off

Trump, a antipolítica como norma

por Gabriel Beceiro

A antipolítica como resposta ás moitas imposibilidades da administración Obama. Nada novo. Porque non é nova a antipolítica nen foi Trump quen lle imprimeu fasquía neoliberal. De facto, primeiro foron Blair e  a saturación da versión debole do neoliberalismo na Gran Bretaña e  Bill Clinton no Partido Demócata cando logo de promoter sanidade pública universal  acabou aprobando o Nafta [o acordo de libre comercio con México]a  lesiva reforma do sistema de benestar para as camadas populares. O marco mental dos norteamericanos volve ser o que era, o da “América primeiro” correlativo do aluvión da extrema dereita europea mas diferente na súa fasquía ideolóxica e visibilización discursiva por moitas semellanzas que teñan os seus eleitores. Trump é o capitalismo tout court na sua irracional nudeza contemporánea. O promotor Trump construirá masivamente. Como fixo a China ao comezo da crise. E se cadrar costaralle millorar os números de immigrantes deportados durante a administración Obama. Aumentará o racismo policial e medidas regresivas nos dereitos das mulleres e na mudanza do clima. Gobernará Goldman Sachs.

Chámanlle reacción emocional ao desencanto e  a perda de creto da democracia representativa, porén foran as clases traballadoras as que acreditaran neste apóstolo do neoliberalismo mostrando a verdade do capital,  para quen diñeiro é o fin da da história.  Un capitalismo sen tañeiras e remendos (no capitalismo liberal é o diñeiro quen fai a lei) que foi gañando a percepción de corrupción sistémica, do secuestro e mau funcionamento das institucións, onde os intereses económicos que Trump representa, teñen a capacidade de moldar a lexislación e as decisións políticas a seu favor, capturando as institucións  que deberían defender o interese público. Trump non é excepción, talvez o seu maior ventrílocuo. Por iso os Trumps están por todas partes. Ou é nova a capacidade mobilizadora da raiba e o odio  en situacions de xeral desgosto, cando se simplifica e perde a paciencia perante a evidencia de que nada se pode solucionar dun xeito definitivo?. Desde cando a racionalidade política pode determinar o voto? Repárese que nas eleccions que deron a presidencia a Donald Trump abstivose o 46,5% da poboación en idade de votar (unha das máis altas dos paises “desenvolvidos”),  malia ser o 15% quen declara  non ter interese na política. A realidade calou EUA e ao mundo até aos osos. Entanto os economistas que o mostraran como un desastre, cientistas políticos que o tiñan abertamente desprezado  comproban que  eclosiona a onda populista encetada polo Tea Party.

Os EUA de Donald Trump é un país esgotado por duas guerras que non gañaron e que sangaron as finanzas e a tradicional vontade intervencionista dun xigante tan grande como a súa débeda soberana, que virou cara si após unha recuperación económica desigual que canleou o desafecto cara as élites a través do discurso do traballador branco que transmuta a raiba nunha reacción testosterónica: o do racismo indisimulado e o narcisismo, o do diñeiro  como medida de todas as cousas e a incultura como seña, o da xenofobia  e do estigma do islan, o de quen desleixa a mudanza do clima, en fin, o  patriacalismo repunante e o patriotismo chovinista que quer menospreza ás mulleres, quer antepón a grandeza de América e o seu heroi armado a calquera outra consideración global, incuido o rexeitamento do establishment de Washington do que agora tamén formará parte. De feito, Trump soubo expremer a mensaxe proteccionista de renegociar os acordos comerciais  para recuperar os postos de traballo industrais perdidos nos derradeiros anos por mor da globalización. Unha mensaxe  proteccionista que parece calou nos empobrecidos homes brancos de clase traballadora e sen estudos superiores. E nas mulleres que deixaran de votar Clinton. Por certo, ainda que non saia nos meios, Trump guindou a promesa de non tocar o Social Security e o Medicare de Obama, arranxar os problemas dos homeless, mudar a carga fiscal dos pequenos contribuintes e supremer o imposto federal que afecta aos lares máis modestos.

Oito anos máis tarde, o represamento expresado nas urnas dalle unha boa pancada á mensaxe de unidade que catapultou a Obama á presidencia: aquela idea de transpor as fracturas raciais e as desigualdades ficou arruinada pola propia realidade e polos moitos incumprimentos da administración Obama, como Trump, un liberal para quen o mercado debe ser a lei. Como ten acontecidona eleicións galegas e españolas, erra quen pense que con Trump trunfan as paixóns e con Hillary Clinton o siso e a análise. Tendemos a aplicar a fórmula da comprensión racional dos actos que outorga ou nega o siso a aquelas decisións colectivas polo seu grau de coincidencia coas nosas convicións políticas. O caso é que a opción que representa Trump mobilizou o voto maioritario da sociedade norteamericana e que os millóns de votos que mexeu Obama hai oito anos ficaran na casa.  

O trunfo do trunfo

Editorial Cartoon by Gary Varvel, Indianapolis Star

Dí Lacan que  o atributo fulcral da orde democrática é que o lugar do Poder é necesariamente un lugar vacío. Se a soberanía reside no Pobo este redúcese a un acto puramente cuantitativo de contabilización  de unidades atomizadas após o acto “irracional” de votar ( “disporse a entregar o destino de un ao azar”). Nesa xeira, poderíamos concebir como fan Zizek-Lacan, o nome propio e o apelido como o punto de identificación imaxinaria ( o nome propio designando o eu ideal) entanto  o apelido paterno  é o punto de indentificación simbólica, a “instancia [paterna] a través da que nos fitamos e xulgamos”. A celebrity televisiva Donald John Trump [en inglés “trunfo”, o pau ou terno representado por unha carta que se volta e que ten superioridade sobre os outros paus] é unha feliz coincidencia que nos fascina pois alude á necesidade inexorabel do modo de vida americano.  Trunfou o trunfo. Un terno que é mais forte do que outros: darwinismo económico, social e político. Calquera xogo de cartas alicerza en que “alguén ten que perder”,  preceito básico do xogo. Coma no whist, unha boa tática é impedir que os adversários atinxan os seus obxetivos. En outras palabras, se vas perder, leva cantas persoas podas conseguir. Certo que no póquer da miseria, a orde de valores do xogo é invertida, gañando sempre quen tiver a pior mán:”quen dá, manda”. No laboratorio Trump parece que o eu ideal está subordinado á identificación simbólica, a perspectiva que nos enfeita, domina e determina. Trump é quen fita e determina rexamente a Donald ( excecional homónimo de  “Duck”, o pato branco antropomórfico que a Galipedia describe con ollos celestes, bico, pernas e pes laranxados e un xeito de falar mesmo inintelixibel, popularizado personaxe que nos anos trina e corenta deixara de lado as piadas do cotidiano, e pasara a mostrar sen pudor violencia e armas,  entre outras subversións impropias do insulso Walt Disney). Non pode ser por acaso a asociación dos deseños animados de Gary Varvel de Donald Trump como un pato Donald irritado e que acabaron por mergullar a internet nas variantes imaxinadas por alguns eleitores  intrigados polo seu comportamento quer “daffy duck” quer ” donald duck”.

Talvez sexa esa determinación simbólica e estructural – e non como simple modelo a imitar no que ten de obsceno e incómodo- a que permitiu que os votantes mudaran a luzada figura de Obama para identificarse agora cos rasgos que son repelentes en Trump na súa dimensión simbólica fundamental: o éxito, o trunfo, malia o que repuna e fire nel produza un rexeitamento, subestimado, en todo o que representa e que, ao cabo, deulle o vitoria. De feito, as eleicións non se gañan coa razón clara e distinta, mas co narcisismo mobilizador da esfera das paixóns: co o odio e a arrogancia,  co desprezo e o resentimento. Trump é o trunfo dunha ameaza real. A do dominio do capitalismo neoliberal en cuxo nome Trump, o empresario, político e celebrity actua, a perspectiva que enfeita e xulga a nosa vida.

1 Comentario

  • gañou Trump. NOVO PRESIDENTE DOS EEUU.
    Pode haber un ANTES E DESPOIS?
    Sera un punto de inflexión con respecto ás GRANDES CORPORACIÓNS, MULTINACIONAIS DA MISERIA?
    Sera o punto fina aos GRANDES TRATADOS DE COMERCIO, como o TTIP? Dos TRATADOS QUE SE ASINAN Ás nosas COSTAS? Que pretenden dar liberdade absoluta aos MERCADOS por encima dos ESTADOS NACIONAIS E A súa LEIS?
    Sera o principio dunha relación EEUU con RUSIA?
    Sera o inicio de políticas QUE FAGA MAIS RAZOABLE As RELACIÓNS de EEUU CO RESTO DO MUNDO?
    Cambiase o papel dos EEUU en Oriente Medio?
    Sera o principio do fin das INTERVENCIÓNS MILITARES?
    Poñerase fin á intervención en SIRIA, e o DAESH, ou o ISIS, sera o obxectivo común, e freásese a destrución doutro Estado, doutro país, como ha ir sucedendo en Afagnistan, Irak, Libia, Somalia?
    Estamos ante unha AMÉRICA DO NORTE mais preocupada polos seus problemas internos, gravisimos, como o deterioro da vida de millóns de obreiros, traballadores, clases medias…que viron reducir as súas condicións de vida, mientra acumúlanse ingentes capitais en mans dunha minorías insaciables na súa acumulación de poder?
    Veremos a uns EEUU centrados en resolver os conflitos silenciados, ou non tanto, dentro das súas fronteiras?
    Sexa o que sexa, hai un principio de cambio dun sistema de cousas que deu resultados nefastos ao longo destes anos.
    E non deixa de ser un alivio ver crebarse momentáneamente o poder que rexeu, en parte, as nosas vidas nos últimos tempos.
    A GRAN INDUSTRIA MILITAR AMERICANA, Os GRANDES FONDOS DE INVESTIMENTO, AUTÉNTICOS VOITRES, RESISTIRANSE CON UÑAS DENTES, PERO TALVEZ VEXAN LIMITADA A súa INFLUENCIA.
    POLO MENOS ALGO ACONTECE.
    E ISO XA É ALGO.
    Estiven contra a elección de Hillary Clinton.
    E non precisamente a favor de Trump.
    E indudablemente sempre hai vida mais alá do medo.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
%d bloggers like this: