off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 19 Outubro, 2016 at 7:14 a.m.

A obediencia hierárquica

by
Fotograma do filme A chaqueta met
Fotograma do filme Full Metal Jacquet de Stanaley Kubrick

A medida que a briga no seo do Partido Socialista esbara cara un vergoñento “prietas las filas”, como corresponde a un lobby ideolóxico convertido en axencia de colocación, parece necesario deixar de chamar partido político ao que na práctica supón unha congregación de fieis. Porque esa é a característica principal que define a unha organización que, como o PSOE dinástico, enarbora unha fantasmagórica “disciplina de voto”  como norma suprema. Só as ordes monásticas e as bandas fascistas piden aos seus membros parecida disciplina. As primeiras, esixindo tomar os votos (de pobreza, castidade, obediencia, etc.) ao seu grey para ser admitida, e as segundas, exercendo a obediencia debida caia quen caia. Neste último caso, certamente, ata que os Xuízos de Nuremberg fallaron que esa fe cega non eximia de responsabilidade a quen acirraran os crimes das xerarcas nazis.
Desde que a ilustración secularizou a política, criamos estar a salvo dalgúns aquelarres máis propios dos conxurados da devotio ibérica que de quen actúan como lexítimos representantes da cidadanía. Como pode confiarse nun partido que cerna a liberdade de conciencia dos seus integrantes para gobernar unha sociedade democrática? Con semellantes atributos despóticos, onde queda o enunciado constitucional que prescribe aos partidos unha estrutura e funcionamento democrático (art.6.C.E.)? Non supón xa unha flagrante vulneración desa Constitución que, en vez activar o artigo 36 dos Estatutos do PSOE para convocar un Congreso extraordinario que devolva a decisión ás bases, fórmese unha xestora conculcando a súa propia normativa?

Axencia de colocación, obediencia debida, disciplina de voto, é o pautado do partido concibido como aparello de poder autorreferencial. Porén hai máis e pior. Ocorre que, ao consideralos “un instrumento fundamental para a participación política” (art.6. C.E.), o que fagan necesariamente aféctanos. Representantes e representados van encadeados como unha corda de presos, e as súas virtudes e os seus vicios terminan sendo parte do seu acervo común. Por capilaridade, ósmose ou simple mimetismo, todos estánconcernidos. E iso demóstrase no feito absurdo e patético de que as súas propias falcatruadas acaban sendo secundadas por parte sociedade á que din servir. Trátase da pinga malaia pola que a corrupción obtén recompensa nas urnas e se aceptasen moito reproche que a cúpula do primeiro partido da oposición funcione cunha cuadrilla de lerchóns.

Tantos anos denunciando o modelo en que unha minoría privilexiada somete á maioría social, para ao final velo reproducido naqueles que o criticaban.

Nin sequera os escasos 200.000 afiliados do PSOE serán os que coa súa abstención vaian dar o goberno sobre 46 millóns de españois ao Partido Popular da trama Gürtel. Esa pirueta fará posibel un grupo de notabeis interpretando ao seu favor a opinión dos máis de 5 millóns de votantes que acreditaran no programa socialista para botar ao PP da Moncloa. E todo iso con trolas e falsidades que ruborizarían a calquera persoa con dous dedos de fronte e un átomo de decencia. Sen importarlles o grao de desvergoña e impostura. Pódese escoitar ao número dous de Susana Díaz argumentar que a acta do deputado pertence ao partido, sen parar en que a Constitución prohibe o mandato imperativo (art. 67, 2). Ou toparse cun titular a catro columnas dun diario de referencia afirmando que “os votantes do PSOE cren que ao partido convenlle absterse” ainda que a enquisa en que se basea diga todo o contrario: que o 49 % dos votantes socialistas prefiren evitar un goberno de Rajoy fronte ao 47% que pensan que o óptimo é impedir novas eleccións?(El País, 15 de outubro, páxs. 1 e 15).

Dubido moito que, como acaba de escribir, o profesor Javier Pérez Royo, esteamos na antesala da Terceira República. Precisamente porque actualmente non existe un bloque de centro esquerda capaz dun novo Pacto de San Sebastián que enterre a esta Segunda Restauración. Por máis que desde o punto de vista da súa adecuación á realidade social hai tempo que o rexime de a Transición é cadáver exquisito. O que se pode afirmarse con toda seguridade é que desde este momento o PSOE xa forma parte do problema, xunto aos sindicatos CCOO e UXT que asistiron ao putsch dos baróns desde a barreira. Todos a un tempo porque “a indisolubel unidade da Nación Española, patria común e indivisible de todos os españois” (art.2 C.E.), pode verse comprometida polo dereito a decidir en Cataluña. Penso máis ben que nos atopamos nos prolegómenos de algo parecido aos que acontedeu nas Cortes de Cádiz (180-1814), cando os comisionados americanos defenderan para as súas circunscricións un novo status fundado na igualdade, a autonomía e no recoñecemento da súa especificidade republicana.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off