off
Opinião, Política, Politica espanhola — 29 Setembro, 2016 at 10:25 a.m.

Tamayazo González

by

A crise existencial que estalou no PSOE ten dous puntos de ignición: os desastrosos resultados do 25-S e a confirmación da axenda de Puigdemont para un referendo soberanista vinculante en 2017. O rejonazo de Felipe González, facendo pública intempestivamente unha conversación privada, foi só a orde de inicio de hostilidades. Como avanzamos nun recente artigo, o resultado eleitoral en Galiza e Euskadi, sumado a outro parecido en Cataluña en 2015, confirmou o paso á irrelevancia do Partido Socialista nesas Comunidades Históricas. E como o bipartidismo dinástico é cousa de dous, a postergación do ámbito autonómico dun de baluartes da Transición ameaza con pór data de caducidade ao modelo do Réxime do 78 polo seu lado máis problemático: o da indivisibel unidade de España.

psoe_razons_de_estadoe_de_partidoDe aí a artillaría empregada para expulsar a Pedro Sánchez, na saga das manobras despóticas que criamos superados. Porque a demisión colectiva de 17 membros da Executiva do PSOE coa pretensión de levar por diante ao secretario xeral ten pedigree. O antecedente máis veterano e dramático leva a Adolfo Suárez. En concreto ao intre en quen na altura era presidente do goberno de UCD foi cominado a deixar o cargo a punta de pistola por varios xefes militares após ser convocado a un  despacho co Rei na Zarzuela. O seguinte episodio tivo como alvo a Josep Borrell, vencedor nunhas primarias como candidato eleitoral fronte ao entón líder do partido Joaquín Almunia. Unha acaída reportaxe de “xornalismo de investigación” publicado por El País, sacando os farrapos ensebados dalgúns antigos subordinados do ex ministro de Facenda, acabou cunha carreira que non era do agrado dos dinosauros do PSOE. E mesmo houbo un derradeiro caso no que o mesmo Sánchez actuou de brazo executor. Foi cando fulminou ao secretario xeral dos socialistas madrileños para pór no seu lugar a Angel Gabilondo co fin de gañarse os afagos do miolo duro de Ferraz. Entón o xornal que preside Juan Luís Cebrián fidelizou a operación publicando ao día seguinte unha sondaxe exprés de Metroscopía onde se dicía que a maioría dos afiliados aplaudían a defenestración. Por certo, Tomás Gómez, o líder do FSM, fora elixido polas bases, igual que Sánchez.

Por tanto, as “razóns de Estado” e as “razóns de partido” gallopan xuntas. Acontece, como agora, que a cousa entebrece cando notables dun partido bótanse ao monte porque achan que o líder máximo antepón os seus intereses aos do país. Entón non se fan prisioneiros. Os 17 do desplante estaban tan certos da súa cruzada que nin sequer se molestaron en leren con detemento o artigo 36, punto 0, dos Estatutos en que basearon a súa desbandada. Acreditaban que a saída levaría decotío a designar unha xestora que desaloxase ao secretario xeral e ao seu equipo. Era o que se fixo noutras ocasións. Mas o costume non é fonte de dereito cando o precepto invocado foi flagrantemente terxiversado.

O que afirma a norma, pola contra, é que ante esa eventualidade ten que reunirse o Comité Federal para convocar un Congreso Extraordinario que repoña unha nova Executiva. O da xestora está previsto só para as federacións rexionais, como ocorreu en Galiza.

Con iso, “os críticos” ultrapasan as súas prerrogativas e agora existe un conflito de identidades que pode acabar nos tribunais. Aínda que non é esa a única vaza para a continuidade de Sánchez.

Ao seu favor tamén xoga ser fidel ao mandato adoptado polo Comité Federal, por unanimidade, de non favorecerei un goberno do Partido Popular, e recibir o cargo de secretario xeral nas únicas primarias celebradas polo PSOE na súa historia.

Con eses avais, a briga mostra un debate de calado ideolóxico que transcende do que nun primeiro momento podería verse como unha rifa de familia. Así, por unha banda estarían os que asistidos  do principio democrático opinan que a supervivencia do Partido Socialista pasa por virar á esquerda, dando por amortizadas algunhas liñas vermellas da Transición, e doutro, aqueles que dispuxeron o asalto a Ferraz por estimar que ese ciclo aínda ten percorrido e que o reformismo sen controlar os resortes do poder pode supor a súa definitiva pasokización. A vella e a nova política.

Acabe en festa ou en balbordo, o evidente é que o PSOE empeza a ter máis pasado que futuro. Tamén que se hai novas eleccións, o PP voltará a gañar á vontade, apañando moitos votos de arrepentidos cidadáns, e que Podemos pode conseguir o sorpasso a nivel estatal que xa cobrou en Galiza e Euskadi. Sen descartarmos que de trunfar o golpe de man a abstención socialista coroe mais unha vez a Rajoy. Entón, á escasa lexitimidade de exercicio actual, o PP sumaria outra parecida ilexitimidade de orixe. Fogo amigo a eito.

E se antes de disolverense as Cortes, o 31 de outubro, o Rei Felipe VIN chama a Rajoy para un novo intento de investidura, teremos outro 23-F mas sen Tejero. Porque iso significará que os conxurados proxectan a abstención “sobrevinda” (como quen non quer a cousa) da parte  rebelde do grupo parlamentar socialista para rematar a faina, que é o foro onde empezou “o alzamento”. O plano de acoso e derribo a Sánchez estivo tan planificado que contou co apagamento informativo ex ante e ex post de medios e tertuliáns (en 1981 copouse RTVE). Até o extremo de que o secretario xeral do PSOE tivo que  recorrer a un portal dixital para ser ouvido.

One Comment

  1. A crise existencial é deixar gobernar a Rajoy ou gobernar con Podemos. O punto de ignición é que teñen que decidilo xa porque non hai tempo. Retrasouse para que non afectara as autonómicas.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off