off
Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 26 Decembro, 2016 at 11:36 a.m.

Iluminados polo lume

by

Unha percepción de inseguridade vital provocada polo terrorismo jihadista, o desvalimento causado polo impacto social da crise económica, o descrédito da democracia nominal pola sistémica corrupción institucional e o suicidio dunha  esquerda falsaria adicta ao “canto pior mellor” que semella querer retroceder até os negros tempos do pacto Stalin-Hitlbelen_madrid_2016er (lembrade Alepo!) , son algúns dos factores que están a conxurar a tormenta perfecta para que o 2017 sexa o ano cero en que fascismos de novo cuño alcancen o poder en Europa grazas ao inapelable veredicto das urnas.

Hai un tipo de fe que mata. A fe que cega. A que ao revelarse deixa o cerebro doido. Sen capacidade de asisar, só de porfiar. Non é luminaria dunha relixión concreta. Axexa en todas as crenzas. Tamén nas confesións laicas. Aquelas que propoñen ideais totalitarios, sublimes e perfeccionistas utopías (teleolóxicamente distopías). O fundamentalismo non ten patria. Está nos “lobos solitarios” que baten no hemisferio cristián tanto como nas “misións de paz” con que occidente encobre os seus razias neocoloniais. Os primeiros aterrorizan á sociedade civil e ceban o revival dos ultras xenófobos cara ao poder. Os segundos embrutecen o dereito de xentes e deixan as resolucións da ONU en papel mollado.

O ano 2017 en cernes xungue moitas incertezas e perigos neses territorios. Aínda que sen dúbida a perspectiva máis negra é a que apunta á voadura controlada dos valores que dinamizaron a Ilustración. Non os que abanderou a Revolución Francesa, liberdade, igualdade e fraternidade, que seguen sendo un desiderátum segundo por onde se tome o pulso social.

Refírome aos outros principios de convivencia incorporados á nosa cultura, a tolerancia, o pluralismo e os seus derivados empáticos, que polinizaran a forma de ser democrática, con todas as súas lagoas e carencias.

Nesa tormenta perfecta que supón a imputación da crise de arriba abaixo con que os gobernos enredaran a gran recesión, gañándose un merecido descrédito, únese agora a súa incapacidade para garantir a seguridade dos cidadáns. E a colleita derivada de semellante buraco negro devén en intransigencia, exclusión, insolidariedade e pánico. Unha orballeira da que se nutren os partidos autoritarios emerxentes, coa súa promesa hipodérmica de mudanza, chicote e orde caia quen caia. Os sicofantes do século XXI.
Con esas vimbias, e case de maneira espontánea, brota unha visión belixerante da política concibida como un campo de batalla. A dialéctica hegeliana amo-escravo que teorizara durante lustros a guerra social, reciclada na contemporánea sociedade postclases como pugna amigo-inimigo, co nazi Carl Schmitt de profeta. A destra e sinistra, os novos cruzados chegan uncidos ao podio do pensamento único e a fe cega, como heraldos do absolutismo neoliberal e do totalitario ultranacionalista. Sen que admitan pormenores nen meditación. “Quen non está comigo está contra min”, é o lema de chequistas e inquisidores.
Por que se produce está irrupción da superstición a gran escala nunha das etapas da humanidade de maior progreso técnico-científico? O filósofo alemán Jürgen Habermas apunta na dirección de encher un baleiro existencial: “As tradicións relixiosas proporcionan até hoxe a articulación da conciencia do que falta. Manteñen esperta unha sensibilidade para o errado. Preservan do esquecemento esas dimensións do noso convivio social  na que os progresos da nosa modernización cultural e social causaron destrucións abismais” (Entre relixión e naturismo).
É unha opinión docta para interpretar ese reino da Machtpolitik (política de forza), onde ninguén é enteiramente inocente aínda que as responsabilidades non sexan equiparables. 11-S, invasión de Iraq, 11-M, guerra de Siria, ocupación de Crimea, son algunhas pautas da gangrena habilitante. Un cisma que recrea o hobbesiano “homo hominis pupus” (o home é lobo para o home), aínda que o actual egoísmo cainita non enfronta a rangos de clases (capital e traballo) senón a semellantes en percepción de necesidade (traballadores azoutados pola crise fronte a emigrantes da fame e refuxiados políticos). Os seus protagonistas estelares son os Trump, Putin, Erdogan, Orbán, e cuantos vates esperan desembarcar o próximo ano en Europa tras as eleccións en Francia, cun Marine Le Pen na arremesada, e na Alemaña, cunha Ángela Merkel tachada pola censura (polo “delito” de acoller a máis de 900.000 apátridas). A recente vitoria pírrica dun verde independente en Austria só é unha anomalía do sistema.
Esta lameira tén pedigrí. Cando a Segunda Internacional acuñou a competencia política mediante partidos socialdemócratas de ámbito nacional, entronizou a quebra da solidariedade internacional entre os traballadores (proletarios do mundo, unídevos!). Unha desancoraxe que facilitou que o “exército de traballadores” se militarizara en favor dos seus respectivos gobernos para matarse nos campos de batalla da Gran Guerra (1914-1918). Con tanta saña que os escasos intelectuais que se enfrontaron á onda chauvinista foron repudiados publicamente cando non asasinados (caso de Jean Jaurés). As metástases desa conflagración fratricida remataría debuxando un mapa político de partidos socialistas nun só país: etimolóxicamente, partidos nacionalsocialistas.

O que hoxe denominamos terrorismo inventárono os Estados imperiais e as súas rapinas cando se lanzaran a reprimir as revoltas nas súas colonias. Desde o xenocidio español en América (a “acción evanxelizadora”) até o estadounidense (exportando “a súa democracia2) ou o soviético (“a patria do proletariado2), pasando polo inglés (Deus salve á raíña!) ou o francés (a grandeur), todo vén bendicido por “razóns de Estado”.

Un terrorismo que hoxe se perpetra a longa distancia con drones e arsenal a control remoto, e que antes de cando en cando tiña réplica na metrópole, dada a distancia e o illamento das poboacións sometidas. Algo que a globalización e a súa innata transversalidade sentenciou ao trocar a impunidade de outrora pola capacidade de resposta diferida a cargo das vítimas ou achegados. No seu libro Reflexiones sobre a guillotina (1957) Albert Camus abordou o tema desta positivación da violencia.
Ao seu envés, o terrorismo resistente ou de vinganza é máis recente, e tivo as súas manifestacións máis coñecidas en casos de tiranicidio (Simón Radowitzky) e de rexicidio (Mateo Morral), que adoitaban levar a inmolación do que o perpetraba. Ademais normalmente discriminaba á vítima, aínda que non sempre (atentados anarquistas do Corpus e do Liceo), e era individualista, aínda que non sempre (a organización armada ETA en Hipercor e a súa teoría do ao “socialización da dor”). Un trazo que se mantivo parcialmente nos actos terroristas do fanatismo relixioso, que aínda que seguen implicando o “martirio” dos seus autores (11-S) consúmanse contra a poboación en xeral (atentados jihadistas con camión en Niza e Berlín), nunha clara mensaxe de que consideran á cidadanía cómplice das falcatruadas dos seus gobernos (Sartre e a súa socialización do sufrimento). Ou sexa, é o trunfo desideoloxizado do troquel nazi amigo-inimigo, que non por casualidade recupera a súa primitiva condición de terrorismo de Estado, relixioso, no caso actual do ISIS (Estado Islámico).

Por iso un heroe do noso tempo é o soldado Manning. Trátase dun feito illado, aínda que de enorme mérito e transcendencia para espertar sensibilidades envaidecidas. Porque no plano convencional as consecuencias adoitan ser perversas. Como os partidos van ao celeiro do voto popular, cando a xente se dereitiza ao sentirse vulnerable por embates exteriores, as formacións disciplínanse no mesmo trágaa oferta-demanda. O exemplo está en Francia cara ás eleccións 2017, onde gañe quen gañe ocupará O Eliseo un espécime salvapatrias (Lle Pen, Fillón ou Valls). Ese é o panorama que se nos bota encima, un neofascismo populista (político, económico, cultural, social, racista, homófobo e antiecolóxico), de consecuencias imprevisibles.

E non irrompe de man da dereita conservadora tradicional, senón pola irresponsabel cegueira dunha esquerda acrítica que fixo emblema do odio á democracia e confundiu antiamericanismo con anticapitalismo, deixando en barbecho mentes, conciencias e sensibilidades para ser reprogramadas polos novos bárbaros.

A historia repítese, e non é como farsa. A indiferenza con que as chancelarías occidentais e a esquerda comunista internacional aceptaron atropelos criminais como a anexión militar de Crimea e a derriba dun avión comercial con perto de 300 persoas a bordo sobre o chan de Ucraína por Rusia e os seus aliados, e o pavoroso asedio a Alepo por Putin e Bashar El-Ásad festexado como “liberación” pola gauche da revolución pendente, lembran a “neutralidade” con que esas mesmas forzas recibiran en 1939 a alianza entre Stalin e Hitler para repartirse os Balcáns. O caso de Siria é unha continuación do ocorrido antes en Exipto cando as potencias dominantes (EEUU, Rusia, Israel) e os partidos e sindicatos de esquerda ao unísono apoiaron o sanguento golpe militar do xeneral Al Sisi contra o seu primeiro goberno democrático, enterrando os últimos vestixios da primavera árabe (http://www.rebelion.org/noticia.php?ide=220796).

Por que Siria, ao contrario que Iraq, non mereceu un clamoroso “Non á Guerra”. Ao parecer aínda hai clases de cadáveres.

Outra vez as xentes carne de canón dos “señores da guerra”. Explotadas e sometidas por autócratas e déspotas, non só contribúen coa súa suor a financiar demenciais medios de aniquilación masiva, malgastando inmensos recursos do patrimonio social, senón que mesmo dotan de munición humana aos patrióticos escadróns da morte mobilizados polos seus Estados. Segundo acaba de recoñecer o ministro de Defensa ruso Shoigú, durante a campaña siria o Kremlin probou 162 modelos de armas novas e outras modernizadas, entre elas os avións Su-SM e Su-34, e os helicópteros Mi 28 H e Ka 52. Manda a estratocracia, que dicía Castoriadis, o keynesianismo bélico, constatando que nun mundo unipolarmente capitalista o complexo militar-industrial global supón o último bastión do sistema Trump e Putin xa empezaron a competir para ver quen ten o maior arsenal nuclear.
Xa case ninguén pensa, con Brassens, que a música militar nunca nos pode levantar. Ao contrario, en realidade esa ladaíña arrólanos. A véspera de Noiteboa paseina a carón do Cuartel Xeral do Exército, en plena praza da Cibeles de Madrid, e enfitei a xentalla arremoiñando para ver un nacemento xigante instalado nos seus xardíns, escoltado por senllas pezas de artillaría. Persoas sinxelas admirando o Belén mentres a banda do corpo de garda do centro que coordina as “misións humanitarias” españolas no medio mundo tocaba “Noite de Paz”. Como  se for a viúva. A orquestra militar que viaxa no Tupolev 154 estrelado no mar Negro tamén ía en embaixada de boa vontade. Os integrantes do Coro do Exército Vermello dirixíanse a Siria para festexar o Ano Novo coas tropas da agrupación da base aérea de Jmeimim que, coas súas ondas de bombardeos sobre Alepo, tan decisivamente contribuíu á capitulación da cidade asediada polo réxime do ditador Bashar Al-Asade. Grazas, Colau, por vetar a policías e militares no Salón da Infancia de Barcelona. Por algún sitio hai que empezar a dicir basta.

One Comment

  1. Este texto quedaría ben na Apocalipse de San Xoan. Profético a tope.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off