off
Cedeira, Cultura, Festas — 28 Outubro, 2016 at 8:11 a.m.

A 27a edición do Samain prima a creación e a recuperación das raices da festa

by

xan-eguia-alvaro-murassamainnicolas-del-rio-20161027_ollaparo1A 27a edición do Samain reivindica os valores tradicionais da festa fomentando a experimentación dos máis novos desde unha tradición viva. A vila Cedeira convirteuse nun laboratorio para pór en práctica as posibilidades creativas dunha festa que corre o risco de ser deturpada pola súa mercantilización.

Unhas 40 persoas, na súa maioría miúdos, participaran no obradoiro de pantasmas o avisiós que dende o pasado luns se celebra na sala Áncora de Cedeira. Son algúns dos practicantes que mañá e o sábado tomarán parte na festa de Samaín que o Concello organiza coa parcería da Asociación de Amigos do Samain, quen dende hai 27 anos mantén o happening, a invención e a confianza absoluta na primacía da fantasía que dá alento ao artista que levamos adentro. Porque o éxito e apropiación do Samain por todo o país ten a ver co fluxo poético e coa interactividade xeracional que provoca. Os practicantes da festa de defuntos e magosto son escultores de oportunidades, modeladores da formas que toman as relacións nas individualidades de calacús e  cabazas.

obradoiro_avisios_samain-3_20161025-ollaparoDespois dos obradoiros desenvolvidos ao longo da semana e do mural realizado onte por Xan Eguía na escola Nicolás del Rio, o programa de hoxe comeza coa celebración dun obradoiro de zonchos, outro de pintura  e a actuación de Anxo Moure que, nesta ocasión, representará o espectáculo “O Carballo con Botas na noite do Samaín”. Esta programación desenvolverase entre as 17.30 e as 19.00 horas. O calendario de actos que terán lugar ao longo da tarde do sábado dará comezo ás cinco coa apertura da inscrición do concurso de tallado de cabazas, que se pechará ás sete. Xogos e chanzas, coa axuda do grupo Guagua, e un obradoiro de maquillaxe darán paso á celebración da tradicional merenda de outono, na que haberá bolas de nata, castañas e requeixo con mel, entre outros productos e manxares dos anxos, propios desta época do ano.

O cartaz da 27 edición do Samain é obra de Laura Recio
O cartaz da 27a edición do Samain é obra de Laura Recio

O pasarúas pola vila vella -un dos actos máis esperados para os moitos participantes que ano tras ano se dan cita na festa de Samaín de Cedeira- dará comezo ás 20.30 horas. Coa entrega de premios do certame de talla de calacús ou cabazas pechará unha nova edición dun programa co que se pretende recuperar a festa máis tradicional frente a “asoballante parafernalia” halloweenense. Ainda que o peche definitivo das celebracións de Samaín será o día 28 de novembro coa última sesión do obradoiro de escritura “Imos escribir contos de medo”, que desde o día 7 do citado mes impartirase no IES Punta Candiera.

Outra novidade desde ano foi a celebración dun obradoiro de iniciación ao debuxo que deu lugar á elaboración dun mural de máis de 10 metros que dende mañá se podrá ollar nas carpas que estarán ao longo do paseo da Marina. A ilustradora Laura Recio, gañadora do cartel de Samain, estivo á fronte dunha iniciativa que finaliza hoxe.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off