off
Economía, Estado, Globalización, Opinión, Política — 12 Xaneiro, 2017 at 09:16

Bernácer, o economista secreto que antecipou a Keynes

por Rafael Cid

Mentres unha desacreditada Unión Europea (UE) bracexa para evitar outro rebento da crise esporeado por novas ameazas encadeadas (Brexit, éxodo de refuxiados, tipos de interese negativos, auxe da partidos ultranacionalistas, corrupción institucional, crecente precarización social, risco sistémico na banca italiana, conflitos armados no seu perímetro xeoestratéxico, cuestionamiento da defensa común atlántica, etc.), a Universidade de Alacant acaba de reeditar o libro “Sociedad y Felicidad”, publicado orixinalmente en 1916 polo español Germán Bernácer, sobre o problema da “ciencia lúgubre baseada nunha prosperidade extractiva, ecocida e antropófoga. Un  insólito achado da literatura económica escrito polo sabio valenciano que, agora hai un século, previu a pandemia da hexemonía financeira anticipándose ao Keynes da “Teoría xeral da ocupación, o interese e o diñeiro”. O artigo a seguir sobre a súa obra é a versión galega  do publicado a comezos da derradeira gran recesión, marzo 2009, na edición en español do mensual Le Monde Diplomatique como expoente dunha visión da economía ao servizo da xente e non ao revés:

Germán Bernácer

Germán Bernácer

A crise financeira internacional deixou ao descuberto a complexidade asimétrica da globalización. Nestes momentos de pánico, algúns expertos pescudaran, na procura de claves anticrise, nos sistemas financeiros que mellor resisten ao tsunami das subprime e derivados; e relendo textos de teóricos visionarios. Hai século atrás un economista español, Germán Bernácer, xa previra e alertara sobre os riscos que envolve a xeneralización exponencial do interese do capital non produtivo.

Arrogantemente ignorado polos seus colegas españois, mentres as mellores mentes económicas europeas, como o francés Jacques Rueff ou os ingleses Dennis Holme Robertson, Ralph George Hawtrey e John Maynard Keynes encomiaban os seus traballos, Germán Bernácer (1883-1965), un enxeñeiro químico de profesión que chegou a dirixir o Servizo de Estudos do Banco de España durante a II República, figura como o precursor da investigación en torno ao danoso influxo da especulación monetaria sobre a economía real, o que na xíria “bernaceriana” denominábase a “riqueza que crea antirriqueza”.

Nado en Alacant en 1883, ano talismán como lembra o mellor coñecedor da súa obra, Henri Savall (1), xa que ese mesmo ano finara Carlos Marx e vindos ao mundo John Maynard Keynes e Joseph Schumpeter, Bernácer fixo do estudo da economía ao servizo da sociedade e, por tanto da produción, a causa da súa vida (2). A súa ambición foi proporcionar material científico e intelectual para tratar de solucionar “o problema social”, que a principio do século XX en España supuña a atafegante loita contra o desemprego, a pobreza da maioría e a insultante riqueza duns poucos. Para logralo, Germán Bernácer postulaba de forma irrevente: a socialización dos recursos naturais, a autoxestión obreira nas empresas e até a desaparición da Bolsa. Medidas todas nas que pensar para saírmos da actual crise. Mas a audacia de Bernácer fixo que tivese que traballar case na clandestinidade e co ostensibel desprezo da comunidade científica oficial. Nunca foi profeta na súa terra (3). O coñecido dicionario francés Petit Larousse Illustré de 1988 citaba a Bernácer, mas na edición posterior española esa entrada desaparecera.

Xa no seu libro de mocidade, Sociedad y Felicidad (4), publicado en 1916, cando só tiña 23 anos, adicado ao seu fraternal amigo o compositor Óscar Esplá, un Bernácer visionario diagnosticaba que o paro estrutural era consecuencia da inestabilidade inherente ao mercado financeiro, a consecuencia da actuación incontrolada de ingresos non gañados, como o interese do diñeiro. Segundo Bernácer, dinámicamente, o equilibrio dunha economía en crecemento esixiría a ausencia do mercado financeiro, porque o diñeiro, “esa mercadoría universalmente desexada por todos e para todos”, debe realizarse no investimento produtivo, xa que pola contra, se acode ao mercado financeiro de maneira xeneralizada, tórnase unha especie de antídoto da economía real que termina frustrándoa.

O que o “Keynes español” sostiña era que non todo o aforro de diñeiro vai ao sistema produtivo, senón que se atesoura para acudir a outros mercados distintos como o financeiro. Chamou dispoñibilidades á parte da renda que nen se consome nen se capitaliza porque é a masa especulativa que interactúa no mercado financeiro, e por esa razón, a medida que estes mercados se fan máis densos e rendíbeis, o diñeiro faise máis escaso na economía real. Especialmente nos períodos de euforia que son o prelúdio das crises porque, segundo Bernácer, o modelo de referencia da especulación é o da aposta no xogo de casino que procura obter lucros constantemente.

Coas ferramentas teóricas da economía do seu tempo, Bernácer está a anticipar a profundidade da anomalía que significa a terapia monetarista, a súa temeraria aposta, cando se usa de maneira exclusiva, e ao mesmo tempo advertindo sobre o seu grao de ineficacia soterrada cando solapa á economía real, pola súa capacidade de afastar recursos á produción. Algo que se viu na implosión da crise financeira actual en forma de destrución de riqueza, emprego e a consecuente acumulación de débeda pública partillada en varias xeracións debido ás amortizacións das operacións de rescate aplicadas polos gobernos. Un abismo apenas compensado por esas receitas para abrir “paréntese no libre mercado”, pedidas recentemente por algúns oráculos das finanzas ou a cirúrxica cancelación do modelo de banco de investimento.

Para o economista alacantino non hai máis valor que o traballo e “o xeito máis radical de impedir a especulación sería suprimir a propiedade privada dos valores de renda” (5). Esta militancia no social que o acompañou até a súa morte e fixo que, nunha ocasión, confesara á súa esposa que as súas ideas acabarían sendo aceptadas no século XXI, levouno mesmo a rivalizar con John Maynard Keynes, personalidade ao que algúns autores creron en débeda epistemolóxica con Bernácer, por admitir “que hai equilibrios económicos na desocupación, de modo que o paro resulta incurabel por medios naturais porque a limitación do emprego de brazos é unha lei da economía” (6). Mas tamén, a ser admirado e seguido por revolucionarios como o dirixente anarquista Diego Abad de Santillán, quen no seu libro “El organismo económico de la revolución” (Barcelona, 1937), publicado en plena guerra civil, recoñece a importante influencia recibida da lectura de “Interés del capital”, un texto que data de 1925 onde Germán Bernácer expón a súa teoría sobre e contra a especulación financeira.

No Interese do capital. O problema nas súas orixes, Bernácer trata de responder á pregunta: “Por que a posesión de riqueza permite recibir unha renda da que o seu posuidor pode vivir, iludindo o labor produtivo?, cuestión que el considera chave para abordar o problema máis amplo do “lucro do capital”, que é obxectivo diana das súas pescudas como economista social. “O valor de renda que o lucro dá á riqueza “argumenta o seu autor”, non polo seu investimento, senón pola súa posesión, é o que comunica principalmente á sociedade actual o seu aspecto peculiar de persecución da riqueza por si mesma, ese selo de sordície e cobiza, xunto ao luxo estéril, que é a característica económica e moral do momento social presente ou alomenos o aspecto que tende a desenvolverse a expensas doutras máis nobres calidades. Se é á posesión da riqueza, e non á capacidade útil do traballo, ao que debe ser sempre ligada a maior vantaxe social, a millora moral da sociedade “que é o fundamento do seu progreso” será unha obra moi lenta ou seica imposibel” (7).

Desposuído o texto do aroma a sermón que expele, o testemuño de Bernácer tórnase simples premonición que nos coloca no camiño certo da crecente irracionalidade do sistema económico capitalista denunciado por Maurice Godelier no seu clásico texto, “El ideal y lo material” (Taurus, Madrid, 1989).

Bernácer sinala a diferenza entre “produtividade” e “lucratividade”, aspectos ambos tan presentes nos ardís do libre mercado envorcado ao homo económicus. Así afirma: “A actividade industrial pode ser improductiva e, con todo, lucrativa, como acontece coa obtención de produtos que non son útiles e mesmo son prexudiciais (o opio por exemplo) para que proporcione abastado proveito aos seus produtores. Inversamente: pode ser produtiva e non lucrativa, como cando é obtido un produto útil, que presta servizos sociais e que no entanto, por unha mala organización comercial ou pola desfavorabel conxuntura social, o produtor non recebe gaño ningún da súa fabricación”.

A negación do interese do capital formulada por Bernácer está lonxe de ser anticapitalista, mas claramente evita lexitimar unha economía que socializa perdas, privatiza beneficios e resulta improductiva á hora de atender a demanda de necesidades cuxa produción non xustifica a taxa de beneficio dominante nos mercados. Informes de organismos humanitarios internacionais sinalan que con só 3.000 millóns de euros dos mobilizados contra a peste das subprimes poderían ter atallado os problemas de desnutrición crónica de 19 millóns de crianzas no mundo. E de usarmos os 2 billóns de dólares destinados a salvar ao sistema financeiro en Estados Unidos, poderíase atender a 12.400 millóns de persoas (cálculo do catedrático de Economía da Universidade de Málaga, Juan Torres López).

A achega de Germán Bernácer á teoría das dispoñibilidades ten outra singularidade que vista á luz da problemática presente baliza o carácter de ondas da actual crise financeira. No seu aparello metodolóxico figura en realidade un “duplo atesouramento”. O constituído polo diñeiro que está inserido en operacións especulativas e o que está dispoñibel para idénticas lucratividades fóra da produción ainda que dentro do circuíto financeiro, que é o que Keynes denominaba “preferencia pola liquidez”. Ambas as modalidades son perniciosas, aínda que en escala e grao variado. Bernácer, en opinión do seu biógrafo Savall, rebate o interese do capital, que é o prezo a pagar para provocar o desentesouramento, porque este fai máis caro o investimento produtivo e mantén a inatividade forzosa.

A teoría xeral sobre o interese do capital e a especulación financeira foi concibida practicamente á vez que o estalido da Gran Depresión que terminaría con perto de 3.000 bancos en suspensión de pagamentos e 140.000 millóns de dólares de aforradores esfumados, mas Germán Bernácer nunca abandonou ese filón até o seu falecemento en 1965. Cos seus erros e limitacións, el foi un dos poucos economistas que avistou o abismo que un día podía abrirse ante a economía de casino, porque como deixou escrito: “O futuro non podemos facer máis que pensalo; sentir, só sentimos o presente”.

Apontamentos:

(1) Henri Savall, Germán Bernácer. La heterodoxia en economía, Instituto de Estudios Alacantinos, Alacante, 1983.

(2) Unha bolsa da Xunta para a Ampliación de Estudos permitiulle completar a súa formación en Alemaña e outros países europeos. De volta en España obtén o título de profesor mercantil e entra como profesor na Escola Superior de Comercio de Alacant da que chegou a ser Director. Posteriormente, en 1932 pasa á Escola de Altos Estudos Mercantís de Madrid. Foi membro do consello de redacción da “Revista Nacional de Economía”, na que publicaban os economistas máis prestixiosos da época e colaborou na fundación do Servizo de Estudos do Banco de España, en 1930. Tras a guerra civil española ábreselle expediente de depuración por colaborar co Banco de España "republicano" até o final da contenda, se be o Tribunal de Responsabilidades Políticas permítelle a reinserción á súa cátedra e ao servizo de estudos. Neses empregos continuará até a súa xubilación en 1955.

(3) Recentemente, as cousas mudaran, e en honra de Germán Bernácer, o Observatorio do Banco Central Europeo e a Caixa de Aforros do Mediterráneo (CAM) estableceron o Premio Bernácer que se concede anualmente, desde 2001, a un economista menor de 40 anos, dun país da Unión Europea, que realizase contribucións destacadas no terreo da macroeconomía e as finanzas.

(4) Germán Bernácer, Sociedad y felicidad. Ensayo de mecánica social, Francisco Beltrán, Madrid, 1916.

(5) Germán Bernácer, “Teoría de las disponibilidades como interpretación de las crisis económicas y del problema social”, Revista Nacional de Economía, n°40, Barcelona, 1922.

(6) Germán Bernácer, Misión del Economista, Discurso de clausura de curso na Escola Superior de Comercio, Madrid, 1954.

(7) Germán Bernácer, Interés del capital. El problema de sus orígenes, Edición Lucentum, Alacant, 1925.

1 Comentario

  • Keynes centrouse en estudar o control da economía en época de crise mediante o gasto presupuestario do Estado. É dicir, que o Estado estimulara a economía facendo estradas… Pero iso en si non é unha política de esquerdas. Non sei se lle está facendo un favor chamandolle o Keynes español a este señor.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: