off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 3 Febreiro, 2017 at 8:59 a.m.

Sota, cabalo e rei

by

A Isabel Pantoja, a folclórica trincona, convicta e confesa por branqueo de capitais, a quen todo o mundo adora. Vén de liderar o programa máis visto en televisión este ano. Case cinco millóns de espectadores prostrados ante os seus encantos. A mesma xente que clama contra a corrupción acirrando ás súas estrelas favoritas. Nunha saga-trola que vai de Jesús Gil a Ruíz-Mateos, pasando por Mario Conde e O Dioni, e toda a caterva de famosos quinquis. O pobo soberano que logo vota aos Trump que no mundo son nun exercicio de estulticia que alerta sobre o perigo de tornar a democracia en demoscopia, mudando calidade por cantidade. O imperio da  lei número que transforma o público en pasadizo de agradecidos “imbéciles”, aqueles que só se ocupan de si mesmos, segundo a expresión orixinal do termo no grego antigo.
Sota, cabalo e reiPrimeiro foron os reality shows, daquela as redes sociais e as súas memes, e agora a pós-verdade, nun lóxico devalo que teatraliza a vida con consecuencias aínda imprevisibeis, por máis que todos os días teñamos probas evidentes da súa desfeita  ético-político. Denunciábao Jürgen Habermas: “Na nosa sociedade dos medios a esfera pública serve como espazo de autorrepresentación para aqueles que alcanzan notoriedade (Entre naturalismo e relixión). E que maior celebridade que a que proporciona estar na pomada dos trepadores enfeitados. Aquí e acolá, o público converteuse en zona minada para o sentido común, á vez que pasto de malfeitores e safados de calquera laia. De alto berce e de vella cama.
Para os da base sempre hai un “formigueiro” onde vender as súas fazañas ante un persoal entregado que na súa parte alícuota foi esquilmado pola estrela convidada. E para os de rancio avoengo, os “medios serios” oferecen a barrela de relanzamento onde acollerlles. Basta ver os artigos publicados no País, como firmas de recoñecido prestixio dando leccións de democracia, de Miguel Angel Fernández, o ex gobernador do Banco de España (http://elpais.com/elpais/2017/01/04/opinion/1483554697_014535.html), e de Joaquín Almunia, antigo secretario xeral do PSOE e ex vicepresidente da Comisión Europea (http://elpais.com/elpais/2017/01/25/opinion/1485351559_927208.html). Sen que supoña óbice nen cerco con que o segundo fose o xefe dos “homes de negro” de Bruxelas que meteu en cintura aos países que vivían “por riba das súas posibilidades”, nin  co feito de que o mesmo diario onde peroran descubrise que o primeiro permitira gravísimas prácticas na supervisión para maquillar a situación do sector financeiro (http://economia.elpais.com/economia/2017/02/01/actualidade/1485975747_511098.html), logo rescatado con diñeiro  público. Xa dicía Alan Greenspan, o presidente da Reserva Federal de EEUU, que “a principal obriga dun Banco Central é non perturbar aos banqueiros”. Dando exemplo,  o derradeiro acordo asinado por Rodríguez Zapatero ao abandonar A Moncloa foi indultar ao conselleiro delegado do Santander, Alfredo Sáez.

Por arriba e por abaixo, en perfecta comuñón, o esperpento impera e a virtude devala. Pirómanos bombeiros. E canto máis alto na escala, máis baixo na reputación. Velaí a historia interminabel das falcatruadas dun Rei Emérito que non atopa partido político nin institución democrática que lle enfronte. Ademais de pagarse pos, brincadeiras e mancebías á nosa costa, de dispor dos servizos secretos como celestinas, acaba de coñecerse que existen sospeitas de que a trama Gürtel pagaba regularmente un imposto revolucionario ao innomeabel. Cítase unha conta secreta aberta nun paraíso fiscal co nome de “Soleado”(asollado), xestionada por Arturo Masana, un asiduo visitante da Zarzuela que tamén se ocupaba dos negocios do epónimo Francisco Correa.
Mentres o pobo divírtese propinándose patadas no seu propio cu, a roña da corrupción segue o seu curso natural. Por iso, a Mesa do Congreso rexeitou crear unha comisión de investigación sobre o suposto uso indebido de recursos públicos para deleite do monarca. Coa escusa de que a súa persoa é”inviolabel”. Un casto apelativo do todo falso, porque non existe estatuto de inmunidade para o Rei Emérito na nosa Constitución, só para o titular da Xefatura do Estado (art.56). Mesturando deliberadamente allos e bugallos. Unha cousa é que non cabe retroactividade penal para os feitos recentemente revelados, dado que se cometeron gozando da protección da púrpura, e outra moi distinta que o pobo non sexa soberano para esixir que os espías rendan contas das súas actividades como bacieiros reais. Un novo episodio que coroa a “contabilidade extracontabel”?,vulgo pufo.
E se da anécdota pasamos  á categoría,cómpre preguntarse se toda esta lameira de corruptelas e miserias, compartidas e consentidas polos de arriba e polos abaixo, non cebaría a bomba de tempo que permitiu irromper aos Trump, Le Pen, Putin e demais ralé, levantados pola raiva o xorda dos do medio. A crítica sen autocrítica é puro escapismo irresponsable. Se a dereita chega ao poder democraticamente grazas ao voto popular é porque a esquerda fíxoo fatal, porque non é realmente esquerda ou por ambas as cousas á vez. Como no caso que nos ocupa. A proba está na Enquisa Financeira das Familias do Banco de España, segundo a cal desde o inicio da crise até 2014 a renda media dos fogares españois caeu un (-18%)  e a súa riqueza un (-37,3%), sendo os mozos os máis prexudicados, cun descenso dos seus ingresos dun (-22,5%), mentres o 1% máis rico aumentaba o seu patrimonio neto en catro puntos porcentuais até o (+20,23%).

Misterio revelado. Houbo unha conspiración sistémica para esquilmarnos. De que lado estiveron durante eses anos os progresistas no poder? E os sindicatos de clase maioritarios “interesáronse polos problemas de parados, precarios, autónomos e demais colectivos vulnerables”. Quen defendía os intereses dos millóns de traballadores da pequena empresa, que é o sector que procura máis emprego en España? O que se abateu sobre nós ten causa na cultura da corrupción que o alaga todo, sen distinción de clase nin cores. Non chegou por encantamento. Veu, e como de costume os gurús non saben como foi. Porque estaban a fitar para outro lado ou compinchados cos malandros. Agora a gardar que mude o ciclo. A que os novos salvapatrias esnafren coa súa demagoxia cuarteleira para volveren de novo ás andadas. Recompondo no goberno a aqueles de cuxas falcatruadas xa  esqueceramos. Sota, cabalo e rei.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off