off
Europa, Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 6 Decembro, 2016 at 9:55 a.m.

Renzi como Tsipras

by

Referendos vendo que para min non teño. Ese podería ser o lema do momento político. Agás as tradicións democráticas británicas, onde senllas consultas foran levadas até as derradeiras consecuencias, a de Escocia e a do Brexit, a práctica entre a clase política na Unión Europea semella ditada polo puro e simples oportunismo. Primeiro foi Alexis Tsipras, convocando un referendo que gañou por goleada para daquela ser o primeiro en boicotealo. E agora é Matteo Renzi, con outro corte de mangas parecido, ao pasar de apalabrar a súa renuncia a noite eleitoral a adiala até a aprobación do orzamento en 2017. Esperpento: un cadáver político condicionando social e económicamente, alén da sepultura, a un país inteiro co herdo recibido. Amarrado e ben amarrado.

matteo_renziEn ambos os casos fíxose un uso ilexítimo da vontade xeral buscando a atenuante de “causa de forza maior”, vulgo razón de Estado. O primeiro ministro grego falou cínicamente de golpe de man dado por Bruxelas para cubrir a súa traizón, milonga que foi repicada relixiosamente por unha esquerda que vía no líder de Syriza ao novo mesías antisistema. O seu homólogo italiano foi menos chusco porén igualmente taimado, porque rectificou en vinte e catro horas adiando a súa saída para “evitar o caos no país”. En ningún caso se tivo en conta o criterio expresado con rotundidade polos cidadáns chamados a decidir. Como Juan Palomo, “ellos se lo guisan y ellos se lo comen”
O resultado é unha nova recuada da democracia realmente existente, que sen dúbida alargará aínda máis a fenda entre representantes e representados. Hoxe Tsipras, segundo todas as enquisas, ten o rexeitamento maioritario da poboación, mas non tén oposición dentro do partido, como se demostrou no último congreso, onde saiu reeleito por máis do 92, 39 % dos votos. Pola súa banda, Renzi, nin sequer iso, porque nunca pasou polas urnas, e é moi posibel que agora estea a dar escusas para evitar que se convoquen novas eleicións, seguindo esa rotina antidemocrática de gobernos técnicos que comezou após demisión de Berlusconi en 2011 (Mario Monti, Enrico Letta e Matteo Renzi) de taponar a voz do pobo.
E todo para evitar que os coitados contribuíntes exerzan o papel de titulares da democracia que nominalmente lles outorgan as súas respectivas constitucións.

Dá a impresión de que existe unha lei non escrita que, mentres duren as turbulencias da crise, activa un estado de excepción na UE que deixa aos seus habitantes como simples figurantes.

Por iso é polo que os referendos sexan ben vindos cando serven para  desenvolver os poderes dos dirixentes dispostos a aplicaren as contrarreformas e as medidas de austeridade da Comisión Europea, caso Renzi, e tornaren papel mollado se nacen desde a óptica contraria, caso do converso Tsipras.
Curiosamente, o referendo de reforma constitucional que Renzi tirou da manga plaxiaba o artigo da lei electoral grega que outorga un gorentoso plus de escanos ao partido máis votado, chimpo cara arriba que permitiu a Tsipras aderirse o Executivo e dominar ao Lexislativo para facer o contrario do que predicaba desde a oposición. Outra forma de socializar as perdas e privatizar os gaños.

One Comment

  1. Cameron dimiteu polo Brexit. As consecuencias do Brexit é sair da UE.
    Renzi dimite. As consecuencias do referendum italiano é que non se cambie a Constitución.
    Tsipras recoñece o seu fracaso ante a UE. Dimite e convoca eleccións que gaña.
    As tres consultas son levadas ata as últimas consecuencias. Incluso a de Tsipras porque convocou eleccións.
    A democracia británica foi a que deixou escapar a Pinochet. Ou a que ten retido a Assange na embaixada a Ecuador.
    Se pola UE fose en Italia gañaría Renzi. Sería benvido un referendum que gañara Renzi non un que perdera. Non?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off