off
Cedeira, Meio ambiente — 18 Outubro, 2016 at 8:21 a.m.

A Demarcación de Costas canlea os regatos da Madalena e retira plantas invasoras

by

acacias-20161016-costas_madalenaSegundo infora Pingota Comunicación, coa  limpeza de malezas e sulcos os dous regatos que limitan a praia da Madalena -San Isidro e o da Revolta- e a retirada de plantas invasoras que medran en zonas próximas ao areal deron comezo as obras que a Demarcación de Costas se comprometeu a levar a cabo na franxa costeira do municipio de Cedeira.

Os que terán que agardar serán os traballos que afectan á duna – redución da súa altura, recuperación da verticalidade do taboado de madeira e a ampliación da pendente do ribazo da duna 30 ou 40 graos coa horizontal da praia- por considerar pouco consistente o compromiso de Costas con respecto á elaboración dun estudo de impacto ambiental no que estaría incluído até o areal de Vilarrube, segundo recordou hoxe o concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal.

Esta postura xa levaron no seu día á Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira -da que forman parte representantes das formación políticas PSOE, BNG, Anova e EU e de asociacións como Somos Cedeira, Adega, Mares de Cedeira e a Confraría de Pescadores-, a solicitar a Costas máis información sobre os contidos das intervencións previstas, co fin de evitar posibles danos colaterais e moi especialmente no banco marisqueiro.

Tal e como xa proclamaran no momento da presentación da Plataforma, as persoas que a compoñen rexeitan aquelas actuacións que se veñen realizando na praia só de cara a tempada de verán por entender que, a máis longo prazo, deteriórana e causan danos no seu hábitat condicionando a súa viabilidade futura como espazo natural e de lecer.

As marés vivas e o desbroce

Coas marés grandes da lúa chea os regatos volverán a estar entullados. A Demarcación de Costas e a concelleria de Medio Ambiente talvez deberían ter presente que o cheiro quizais sexa un problema menor a arranxar perante o maior reto de presionar para que as administracións competentes se comprometan nun estudo integral da problemática que afecta á Praia da Madalena e á Ria de Cedeira. Como ben saben os veciños e veciñas da contorna, o inverno entulla, pola forza das marés, un regato pequeno e con pouca forza que coa chuva abundante volve abrir. Non había manual de actuación mas un gran coñecimento do medio.

Termos presente, tamén, que se cernas a herba no tempo de medre estimulas o crecemento e cómpre volvela cortar á semana. E se a cortas en xullo, cando vai  sol  e abrolla a semente, daquela para o crecemento. No estudo de plantas invasoras de Galicia explícase como erradicalas. Desbrozar adoita ser contraproducente. Sería necesario e prudente coñecermos que balance previo se fixo, que inventario de invasoras e que productos ou métodos se están a empregar para erradicar entre outras moitas que alí hai, a pseudoacacia espiñosa.

Informe posintervención

A intervención mecánica é a única que se debería ter autorizado rente unha ria e reserva mariña. Por iso sería acaído dispor dun informe que pormenorizara a actuación (dando conta das especies, biomasa, posición, metodoloxía) así como unha descrición fitosanitaria  e de ser preceptivo, a autorización de uso. A cidadanía e o concello que a representa ten pleno dereito e obriga de coñecer que e como se interviu nos regatos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off