off
Comunidades Galegas, Galiza, Movementos sociais, Mundo — 26 Outubro, 2016 at 12:22 p.m.

O BNG presenta o Plan Retorna no Parlamento

by

O BNG vén de rexistrar a primeira iniciativa para o retorno da mocidade emigrada, o que segundo a parlamentaria Olalla Rodil  debería ser unha das primeiras medidas a aprobar polo Goberno galego ante a realidade demográfica galega


 O grupo parlamentar do BNG rexistrou esta mañá  a primeira iniciativa de impulso do “Plan Retorna” para fomentar a volta das persoas emigradas. Para a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, o “Plan Retorna”, elaborado polo BNG, debe ser unha das  primeiras medidas a aprobar polo Goberno galego diante da realidade demográfica. O Estatuto Galego de Estatística, explicou, reflicte que máis de 207.000 persoas emigraron dende o ano 2009 e delas, unha boa parte, 80.000 son menores de 35 anos. Por outra banda, a nacionalista insistiu na precariedade laboral en Galiza na que tres de cada dez persoas con titulación “tardan máis de dous anos en conseguir un emprego” e cando d acceden ao mercado laboral, a metade, “faino cun salario por debaixo dos mil euros”.

Rodil, acompañada de todo o grupo parlamentar, tamén lembrou que está a desaparecer a “xeración de mileuristas” e o Goberno da Xunta debe crear as condicións para que a situación de precariedade e emigración se reverta e retorne a poboación emigrada menor de 35 anos.

O BNG, dixo, defende un Plan Retorna concibido como un conxunto de medidas transversais e acompañado doutras iniciativas como a creación dunha banca pública galega que apoie os sectores económicos e produtivos do noso país.

Medidas  do Plan Retorna

 Orzamento do 1% do PIB de Galiza encamiñado a axudas para as empresas galegas que contraten persoas emigradas así como bolsas de axuda para estudos focalizados na investigación e tecnoloxía, principais ámbitos da chamada “fuga de cerebros”.

Asemade a parlamentaria tamén apuntou como medida de impulso ao retorno da mocidade emigrada o “apoio ao emprendemento, bolsas para a ampliación de estudos e un fondo de vivenda en aluguer en vivendas sociais”

A preguntas dos xornalistas a viceportavoz nacionalista asegurou que o Plan Retorna non asegura a volta inmediata das 207.000 persoas emigradas pero senta as bases para que, “de maneira escalonada, poidan regresar”.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off