off
Cedeira, Música — 12 Outubro, 2016 at 9:07 a.m.

En novembro “O mundo está parado”, o novo disco de Guadi Galego

by

Guadi Galego publica “O mundo está parado”. É o título de un dos 10 temas que tamén dá nome ao disco que sairá á venda o 4 de novembro. Desde a soleira do disco, a intérprete cedeirense parece establecer as premisas temáticas  da nova proposta: interpelar mais unha vez a imposibilidade da aderencia entre o sentido e o vivido, entre o que escorre e o que permanece, entre o que dura o que dura o tempo da súa audición (a música) e o obxecto que o documenta e fixa (o disco e o discurso), entre o desexo de plenitude  e a carencia sentida, a necesidade de deixar espazo aos demáis, á co-existencia no medio dun mundo coagulado nas súas representacións. Cada traballo é por iso un aceno á contorna, tomando en consideración todo o que poda ser inserido aquí e agora.Talvez pola segreda certeza de que no medio das distancias da “globalización” o que conta é inevitablemente local.  Se “Lúas de outubro e agosto”(Fol Música 2014)  presentaba as premisas que alertaban ao ouvinte atento da singularidade da artista – malia a inxente actividade previa como compositora e intérprete en proxectos partillados e propios- apenas dous anos abondáronlle para tirar novo proxecto que promete ir  desenvolvendo aquela hipótese sonora e conceptual que desde raiceiras folque transicionais, chegaba fondo aos corazóns  do público polo acoplamento verdadeiro entre os referentes reais – un público afeito xa á uniformidade dos sons contemporáneos, ese apanaxio da globalización-   e o recoñecibel  ar de familia da música de noso.

Se algo hai que aplaudir do percurso artístico de Guadi é como o fai e por que o fai.  Por iso, entanto agardamos a completa recepción de “O mundo está parado” nen antes nen agora hai que obsesionarse en aplaudirmos todos os xestos ou perdonarmos todas as propostas interpretativas segundo o cuño de certa crítica que goza do favor do momento, dividida entre a que só ten monólogos, nos que se celebra a si mesma como tema dominante, e a que chamando a atención sobre “disfuncións” discursivas, apenas achega testemuñar o seu funcionamento sen sustrarse porén ao destino de acompañar o tremer diario do chan baixo os pés. Porque  nun país como Galiza, o medio é realmente a mensaxe. Eís a seducción que o público soubo recoñecer nunha creadora sempre sincera que igual sublima unha habanera como reinventa un alalá: simples consciencia de facer arte, non un producto. Velaí os recitais, atrevéndose soa, apenas coa voz núa e algún instrumento, debullando temas propios ou populares que ninguén interpretara así, renunciando  mesmo a maiores acolchados instrumentais.

Non é que  Guadi Galego precise reivindicarse como creadora e intérprete, mas este disco vén carregado de intención e de material sensibel para ser visto e ouvido. Sigamos os seus pasos, promete ser rico en miradas.

10 boas razóns para facer un disco

A fasquía compositiva de Guadi Galego reflíctese na arquitectura  de “O mundo está parado”. 10 boas razóns para facer un disco: 6 da propia Guadi, 3 de Carlos Abal e 1 do Pachi García, que é o productor.

Temas de “O mundo está parado”
1. Cedeira
2. O Privilexio É Soñar
3. Mente En Branco
4. O Mundo Está Parado
5. El Entorno
6. Vas Cara Arriba
7. Dende Que Marchaches
8. Vida
9. Tribu
10. Canción Para Ver

Edición limitada en vinilo

A máis da distribución dixital, o  vinilo será o único e singular formato do cartafol-disco que contén un CD e unha fotografía 20x30cm, obra do fotógrafo e compositor Carlos Abal . 10 fotos distintas distribuidas nunha tiraxe de 1.000 vinilos.

Se es preguiceir@ e mesmo despois de saber desta primicia non es quen de atopalo na tenda a partires do 4 de novembro, xa podes facer a túa reserva en vinilosguadigalego@gmail.com

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off