A fin de semana cedeirense enfia a segunda xeira do certame de Teatro Amador coa representación de “O consultorio” a cargo da Asociación Pico do Castro de Foz
O pasado día 11 foi inaugurado o primeiro Certame de Teatro Amador, que é unha iniciativa do Concello para fomentar as compañías de teatro afeccionado achegando a arte escénica a un público máis amplo. A función deste venres, que tamén será no Auditorio Municipal comezará ás 20.00 horas, a cargo dos membros do grupo amador de teatro da Asociación Pico do Castro (Foz) que porán en escena a obra “O consultorio”. Unha comedia onde a consulta dun psiquiatra serve para fitar a incomunicación familiar, a sexualidade e a soidade da nosa realidade imediata.
O certame aínda terá continuidade o venres 25, coa representación da obra “Misterios” a cargo da compañía O Aturuxo de Melpómene. É unha peza da que é autora a escritora Paula Carballeira e pensada para todos os públicos.