off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 27 Novembro, 2016 at 6:32 p.m.

Vergoña

by

fitamagneticaA democracia representativa configura o seu particular imago mundi. Con dúas patas fundamentais: a política e a mediática. Unha escarabulla na dominación persoal vía delegación eleitoral. A outra utiliza a súa panóptico audiovisual como arma de comunicación de masas. Por iso, cando unha esbirra a outra arrefría. Acaba de ocorrer na pequena liorta do “caso Barberá”, malgastando despropósitos por toda parte.
Á marxe do tema “escrache si, escrache non” de Podemos sobre o polémico legado da ex alcaldesa, os medios sentíronse interpelados polas acusacións dos funcionarios do PP sobre a cobertura dada sobre o seu horizonte procesual. Perante esta reprimenda (Rita Barberá faleceu por si mesma, e non por mor de ningunha alevosa persecución), os nosos voceiros optaron por reclamar o apoio a opinión pública aducindo ser en conspicuos notarios da actualidade.

E como se apaña antes a un mentireiro que a un coxo, abondou monitorizar a esas televisións cando o noticiaban para demostrar a trola. Quen teña criterio viuno e ouviu en moitas emisoras privadas, cando despois de descualificar con tinguiduras de honorabilidade ofendida a última brincadeira dos Rajoy boys (“linchamento” afirmou o portavoz Rafael Hernando), pasaron a oficiar o seu sagrado deber de informar. Meu dito meu feito. O que nese momento tocaba era ofrecer aos espectadores una desas exclusivas regurxitadas capaces de facer que a xente clame por restablecer a pena de morte para os malos. En concreto, tratábase dunha fita sobre a reconstrución xudicial do asasinato de Marta do Castelo en 2009. Telecinco e Antena 3 TV, nos seus informativos do mediodía e da noite, decorreron coas explicacións dos mozos, na altura menores de idade, presuntamente implicados no hórrido crime.

Con deleite e aleivosía. Coa satisfacción da misión cumprida e o orgullo de dar todo pola liberdade de expresión. Mas había un detalle  que estragaba as altruístas pretensións dos directivos dos meios. Un dos protagonistas do corte de vídeo ao que “tiveran acceso” (sic) as canles, Francisco Javier Delgado, resultou exculpado no xuízo celebrado no seu día para clarexar os feitos. Quer dicer,  predicando co couce e para gañar cota de mercado, os amos listos da caixa parva resucitaban sete anos despois como sospeitoso dun brutal asasinato a un cidadán inocente. A día de hoxe, ignórase se o ministerio fiscal ha iniciado actuacións xudiciais contra quen auspiciaron ese linchamento nos seus programas de máxima audiencia.

Atropelos desta índole danse todos os días no imago mundi mediático sen que ninguén se chame a escándalo, aínda que no caso das televisións privadas, que son unha concesión gobernativa, o seu uso e goce estea oficialmente submetido á responsabilidade dos seus contidos. Autorregulacion que adoita luzar pola súa ausencia na cotiá e crecente disputa polo competitivo “share”. Tais excesos, cometidos ex ante para gorentar a hipnótica demanda do público, branquéanse ex post cunha presa de fundacións pías dos maltratadores para facer beneficencia reparadora: violencia machista, doenzas raras, colectas, etc. Actúan así como o señor Juan Robres do epigrama de Iriarte, aquel que “con caridade sen igual fixo este hospital mas antes fixo os pobres”.

O esperpento dos nosos agudos mediadores non ten límite e acada todos os rexistros imaxinabeis, podendo clonarse nalgúns diarios dixitais de tendencia progresista. Estas últimas semanas, por mor da polémica sobre o futuro das pensións, un destes portais con linaxe sumábase ao seu xeito ao trending topic do dereito de pernada. Mentres na cabeceira denunciaba a presunta privatización encuberta do sistema (mesturando como é adoito feitos e opinión), nun banner superior publicitaba a toda páxina a oferta de plans de pensións dun gran de banco, con calculador incluído. Por non falarmos, cambiando o terzo porén no mesmo vergoñento rexistro, das proclamacións que algúns representantes dos concellos do cambio lanzaron contra “a pobreza enerxética” ao mesmo tempo que, con máis dun mes de antelación, celebraban a inauguración da flipante iluminación do Nadal (público/privado como vasos incomunicantes)

A emerxencia e hexemonía das televisións privadas en España foi até hoxe do PSOE. Felipe González, no 1989, deu luz verde a Antena 3 TV, Telecinco e Sogecable, e Rodríguez Zapatero á Sexta en 2005. Tamén se debe a este último, a autorización para emitir en aberto a Canal + (sob indicativo de Catro), así como a prohibición para financiarse con publicidade ás cadeas públicas (progubernamentais), xunto coa derrogación da normativa que impedía ás privadas fusionarse e ter máis dun 25% de capital estranxeiro. Pola contra, o Terceiro Sector da Comunicación, o dos medios comunitarios sen ánimo de lucro, segue sendo un ermo ao que ningunha autoridade se digna atender.
Agora que por fin parece haber disposición a criticar a funesta influencia desas institucións non eleitas que nos gobernan (FMI, BM, BCE, etc.), segue sorprendendo o prestixio de que aínda gozan os media como o ogro filantrópico máis referendado polas súas sofridas audiencias.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off