off
Globalização, Opinião, Politica internacional — 26 Xaneiro, 2017 at 1:29 p.m.

O muro de Trump ou a idea do outro como ameaza permanente

by

O desgaste do suceso de Trump é o fracaso da esquerda en capitalizar a raiva popular

para oferecer unha visión alternativa viábel. Ese é o grande problema.

Slavoj Žižek

Un dos máis espiñentos ámbitos e, talvez tamén, un dos principais termómetros dos cambios na era Trump é, con toda evidencia, as relacións con México e, en xeral, a política exterior dos EUA cara a China e cara o chamado mundo islámico, aplicada por  un cristiano presbiteriano dominical antimusulmán. Trump vén de ordenar por decreto construir un novo muro na fronteira con o México, entanto o Dow Jones aumenta o 10% desde as eleccións, acadando 20.000 puntos pola primeira vez na historia. Porén, o recén-eleito presidente dos EUA malia restrinxir os vistos de imigrantes, vetando tamén a entrada de refuxiados e emigrantes, non é un político. Porque a política é o saber que delimita o poder, contornando os límites da arbitrariedade. Donald Trump ignorando todo escrúpulo  persiste en repetir a violencia dun egotismo duradoiro: o muro como programa  e como discurso autoritario. O aramio farpado, a vixilancia policial e os muros nunca son solucións. O síntoma tornouse doenza. O muro visibiliza a nova concepción trumpiana de Nord-america no mundo. O muro estreita a visión, permitindo pensar localmente e actuar globalmente. Evita asumir deberes.Trátase de muros moi presentes ainda que adoitan pasar desapercebidos:  trátase de non afirmar o que se afirma. E o dicionario Oxford teno acuñado como pos-verdade

Seica non é o muro a concretización física no territorio da extrena vulgarización do espazo público reducido simples troca de prexuizos, exhibicionismos morbosos e descualificacións? Nada novo entre Losantos e Lacalles e outros falsarios que como tais se apresentan como o que non son.

Como se os muros non existiran no interior mesmo de quen o  manda erguer! O muro como “poder disciplinar” (Foucault), o mito revisitado de que através das técnicas de vixilancia, da organización panóptica do espazo e do territorio acadarase, se non a desaparición do outro, a súa conceptualización  como ameaza permanente. Non é este o fenómeno da emerxencia dun poder sobre a vida que é condición de posibilidade á formación dos Estados Nacionais modernos? Un control da sociedade que non se opera simplesmente pola consciencia ou pola ideoloxía, mas comeza no corpo, encanto forza de produción, forza de traballo, forza de reprodución. A verdade como atributo de quen manda e muro como a súa imaxe máis representativa e antitética das ideas de fraternidade, solidariedade ,humanidade, xustiza.

Na segunda-feira, cumprindo o prometido sacaba o seu país do acordo comercial cos paises do Pacífico e na terza  xa tiña aprobado os polémicos oleoductos Dakota e Keystone. Onte, o novo presidente dos EUA, asinaba duas ordes executivas entanto visitaba o departamento de Seguridade Nacional. A primeira exixe a a “construcción immediata dun muro físico”, mentres que a segunda afortala os mecanismos para deter a migración ilegal ao ditado de que “os Estados Unidos volvan recuperar as súas fronteiras. Restauraremos o sistema de dereito”(sic). Seica hoxe asinará o decreto que vete temporariamente a entrada de refuxiados, restrinxindo vistos aos inmigrantes de sete paises:  o Iraq, o Iran, Líbia, Somália,  o Sudan, Siria e o  Iemen.  Cómpre non esquecer, porén, que Obama comezou a súa andaina en 2009 bombardeando  paisos  estratéxicos que por acaso tamén eran musulmáns. Ao que seguiu un discurso antiislamófobo na sede dos sunnitas Irmáns Musulsans (Universidade de Al-Azhar). Exipto, o único país que asinara o acordo de paz coa veciña Israel.  EUA anovaba así o seu compromiso co islamismo de dereitas, isolando os partidos laicos e progresistas. Ao cabo, a Casa Branca leva varios decenios deitando abaixo gobernos laixos de Libia ao Afganistan para pór repúblicas islámicas.

Barreira anti-imigração em fronteira dos Estados Unidos com o México se estende até a praia (Foto: BBC World Service/Flickr/CC)
Barreira anti-imigración na fronteira dos Estados Unidos co México estendese até a praia (Foto: BBC World Service(CC)

Ambas e dúas promesas eleitorais xa foran cursadas, empregando de momento fondos que o Congreso tiña para reforzar a seguranza na fronteira. Porén, malia a vontade de gasto Trump precisará que os lexisladores aproben máis cartos para unha “barreira física” que pode custar até 20.000 millóns de dólares. En declaración á canle ABC, Trump afirmou que “de algunha maneira” México “reembolsará” o custo do muro. México sairá da mesa de negociación do Tractado de Libre Comercio da América do Norde  (NAFTA) se  Washington teima en fixar un imposto ás remesas ou calquera outro xeito de facerlle pagar  o custo desta construcción.

Chama a atención, para alén do personalismo, a cercanía exibida por Trump entre a retórica empregada e comportamento real. Eís a linguaxe comprensibel  aos cidadáns e cidadás de a pé,  exibida polo magnate-candidato do Partido Republicano durante a campaña eleitoral. E o fracaso da esquerda liberal á hora de configurar e configurar unha alternativa ao muro como programa e linguaxe erixida en aval e instrumento da estatización das relacións no seu alzado e comprimento. Unha esquerda establishment que non foi quen de defrontar as demandas das camadas populares. O muro como posición, ese sí que é hexemónico na sociedade civil: doado de imaxinar e facelo imaxinabel e ainda carregado da súa dimensión de crenza relixiosa, prefigura o alvo naturalizado, saudabel e ineludibel do american way of life.   A súa fenda no territorio exclue as condicións de posibilidade dunha boa distancia, da pesquisa dunha relación harmónica ou, por outras palabras, dun equilibrio de forzas comprobado. Exclue a  política  e a ética – que deixa espazo aos outros e organiza as súas condicións de posibilidade- para amosar o que até agora só se entrevía sen ter ainda superado o límite con total obscenidade, o paso do “goberno privado indirecto” ao “goberno privado directo”, permítaseme reformular así o termo acuñado por Achille Mbembe.  A mistificación entre o privado o público disólvese con Donald Trump até facer transparecer o nihilista  todo vale. De ser así, a pegada neoliberal prescinde directamente da política e dos políticos (o propio Trump axe á marxe do aparello do partido republicano) para reducir o Estado a aparello de control e coerción. Máis do que un fenómeno moral ou ideolóxico,trátase talvez dun fenómeno material, corporal e tecnolóxico:  a economía política na súa versión descarnada. A gobernamentalidade que ten por instrumento técnico esencial os dispostivos de seguranza. Porén, o que o muro de Trump vén amostrar é o sintomático esgotamento do modelo do Estado territorial, caracterizado pola diferenciación institucional, a centralidade e a verticalidae da relación política, a demarcación espacial e o monopolio da violencia lexítima. O dogma de que a intanxibilidade da fronteiras herdadas da colonización fica cuestionada no sentido de que as presións propias da identidade e as migratorias mudan a organización espacial e social dos continentes, o reparto das poboacións e funcionamento real dos mercados. Porque muros non deslocan as bases materiais do poder. Pola contra, amostran o desfase entre a fixacion formal de fronteiras e a súa fasquía económica e cultural en constante mudanza.

A novidade agora é que  esponsal de capital e de armas decide aforrar o diálogo con total transparencia para instrumentalizar a lóxica coercitiva dos Estados  e defender unha fórmula de desconexión (políticas estrictamente proteccionistas) con respecto á globalización en curso. Sendo esta xenuinamente antiglobalizadora, inseríndose na dereita antiglobalización e tendo na desmesura do muro o seu aval de radicalidade, estamos obrigados a chamar a atención, en paralelo, que o novo referente político dos EUA é un senlleiro representante do programa neoliberal de globalización a quen só interesa aforlatar a soberanía própria no marco dos Estados. Só neste aspecto coincidente coa dereita antiglobalización de paises como Italia, Francia ou Austria ao alicerzar o seu discurso na xenofobia e no racismo.

Con certeza, após a experiencia Guantánamo (que Obama non foi quen de fechar), a ideación e execución dun muro fronteirizo entre EUA e México socializa a idea do outro como ameaza permanente. Extende a idea da fortificación ao longo de máis de 3000 quilómetros (blindar os 2.000 quilómetros de fronteirra que ainda non estan fechos).Porque o muro fronteirzo proxectado para afastar dous estados veciños e as urbanizacións-fortalezas  son as dúas faces do mesmo. As marxes que este muro proxecta cara o Sur xa está plenamente no centro nas súas variantes fundamenalistas (supremacismo branco e cristiano) . Porque, como sabemos, a máquina de exclusión global tamén penetra os intersticios do social no territorio norteamericano. Está no seu centro,  na urbanización-fortaleza que anula todo intersticio como espazo de encontro,  cinguida de altos muros farpados,  cámaras de videovixilancia e policia privada. Historia dos muros e fronteiras de sempre que son agora.

A militarización  e aspectos relacionados coa  intensiva presenza policial, constitúe un modelo polo cal os Estados Unidos se achegou de procesos sociais e as dinámicas clonflictivas alén das súas fronteiras, especialmente en América Latina, o que non fixo mais do que reforzar tendencias de autoritarismo represivo interno a México. Como afirma Heyman, o uso deste modelo estadounidense ficou claro no Plan Mérida. Indiscutibelmente, tamén se aplica especialmente perto da fronteira con América Latina, en cuestións pre-conceptuadas como provenientes de América Latina,  como a migración e as drogas, e cunha poboación racialmente enmarcada como latinoamericana. Trump teima na resposta simple, militarista e primaria do muro e do aumento da dotación militar na fronteira. Unha propensión á idealización da comunidade local, nomeadamente blanca e anglosaxónica, entregada á defensa da uniformización no ámbito social e cultural. Sobra abondar  aqui no papel central dos  mecanismos de lexitimación cultural do militarismo nos EUA. Porén, a militarización ten derivado en  violencia e violación dereitos humanos.

O muro é concreción dunha xeopolítica de exclusión planetaria que vén completar a biopolítica, a psicopolítica e a necropolítica que non permiten exterioridade ningunha. Cara adentro e cara afora dos estados.  A existencia simbiótica e porosa que o espazo limiar e fronteirizo permite vai cedendo ao militarizado e á fronteira-peneira. Eís  o muro de Ceuta e Melilla, pegada do colonialismo europeu no continente africano sob o domínio español. A institucionalización da UE e a política de libre-circulación dos cidadáns europeus, traendo o paradoxo cerco das zonas fronteirizas co obxetivo de impedir a imigración de africanos para a Europa. O muro da Cisxordania é , por outra parte, a “lenta violencia” percebida por Eyal Weizman na ocupación israeliana da Palestina ao ir creando unha paisaxe de guerra onde as estacadas e as estradas, a infraestructura civil, serven para garantir a separación, a vixilancia e o control. Na altura,  para  impedir a entrada de palestinos e para prevenir accións de terrorismo. Seica  é propriedade de alguén a fronteira? Non é lugar de todos? Os primeiros decretos de Trump son os dunha xeopolítica de ocupación que o levou a apropiarse da fronteira. Cómpre preguntarmos co antropólogo Josiah Heyman, que dirixe na Universidade de El Paso de Texas o centro interamericano de estudos fronteirizos se a militarización a ambas beiras  non só atende ao control social sendo unha estratexia de control omnisciente e omnipotente, mas si un modelo repetitivo e un tanto desaxeitado usado polas elites políticas americanas (e, correlativamente, polas elites mexicanas) para enfrentar os desafios dinámicos e perturbadores na América Latina e rexións relacionadas dos Estados Unidos. Porén,  a militarización é unha resposta primaria que non respostou as mudanzas sociais e culturais na rexión transfronteiriza. As fronteiras EUA-México, especialmente do lado mexicano, creceron de xeito rápido, dinámico, e nalgúns aspectos mal planificado e conducido. Esta rexión, unha área menor de contrabando miserento e turismo barato, tornouse, desde 1965, en foco de investimento, produción e comercio a escala mundial capitalista. Creceu tan rápido sen mudar os estándares herdados de dominación limitando tamén os agromos contestatarios. A explosión de violencia na fronteira con México que se seguiu a implantación militar contra os cárteles de drogas proporcionou un pretexto para ameazas coercivas e asasinatos de activistas da xustiza social. Con todo, a represión vai moito máis alá dos seus ostensivos obxectivos criminais.

Ao disolver calquera proporción, estabelecendo e fixando un único centro desa xeografía, traduce a retórica antiemigrante que utilizou na campaña  para multiplicar a súa forza  atraindo o eleitorado conservador e medoño tras un benestar caracterizado pola súa fraxilidade malia os intentos do Obamacare. Inscreve a súa soberbia no territorio máis alá de toda obriga que non derive dela. O muro como espello e metáfora do narcisismo que alimenta o autoritarismo postdemocrático. A adopción sen pexa dos estigmas próprios dun imperialismo norteamericano liberado de calquera vocación crítica, o que sen optimismos, dalgún xeito Obama simbolizaba. A prepotencia revisitada, unha especie de Heliogábalo cuxo falo penetra o Sur antes de se locar na capital do imperio. Porén, este gasto inútil non ten o hedonismo como fin porque a propia satisfacción nútrese do sufrimento do outro, da súa negación ou desleixo para con el.  Pola contra, respira  pulsión de morte en acto. Trump desloca o aparello político republicano rodeándose do aparello financieiro e militar. Entanto proxecta erguer un novo muro físico,  advén a obscena singularidade da antipolítica e os seus efectos concentradores de forza. Para gobernar asinando decretos na  evidencia de que, caído o pano,  o esponsal do diñeiro e das armas é quen fica en escena. A imposibilidade dun exceso sen límites non é por acaso a vara que mide a todos os ditadores? Non foi a barbarie o resultado dun exceso sen sustento ético? Non se convoca  o gasto inútil sen acordar aos monstros que, abandonados a un periodo de esponsais desenfrenados,  acaban producindo desastres.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off