off
Cedeira, Política local — 9 Xaneiro, 2017 at 11:18

Piden á Demarcación de Costas que retranquee entre 20 e 25 metros a duna da Madalena

por

Somos Cedeira  entende que a proposta de retranqueo foi falada máis non decidida na última reunión da Plataforma e que cómpre non abondar en trapalladas e esixirlle  dunha vez ao xefe da Demarcación de Costas en Galicia o  compromiso de realizar un estudo integral previo a calquera actuación


O retranqueo entre 20 e 25 metros da duna da praia da Madalena é unha das medidas que segundo comunicado de prensa do Concello de Cedeira, a Plantaforma en Defensa da Ría de Cedeira propón á Demarcación de Costas en Galicia para evitar o progresivo deterioro dun areal que aínda hoxe sufre as consecuencias do recheo realizado no ano 2001. O devandito colectivo, do que forman parte representantes dos partidos políticos presentes no goberno local ( PSOE, BNG e Anova) e Esquerda Unida, así como das asociacións Adega, Mares de Cedeira, Somos Cedeira e a Confraría de Pescadores, entende que deste xeito conseguiriase unha menor afección do mar sobre o sistema dunar, polo que, ao tempo, evitariase tamén o arrastre de area que se produce agora ata a boca da ría. E dado que se trata de unha petición que non ten que levarse a cabo de xeito inmediato.

Como segunda medida os membros da plataforma solicitan da Demarcación de Costas que execute a obra que quedou pendente no regato de San Isidro e explican que, de levala a cabo, non debería incrementar a anchura do caudal respecto da que ten na vertical do paseo marítimo coa fin de evitar que cambie a velocidade do seu descorrer. Os asuntos que agora reclama o colectivo pasan tamén por solicitar do xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, a súa participación nunha charla-coloquio para analizar a evolución do areal e recordarlle, de paso, o compromiso que o seu departamento ten coa veciñanza no tocante á redacción dun estudio de impacto ambiental da ría no seu conxunto.

A Plataforma, que se manifesta totalmente contraria a autorizar unha nova actuación de Costas na praia, entende que Portos de Galicia tamén debería contribuír á conservación do areal e a súa contorna, polo que demanda dos seus responsables a súa total colaboración á hora de permitir que o sistema de saneamento chegue a todas as instalacións existentes na zona, dende a Casa do Mar até o alboio da Cruz Vermella. Tamén os insta a atopar unha solución ao depósito de area que se produce na entrada da ría e que, entre outras consecuencias, dificulta a entrada no porto de barcos de maior calado.

Segundo Somos Cedeira o retranqueo foi proposto máis non foi decidido

Á espera do posicionamento de ADEGA , segundo fontes consultadas a Plataforma pola Defensa da Ría de Cedeira non acordou ese retranqueo, se ben houbo concordancia en que o aspecto actual co noiro sobredimensionado foi consecuencia do recheo de 2001. Antón Cribeiro, biólogo e representante de Somos Cedeira, en artigo publicado en Ollaparo o 23 de marzo de 2013 (Praia da Madalena:pensar amodo, actuar axiña[2]  mostraba a este colectivo partidario de manter a parede de madeira até pasar os rigores do inverno ainda que suprimindo, iso si, a tea que recubre a parte superior da duna, a non ser que dese modo se consiga a rexeneración da vexetación dunar. Porén, agora xa está aí, coma está o valado artificial do noiro, e polo tanto a Plataforma entende que se debe xestionar con siso e rigor xa que o único decidido na última reunión da Plataforma  foi a realización do preceptivo estudo integral previo a calquera nova actuación.

Somos Cedeira entende que malia a tendencia do Concello a facer da necesidade virtude e desta disposición de ánimo unha instrumentación manifesta da boa vontade de quen vén expresando nestas páxinas un roteiro que pasa inequivocamente pola elaboración previa de estudos ambientais, o retranqueo foi proposto máis non foi decidido xa que a idea acordada era a de  non tocar nada até pasado o inverno para ver como evolucionou.

En calquera caso, de valorarse a posibilidade do retranqueo, esta precisaria dun estudo ambiental previo que non se fixo nin parece preverse a súa realización. O que semella ir ficando claro é que nada mudou malia saberse que o mar levaria o xabre por diante do valado, como así aconteceu malia ir debullandose cada vez de xeito máis nídio que o camiño certo é a elaboración de estudos ambientais na mesma medida que se realizan noutros lugares, como agora na ria do Burgo.

O que non é asisado é teimar e non xestionar a duna alta artificial, espallándoa para lecer de turistas e colmatacion da ria no inverno nun custoso ciclo, e volta a empezar cada ano.

madalena_noiro_cedeira_20161226_135301

Sección do noiro dunar da praia da Madalena [2016-12-26]

O alarmismo xerado nos anos 90 logo dunha xeira de duros invernos, derivou nun macro-entullo que malia a  boa vontade dos gobernos locais, derivou nunha incorrecta e mesmo contraproducente actuación de Costas. Co retranqueo tornará todo ao estado previo ao recheo. E de funcionar  demostraría que a finais dos 90 non se atinou. Faltou paciencia, rigor e estudo. A Concelleria de medio Ambiente debería aprender daquelas urxencias e non anticipar actuacións que non se acordaran xa que o único acordo foi na lectura retrospectiva de que mellor fóra non facer nada no 2001,  nada mais agás a reiterada proposta de Somos Cedeira de que o primeiro é facer os estudos xa que debemos considerar o cambio climático nunha hipotetica actuación de retranqueo e reestabilización do sistema á situación previa a 2001. Isto ademais poría de manifesto que todo canto se fixo foi un desastre total.  Nas notas de prensa publicadas este Nadal, a concelleria de medio ambiente do Concello de Cedeira non contempla  as emendas de Somos Cedeira, o que non se entende xa que foran solicitadas.

– Non abondar en trapalladas que non sirven de nada, e que se fagan dunha vez os estudos de impacto ambiental solicitados (EsIA).

– Non volver a deitar  area diante dos troncos cara a beira do mar, pois sempre a leva como era de esperar, menos Costas ao parecer.
– Manter o balado onde están simplemente porque xa están, e no inverno todo o que sexa estruturas de protección non sobran.
– Consultar o tema da tea, por se ten funcións a maiores aparte de reter area. Cómpre ter presente que hai un risco -agora mesmo importante- de accidentes nesa zona.
– Atrás dos troncos, agardar a que pase o inverno sen remexer nada e avaliar os efectos.
Evidentemente, á marxe dos preceptivos EsIA e de xeito paralelo,  Somos Cedeira acha que hai medidas preventivas, económicas desde o punto de vista do custo, que ben se poderian contemplar  tal e como ven insistindo desde o ano 2013 e que mesmo  podendo semellar contraditorias con posturas pasadas, non o son tanto. Ao cabo, os  pasados erros de valoración  poden servir para afinar ainda máis as intervencions presentes.
Exixirlle a Eimil a palabra dada (EsIA) e lembrarlle ainda o seu compromiso de vir a Cedeira a falar e explicar o que sexa necesario.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: