogo” no medio da ameaza de medidas coercitivas como asumir as competencias de Ensino ou de precintar as escolas se a Generalitat organiza o referendo)  oferecen ao respecto unha manchea de exemplos porén non van acompañadas dunha apariencia de debate razoabelmente plural.  O que este medio e outros ben acochengados no rexime é o inmobilismo duns partidos (PP, PSOE) que se consideran únicos propietarios do rexime democrático. Ao cabo, chegouse a este estado de cousas pola incapacidade do goberno español para facer política (e xa veremos se non acaba no tribunal de Estrasburgo), para o recoñecemento e a aceptación de que debe haber algunha transación que facilite a negociación.

Esta segunda-feira, o independentismo volveu mobilizarse para acompañar a declaración de Mas, Ortega e Rigau. O  Tribunal Superior de Xustíza de Cataluña acolle o xuizo contra o expresidente da Generalitat, a exvicepresidenta e a exconselleira de educación  polos delitos de desobediencia grave e prevaricación, en relación aos que a fiscalía solicita entre 10 e 9 anos de inhabilitación  para exercizo de cargos públicos e funcións de goberno respeitivamente, por teren dado pulo e organizado a xornada participativa do 9-N que o goberno da Generalitat converteu nun proceso de participación liderado por voluntarios e no que votaron2,3 millóns de persoas). Porén, malia a dimensión deste proceso cívico, o que hoxe se xulga é só unha semana de xestión política. Dende o intre no que o TC suspende o proceso de participación até o día da votación (entre o 4  eo 9 de novembro de 2014) . O que terá que debullar e xulgar o tribunal encabezado polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Jesús María Barrientos, é quen comandou a organización da votación  aqueles cinco dias. Está por debullar a orientación adoptada polo Sindicato Profesional da Policia e   Unión Federal de Policia que exercen a acusación popular despois que o xuiz relegara  Manos Limpias a primavera pasada.

“Posar urnes no pot ser delicte en un estat democràtic. Avui jo tb m’acuso pq . Suport a encausats del ,“, (Poñer as urnas non pode ser delito nun estado democrático”),afirmaba no Twitter a alcaldesa de Barcelona Ada Colau

Como lembrará o leitor/a atento, o pasado outubro  Artur Mas declarouse “promotor político” e “responsabel único” do 9-N, malia considerarse “corresponsabel” da decisión do Goberno de suspender o primeiro 9-N ( cívica fita do soberanismo ao antepor lexitimidade fronte legalidade mais sen efectos prácticos relevantes), despois da prohibición por parte do  Tribunal Constitucional, deixando nas mans de centos  de voluntarios que foran os que ao final o realizaran. Segundo o xuiz instructor, após a prohibición a Generalitat omiteu o mandado do alto tribunal. Velaí a desobediència como cerne deste proceso xudicial, último episodio dun proceso que comezou cando a cidadanía catalá votou un Estatut que acabou esnaquizando o TC, durante cinco anos milleiros de persoas sairan á rúa reclamando decidir o seu porvir, arranxando unha xornada de consulta o 9-N na que partidarios e detractores da independenica acudiron  co maior  respeito e  civismo.

“Malgrat els errors dl procés q jutgin Expresident Generalitat x urnes cartró en 1 consulta q no ha tingut cap conseqüència és 1 despropòsit” (Malia os erros do proceso que xulguen ao expresidentee da Generalitat x urnas de cartón 1 consulta  que non tivo ningunha consecuencia é un despropósito), chiaba Nùria Parlón, alcaldesa  socialista de Santa Coloma de Gramenet

Aa circunstancias actuais son ben coñecidas:  a xudicialización da vida política, a  innegabel fasquía política do procedimento (o legalismo ideolóxico que deu en se tornar a única resposta do goberno español e debidamente promovida polos medios). Unha politización da xustiza correlativa doutras decisións.Porén, nesta xeira, a procesamento de Mas e as conselleiras Ortega e Rigau, pode fornecer maior sentido ao 9-N e acabar investido de acto de desobediencia á lei inxusta, o que pasa polo non recoñecemento da lexitimidade dos tribunais españois para dirimir o que atinxe, aquí e agora, o dereito a decidir de Catalunya.

Con certeza, a conversión de Artur Mas desde o mainstream monárquico-convergent cara o independentismo é algo co que non contaban en Madrid. Mas espetáballe a  Pilar Rahola en La màscara del rei Artur ( 2010)  que ” cada vez soc més Macià” (“cada vez son máis Macià”, exmilitar español e monárquicco que se tornou  líder republicano, independentista e presidente da Generalitat, que desde o rexeneracionismo virou na defensa da  República Catalana). Após a experiencia do tripartito, Convergència i Unió va decantar o seu perfil rexeneracionista (peza chave no rexime do 78) para ficar co soberanista.  A decepción de Zapatero e a crise van aumentar o sentimento de aldraxe en Mas, quen está a aproveitar o momento para branquear erros estratéxicos pasados.

As imaxes mostran a diferente correlación de forzas: un unionismo que conta co aparello institucional á súa medida, e un soberanismo soguerguido na mobilización cidadán. 

Este xuizo, para alén do martiroloxio é o comezo da conta atrás cara a convocatoria do referendo. De feito, a queda de Convergència i Unió non é por acaso a do autonomismo e con ela a derrota moral dunha democracia feita á medida do rexime do 78? Sen dúbida, o voto a favor da CUP aos orzamentos facilita o camiño. Porén, o soberanismo necesita acumular máis forza, unha suma que precisa talvez da achega dos comúns.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off