off
Movementos sociais, Opinión, Politica internacional — 27 Xaneiro, 2017 at 08:32

Trump e os trogloditas, primeiro

por Rafael Cid
"O Pentágono foi o principal mecanismo keynesiano do goberno"
 (Noam Chomsky)

O pasado fin de semana produciuse un estraño fenómeno político. Os tradicionais e antagónicos bloques ideolóxicos esquerda e dereita confluían nun mesmo afán: tombar a globalización. Cada un polo seu lado, emitían voz e voto para frear a trituradora da internacionalización mercantil en marcha. Iniciou a ofensiva a esquerda mobilizándose en moitas cidades ao berro de “Outono resistencia. Nen CETA nen TTIP!” E continuou en Washington coa firma dunha orde executiva polo novo presidente que liquidaba o TPP, o acordo transpacífico que xunto cos seus irmáns xemelgos na área europea e canadense representaba a vangarda da expansión capitalista na súa fase neoliberal.
Loxicamente tratábase dunha coincidencia finalista sen transcendencia axiolóxica. Ambos os dous sectores esgrimían as súas razóns por motivos diferentes. A esquerda facíao por considerar que o Tratado de Asociación Transatlántico (TTIP) ameaza os dereitos e liberdades dos cidadáns europeos ao ceder ás multinacionais prerrogativas exclusivas dos Estados. Un paso máis aló na mala dirección de diminución de soberanía que xa supoñen as institucións da Unión Europea (UE). Polo seu lado, Donald Trump facíao cumprindo o seu programa electoral no referido a repatriar o aparello produtivo deslocalizado a países con salarios máis competitivos.

Matt Brown. Creative Commons

Matt Brown. Creative Commons

Por certo que, desmentindo aos “todólogos” de todas as escolas que vaticinaban moita verborreia e pouca praxe, o novo inquilino da Casa Branca emprendeu unha carreira contra reloxo para pór todo do aveso. Cando aínda non sabe por onde dá o sol no Despacho Oval, xa está a aplicar un estrábico keynesianismo (como Reagan) cargándose o Obamacare; recuperando o proxecto de novos oleodutos paralizado polo seu antecesor como anticipo do capítulo de grandes investimentos en obras públicas anunciado; completando o muro segregacionista con México (3.100 quilómetros de valo); e prometendo unha importante rebaixa de impostos ás grandes compañías para compensalas dos maiores custos laborais que suporá contratar man de obra nacional. Datos, todos eles, que estillazan os prognósticos máis optimistas daqueles expertos que trataban de convencernos de que o sangue nunca chegaría ao río, pura latricada. Seguramente porque desde a súa atalaia ideolóxica acreditan que o capitalismo é un, monocorde, reside en Walt Street, e os latriqueiros son pasotas. Non viron o filme Comanchería.

Mas os feitos son túzaros, como demostra esa chocante experiencia de ver a activistas antiglobalización e ao führer de América, primeiro na mesma pista de baile por un intre. Por iso convén resaltar as diferenzas e evitar que tal coincidencia conxuntural envíe unha mensaxe equivocada á cidadanía sobre as intencións dos partidos ultras que axexan no horizonte electoral europeo este 2017. Non é tarefa fácil, sobre todo cando por mor da brutal crise económica a xente sente a tentación de botarse en brazos do primeiro salvador que lles fai as beiras (afirmao o Papa Francisco sen darse por aludido, el que é o testamenteiro do “salvador supremo”). A confusión é sideral e a ignorancia estratosférica, especialmente cando aínda funcionan categorías maniqueas que reducen a realidade a unha especie de duelo entre montescos e capuletos, sen pormenor nen consideracións.
Neste contexto, a mesma semana de autos producíanse dous sucesos que abonan a nosa espiñosa indixencia. O maior eloxio á medida “antisistema” decretada por Trump aparecía nunha das webs máis radicais (http://www.rebelion.org/noticia.php?ide=222032), ao reproducir en portada a información que ofrecía RT, siglas de Russia Today, a cadea audiovisual baixo control de Putin (aínda que a “firma” da fonte ficaba relegada ao despregamento interior da noticia). E no outro extremo, e tamén sen maior análise nen ponderación, estaba a reseña sobre a asistencia do dirixente chinés Xi Jimpig na reunión anual de Davos como máximo expoñente da vixente orde turbocapitalista. Con certeza, satisfeito ao coñecer que, coa renuncia liderar o TPP, “o seu debedor ianqui” acababa de servirlle en bandexa a mellor tallada do mercado asiático (Alibaba chámase a súa maior compañía de comercio electrónico). Fogo amigo en plena mudanza de paradigma.
E velaquí onde novamente poden xurdiren as contradicións indesexables. O do funesto Trump (unha especie de Torrente bis con acceso ao botón nuclear) é puro negacionismo troglodita levantado ao poder por millóns de traballadores das clases medias abalados pola crise. O da esquerda progresista, pola contra, é só un banzo no camiño para dicir adeus a todo iso. O perigo, con todo, está nunha saída en falso que ratifique a sacralización do traballo que aniña na refutación desas alianzas transcontinentais. Rexistro no que estiveron inseridas todas as facesdo nacional socialismo histórico, o culto siamés ao productivismo que identifica ao populismo de esquerdas e ao de dereitas. A mentalidade verdadeiramente transformadora deber superar ese baldón. E non só cunha redución drástica da xornada de traballo e a implantación da renda básica universal, parches necesarios pero non suficientes na dinámica cara á extinción desa calamidade que é o traballo forzado.
O fenómeno Trump só é inédito na súa concreción territorial. Trátase da reacción antimoderna, reaccionaria e demagóxica que sacode ao capitalismo cando unha crise deixa ao aire os seus crimes e vergoñas. Aconteceu con especial violencia nos anos vinte do século pasado e pasa de novo neste comezo do XXI, mas tamén cando os primeiros espasmos da Revolución Industrial deixáronse sentir sobre unha poboación que acaba de saír do sopor do feudalismo agrario-pastoril- artesanal. Son momentos de oportunidade (kairos) para que, as clases acomodadas que senten desbordadas polos parvenus, tecen pactos con sectores da poboación que tamén perciben o cambio como unha agresión aos seus modos de vida. O Trumpismo sería unha especie de carlismo estadounidense, ao besta.
Por iso a esquerda debe evitar caer no cepo da resistencia para conservar e romper as regras do xogo. A brutalidade da posta en escena de Trump cando non leva nin unha semana no cargo certifica o nivel de perigo social do seu reinado e, aínda que pode servir de severa advertencia para sucesivos epígonos no Vello Continente, supón unha invitación ao cambio de modelo máis aló da era do traballo, o postmercado. Non hai dignidade no imperativo de traballar para vivir, nin nos fai libres, frase que oculta a inanidade escravista do emprego. Ao revés, é a expresión da secular opresión que mide a impotencia da humanidade para mostrarse realmente humana. Os nazis sabíano ben ao reivindicalo na entrada dos campos de exterminio: Arbeit Macht Frei. Hai que dar as costas definitivamente a esa cultura de ignominia e sometemento consentido. Nin o traballo dignifica, como pretende o cristianismo; nin a forza de traballo é a razón vital social, como postula o marxismo. Por primeira vez na historia, os avances técnico-científicos-cibernéticos permiten pensar nunha auténtica sociedade de homes e mulleres libres e iguais, de equalibertade Sen explotación, nen alienación, nen plusvalías. Como medida de todas as cousas.
Pero iso esixe moito máis que a fanfarria dunha revolución reprodutiva, xeralmente externa ao suxeito, ditada desde as vangardas e, por tanto, sen responsabilidade nin experiencia vital de abaixo-arriba. Precisa un cambio de mentalidade. Deixar de ser a eterna oposición que nunca termina en realidade de oporse porque opera na mesma lonxitude de onda (patriarcal, ecocida e belicista) que o contrario. Ser proactivo, afirmarse na coherencia entre potencia e acto, prefigurando na actividade diaria a sociedade futura con que soñamos. A política de acción-reacción-produción unidimensional termina converténdonos en reféns do que repudiamos porque absorbe todas as nosas enerxías creativas. O propio é practicar a ética da deserción, como Arquíloco. Nada de plantar batalla frontal ao adversario cos seus mesmos códigos. Facer como coa televisión; non tentar cambiar de canle, apagala sen máis. O filósofo italiano Giorgio Agamben expúxoo con extrema lucidez: “Estamos afeitos entender a transformación política radical como consecuencia dunha revolución máis ou menos violenta: un novo suxeito político, que desde a revolución francesa nomea ao poder constituínte, destrúe a orde política-xurídico e crea un novo poder constituído. Penso que chegou o momento de abandonar este modelo caduco, para orientar o noso pensamento cara a algo que podería chamarse “forza derogatoria” ou “destituinte”. Quer dicer, cara a unha forza que non pode en absoluto adoptar a forma dun poder constituído. O poder constituínte corresponde a revolucións, levantamentos e novas constitucións, é un poder a través do cal se institue un novo dereito. Para a forza destituinte débense inventar estratexias totalmente distintas, cuxa máis íntima determinación sexa producir unha política vindeira. Se o poder é revolucionado só polo poder constituínte, desencadéase outra vez sen falta á ininterrompida dialéctica, sen fin e sen saída, de poder constituínte e poder constituído, poder instaurador de dereito e poder conservador de dereito.
Sapere aude!

1 Comentario

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: