off
Globalização, Movementos sociais, Opinião, Política — 2 Outubro, 2016 at 8:52 a.m.

Fernán Vello e outras derivadas de outono

by
“Unha abstención non é o mesmo que un apoio”  
Javier Fernández (presidente da xestora do PSOE)
"Temos un grande partido que o único que ten 
que facer é deixar de ser socialdemocrata"
Esperanza Aguirre (PP)

flor_floreiroUn ofuscado Fernan Vello (Anova) descualificaba hai uns dias aos votantes do PP coa inocencia perdida do poeta máis do que o cálculo de quen está treinado na representación política profesional. Desabar en palabras que nos fan mal para logo facer pouco ou nada produce pudor,  mas detractarse despois, agora si, con aparente cálculo político, é mesmo arrepiante. Fiquei surprendido pola indixencia política dos queixumes, porque o mal que nos fai a hostilidade coa que nos diriximos os uns aos outros non é menor ao mal producido pola falta de fidelidade ás palabras, a esa desvinculación definitiva da representación respeito do real ao ditado do políticamente correcto, da renuncia explícita ao control da linguaxe. Nomedadamente pola presión exercida polas  reaccións xeradas nalgúns medios que polo xeral sempre acalan cando a descualificación adversa ou a excesiva louvamiña  se emiten desde outras máquinas expendedoras quer de acedume quer de lambetadas – que tamén hai- para engaiolar a  “boa xente do común”. Afago que ten, ainda que non o pareza, maior falsidade e impostura do que o maldizer.

Porque teño a sensación de que en xeral desconsiderouse a política desde o momento en que ficou reducida á sua manifestación profesionalizada ou institucional, quer dicer, o proceso de isolamento da cidadanía foi o primeiro chanzo de desrepeito previo ao non se respeitar a si mesma. O gürtelián discurso de que vivimos no mellor dos mundos posibeis. No canto de preguntarse porque votan así, que é o que se está a facer mal para que a xente vote opcións que a semellan  perxudiciar,  Fernan Vello caeu na tentación de insinuar que os galegos están posuidos por unha ollada curta  e ignorante, alimentando  ao seu pesar o discurso de que non hai alternativa malia as negras expectativas. O caso é que o cidadá de aquí e o de acolá, captou a irrelevancia do seu voto, desde que vota a uns e deciden outros. En Galiza esa lóxica mantense moi activa malia os custos colectivos que se derivan. Para uns, millor non imos estar, para outros, pior non imos ir.

Porén, moitos son os que por toda parte, quer por preguiza, quer por simpleza demagóxica ou por puro cálculo, clasifican con etiquetas descualificadoras tipus Donald Trump, no FNF, no UKIP, no AfD, no PVV e no PP por citarmos aqueles que teñen dominado espazos sociais que teñen base social obreira. O que todos eles teñen en común é que se posicionan contra a emigración, non tanto contra a globalización, mas só contra aqueles efeitos que dun xeito máis ou menos explícito usufructan o populismo xenófobo como maneiras de asaltar o poder. Ao cabo, a base eleitoral de todos eles é semellante ao xunguir operarios: así na Franza perto do do 36% dos obreiros votaran FN, unha porcentaxe un chisco menor os que non teñen estudos medios, 15% con estudos de bacharelato e 7% con estudos superiores. Porén, os traballadores máis precarizados nen votan ou votan esquerda. Que padrón sigue o votante do PP en Galiza? Pois un moi parecido a este. Porque até o de agora quen realmente ten asaltado o poder son as forzas coñecidas, as que o ocupan hai ben de tempo en nome do que eles mesmo denominan “boa xente do común”. Esa caste de inflacción populista segundo a cal os mansos xa herdaran a terra, ainda que maiormente non se decataran. A “boa xente do común” trabúcase, os eleitores non sempren teñen a razón.  Que o voto fixe quen ten de gobernar non que ver coa certeza nen coa verdade, nen coa bondade da xente. Porén, tratar á cidadania como “ignorante” e “escrava” é perigoso porque alicerza ainda máis o despotismo das elites,  a submisión dos “ignorantes” aos que saben: simples autoritarismo posdemocrático. Porque o problema sigue sendo un problema de representación e de representabilidade.

Na dereita ese posicionamento fica ben mostrado na súa política contra a migración, contra os refuxiados e contra as liberdades (velaí a “Lei Mordaza” e os seus efeitos ben visibles nos medios de comunicación). En febreiro de 2014, oito sindicalistas fitaban con pasmo que o Ministerio Público pedira oito anos e tres meses de prisión por terense enfrontado con piquetes de folga á policía fronte a empresa Airbus. Aplicaronlles un artigo do Código Penal, introducido en 1976, para xestionar as manifestacións que foron organizadas contra o goberno herdeiro de Franco.  Malia seren absoltos, houberon padecer dous anos de viacrucis xudicial. Nesta mesma xeira, as políticas de austeridade que o PP fixeron apandar aos asalariados de brazo dado do PSOE son, para dicilo ao xeito freudiano, “pulsión de morte”. Unha noción que non é física mas a subordinación ao automatismo de repetición na procura da autoconservación ou conformidade co medio. O máis parecido á receita de “primeiro os meus”, no límite da ética e da legalidade. É aí onde hai que inserir a xenofóbia alimentada polas políticas laborais ou de seguridade.

O PSOE vén de decidir o lado do que quere estar. Que non querían reformar España xa o sabíamos, porén o que aconteceu a fin de semana resume até onde son capaces de chegar algúns supostos progresistas para impedilo. Ao cabo, porque Rajoy é dos seus,  preferiron ficar do lado dos amos de España. Porque se ainda hai quen o dubide, o Estado non é de todos. A existencia do nacionalismo español vertébrase nesa apropiación de fasquía “supremacista”  no lingüístico, de desexo mimético sob discurso multiculturalista, motor na xenofobia postmoderna. E  nela tamén  hai chanzos e xerarquías. A negación do encaixe de Cataluña é un dos máis coñecidos mas non é o único. Se Rajoy e antes Fraga mandaron como “gallegos” foi porque “lo gallego” neles é o rexionalismo amabel que non se fai respeitar nen no toponímico, integradísimo, atado e ben atado.

O caso é que fan parte dunha corrente de fondo que instrumentaliza  o medo para controlar reaccións e mobilizacións sociais provocadas polas políticas neoliberais de saída da crise. Políticas aplicadas de xeito inequívoco no ámbito europeo: en Franza  suspendéronse garantías constitucionais a raíz dos atentados de novembro pasado; a insolidariedade manifesta de paises como Austria e Dinamarca; a decisión nas urnas dos húngaros de evitar a chegada de refuxiados. Quer dicer, sen dicilo, explotan o que outros fan bandeira, como e o caso de Donald Trump a respeito do acordo de libre comercio con México:”están a roubarnos os postos de traballo”. Todos eses partidos de extrema dereita e o PP e Ciudadanos -que é onde aniña a extrema dereita española- compartillan unha mesa visión relativa á migración que, en amplas capas da poboación, materialízase en actitude xenófoba cara os emigrantes, nomeadamente a musulmáns, e cara outras identidades de orixe dentro do Estado segundo o seu grau de naturalización. Así, segundo esa visión, entra no plausibel e socialmente aceptado que sexan os galegos quen en dispar porcentaxe teñan que se deslocar emigrando a outras zonas do Estado ou do mundo, como o é que os cataláns apanden co sanbenito de que falar o catalá no seu territorio só é por “foder” a quen non o fala,etc,etc.

Afirmaba Stuart Mill que o suceso mostra os defectos e debilidades que o fracaso tería agochado. A tentación de Fernan Vello foi derivar que os eleitores do PP foran enganados porque teñen “moral de rebaño” , porque son “ignorantes” e “escravos” do discurso hexemónico que hoxe domina con denominación de orixe sob o cínico ditado do mudarémolo todo  agás o que me afecte a min, que son empresario de min mesmo. Un desafogo que pasado o momento das detraccións continua sen explicar nada do antiquísimo endemismo galaico agás porlle en bandexa aos corifeos mediáticos do poder emprazado, unha oportunidade máis para ditaminar que vivimos no mellor dos mundos posíbeis e que o pobo é quen máis ordena segundo a súa vella fórmula democrática, sempre que o poder sexa seu, dos amos ou nada. Mas non sería se cadrar asisado enunciarmos a cuestión mudando a perspectiva e pensarmos que talvez haxa algo de racional nese voto? Porque o que se amostra  dun xeito palmario agora que comeza o xuizo á trama Gurtel, non é o arrebato nietzscheano de Vello- por outra parte direccionado polo filósofo alemán a xeral humanidade- mas a nídia proba da crise do rexime do 78:  vimos de comprobar que a corrupción, no canto de restar, suma. Velaí os resultados das galegas e ao PSOE xunguíndose para continuar controlando as estructuras de poder do estado español …e sumar máis votos.  Non só que o PSOE deseñara os planos na súa arquitectura fechada ás reformas arredor dunha Constitución intanxíbel sob o dominio  despótico do executivo alicerzado entre as  paredes de dous partidos afortalados na hierarquia que patrimonializaron o Estado. Unha rixidez nas formas e nas linguaxes que configurou unha sociedade civil escasa en antagonismo e  que se foi tornado producto derivado do  voto.  Nesa xeira quen gañou o control da linguaxe foi a dereita tout court. A base eleitoral galega cedeu a iniciativa maiormente aos competidores da dereita que aquí se identifica cos representantes locais do poder estatal. Feito este que vén a coincidir coa xeral e mundial tendencia a equiparar a felicidade individual co mergullo no goce estatal, coa glorificación dos simulacros, apariencias re reflexos. Boa parte das clases populares galegas votan a opción da dereita española (a  diferencia doutros estados europeos, ten non seu interior un dos seus competidores, extrema dereita): un recoñecemento irónico e saudoso do que hai. Para dicilo coa frase derridiana: non hai nada fora do texto. Por outras palabras, que a realidade política és inseparabel das estructuras discursivas e as súas formas de significación.

Trabucaríase Fernan Vello en derivar a crise do rexime do 78 do relativo éxito do 15M e das marés, pola contra, ambos e dous son produtos desa crise. Ao cabo, a sociedade galega e a española exploran lindeiros alén do bipartidismo cando este non pode evitar as fendas que o atravesan, colandose por elas para acabar sendo integrados agás o soberanismo catalá  malia a activa participación estatal da súa vertente conservadora.  A proba está en que a mobilización social cesou no Estado e en Galiza, e o PP recuncou. Por qué? Porque para moitos galegos a patria non é a terra nen a clase, mas as pensións. Esa grande abstración que acada o summum nos “fondos de pensións” como representación do que acontece no presente político, na que non é posibel identificar capitalistas concretos e ás que nos aferramos entanto non vemos a metamorfose real do mundo do traballo. Non tanto a súa recalificación baseada na computerización mas a súa informalización como precarización. Eís a proba de que hoxe a relación de representación está perturbada en todos os ámbitos. A completa interiorización do papel asignado, a súa naturalización.Non tanto por un “déficit do político” mas por o contraste ou disonancia entre o individuo fixado á futura pensión (a un traballo fixo ou precarizado) e  aquel outro de optimización e éxito que proxectan os valores capitalistas. Pasouse da loita de clases á loita de empresas e a un capital financieiro que non depende do traballo. Porén, nunca coma hoxe o outro traballo que sempre existiu (o non regulado, non estabel nen organizado) se tornara hexemónico. Continuamos a pensarmos en termos de sociedade asalariada, organizada, regulada e protexido cando o que se extende e espalla alomenos desde os noventa é o  traballo precario e anómalo que está a ensarillarse conoutros límites entre o non traballo e o traballo, cos chamados aspectos tradicionais da reprodución social dos traballadores.

Se o 47,53% do PP atinxe unha boa parte da clase obreira será que ten abandonado a socialdemcoracia porque esta non a defende logo non a representa. Unha disonancia que no marco europeo agudízase simbólicamente cando a socialdemocracia consinte a desregulación do mercado contra 1994, baixo o liderado de Tony Blair e a terceira via argallada polo sociólogo Anthony Giddens.  Cando o propio Partido Laborista británico muda os seus estatutos para declarar o seu apoio á economía de mercado renunciando así ás nacionalizacións. Ese ano producíase en Galiza, o 27 de xaneiro de 1994,  a sétima folga xeral de 24 horas na Galiza e a segunda no Estado español. Coa folga do 2 de abril de 1992, e outras que habían de vir, a clase obreira revoltábase contra as consecuencias das políticas de axuste causadas pola integración na Unión Europea. A conflitividade tamén se alargaba ao agro, como o reflicte a manifestación de dez mil labregos na Coruña, fronte á delegación do Ministerio de Agricultura, para protestar contra a supertaxa pola cota láctea.

Un dos problemas de fondo da sociedade galega, como do resto de Europa nun contexto de indecibilidade entre o público e o privado,  non é o de escoller entre liberdade e seguridade, o falso problema que o discurso hexemónico da dereita logrou impoñer, mas a perda de cohesión social ao ditado de políticas desigualitarias. Ao cabo, o xeito de superar a suposta falta de seguridade son as políticas que acaban coas desigualdades e as disparidade de orixe. Blair arrasou no 97 e Felipez González  seguiu adiante coa contrareforma laboral direccionada á liña de frotación das relacións laborais. O que viu despois foi quen mellor representaba esa contrareforma: Aznar.  Hollande, malia os protestos, impuxo unha reforma laboral aliñada cos intereses da patronal  lembrando a cando o Goberno do PSOE, co apoio da patronal e da dereita, non cedeu diante da presión sindical na folga xeral do 94. Hogano, a quen lle está a pasar factura? Cando a socialdemocracia agonizaba contra comezos dos 70 é cando o PSOE, partir dos anos oitenta aproveita o seu éxito para aplicar  política orientadas ao mercado nun país que viña da autarquía franquista, nula en dereitos sociais, educación, sanidade, pensions, etc.). O que mellor conservou o PSOE da socialdemocracia foi a tradición estatalista. Un nacionalismo estatalista hoxe lle impide adaptarse á complexidade territorial. Coa socialdemocracia facendo a política da dereita neoliberal e anticomunista, partidos como o FN francés propoñen o intervencionismo en defensa dos traballadores e contra o imperalismo americano.  O PP, identificado co liberalismo económico e o anticomunismo non precisou sustanciarse explícitamente co ideario da extrema dereita francesa para ir polo mesmo carreiro. Abondoulle ir renacionalizando o Estado, apropiandose do campo de sentido e ir impoñendo España como patria única que é “preconstitucional e anticonstitucional” (segundo acepción do pouco sospeitoso Peces Barba) e toda unha réstea de leis que atinxen a sanidade, a educación, os servizos sociais  públicos e as liberdades civís. Todo iso nun acelerado proceso de mundialización, primado tecnolóxico da información, migracións transnacionais e pluralismos moral e ideolóxico alicerzados na autoexplotación do individuo como “empresario de si mesmo” que acabou por amostrar que non había discurso a contrapor ao liberalismo conservador predominante.

O integrismo españolista excluinte que  rexeita a existencia doutras nacións no interior do Estado non fai máis que dar cobertura e eficacia simbólica a o outro integrismo, o neoliberal. Unha política encetada por Aznar, recollida por Rajoy e asumida polo PSOE que impulsou o uniformismo centralizacdor e unha actitude  que mesmo rachaba co consenso constitucional (o que dá unha idea de que cales foran os bimbios cos que confeccionaran aquela idea de “nación de nacións”).  Unha idea tan tramposa e contaminada como o de “nacionalidade” que serviu para ocultar o que non querían facer: recoñecelas como suxeitos de soberanía política. Porén, coa volta do reprimido as ambigüedads fican á luz. Nomeadamente en Galiza, onde a continuidade co lexitimidade anterior á Constitución do 78 foi laminada até derivar en rexionalismo inofensivo. Un país que ao non ser receptora de migración os traballadores de maior idade e poucos estudos (os que teñen que competir cos traballadores extranxeiros pouco cualificados ainda que dispostos a traballar por menos) non acabaron de perceber os efectos negativos da globalización que, por outra banda, tamén ten beneficiado a outras persoas aqui e no resto do mundo. Velaí como en todas as franxas de ingresos melloraran a súa posición, agás a clase mediana-baixa e a máis baixa dentro dos paises ricos. Por tanto,  a cretinización semella estar ben espallada por toda a contorna, entre os que prefiren España antes que Galiza, a Carta Magna á República galega, Bankia ás Caixas, os cartos aos servizos públicos, os patrós aos traballadores, aos arriba que aos  de abaixo, Madrid á provincia, o tetrabrik á vaca  pacendo.

No debate da CRTVG entre Feijoó e a esquerda, se estes falaban de subir o salario mínimo e as pensións ( que cobran mozos precarizados e persoas que teñen a cargo fillos no paro), en investir en enxerxías limpas e aplicar unha tarifa electrica galega, mentras que Feijoó adicouse a repetir o Programa Galicia 0-35 presentado na precampaña  dirixido “aos mozos que están a buscar oportunidades de emprego, tanto por conta propia como allea”.Por qué a xente precarizada vota a dereita? Talvez porque ainda que non gostemos, a globalización, e integracion na UE e a migración perxudica obxectivamente a estas persoas. A socialdemocracia hai ben de tempo que perdeu dominio da linguaxe.En política, quen debulla e anticipa o sentido das palabras leva as de gañar. O fracaso da esquerda alicerza precisamente en non ter dado batalla ideolóxica para gañar a hexemonía e evitar que estas persoas caian nos saldos das eleccións e na paranoia populista.

One Comment

  1. En Ferrol a Marea acaba de votar co PP unha ampliación de crédito ou algo parecido. Ó millor hai maís puntos en común co PP que co psoe ou Bloque. A min dame que non vai ser a última vez que se faga. Nin deus é tan bo nin o demo tan malo.
    Fernández Vello é a segunda vez que se equivoca d unha forma grave. A primeira foi facer unha folga de fame e a segunda a que decides. Se un deputado fixera folgas de fame por algo grave á metade estarían mortos a metade de lexislatura.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off