off
Cedeira, Fotografía, Obituário, Xente — 28 Setembro, 2016 at 4:27 p.m.

Willy, o fotógrafo libreiro

by

Ainda que exerceu de libreiro Andrés López “Willy”  deixa un amplo legado como fotógrafo e  recopilador da memória fotográfica de Cedeira


willy-20160928-ollaparo
Andrés López “Willy” no Rebouto

Willy deixounos onte á idade de 57 anos. Na súa esteira fica un legado fotográfico amador de máis de trinta anos, que tén o espazo xeográfico e humano de Cedeira como referente central e propio, e que pouco a pouco foi proxectandose en interese  tamén cara as imaxes do noso pasado e os inicios da fotografía a mediados do século XIX.

Dinamizador xuvenil 

De rapaz Andrés foi un gran dinamizador, fundando o clube de futbol Athletic Cedeirés a principios dos 70. A indumentaria era unha camisola branca –un elástico de manga corta- con unha franxa vermella no peito –un retal que as nais dos xogadores cosían nas súas casas e se algunha nai non podía, estaba a xenerosidade de Teresa de Celestina – a nai costureira- para ese mester; pantalón azul e  medias brancas; as botas… cada un as que podía.

O escudo imitaba ó do Athletic de Bilbao, que era o equipo dos seus amores. Facíase un fondo de achegas da paga do domingo e mercábase material para o equipo –xeonlleiras e luvas, para o porteiro,  material de botiquín, o miragreiro Linimento de Sloan dun cheiro intenso que sempre asociamos ao fútbol.

O Andrés facía de todo, adestrador, manager, presidente, tesoreiro…era o alma mater do Club. Tamén andaba moi teimoso con recoller os avatares do Club e para iso elaborou o “Historial” do Club no que se recollía os resultados dos encontros, as contas, as fotos –na altura xa lle daba moita importancia a documentalo todo, ao material gráfico.

Disque Poldito ten ido ben de veces a tirar  fotos ó campo do Areal, que era onde se xogaba. Como nunha xusta os equipos contrincante eran os que se presentaban, moitos equipos infantís da vila xa que das parroquias non había ou non se presentaban, e xogábase no vrao con equipos de veraneantes, en Setembro contra rapaces que viñan cos romeiros, e facíanse liguiñas cos poucos da Vila. Tense ido a pé a xogar ó “bolo” de Esteiro, con papada de cereixas polo camiño. Algún xogador do Athletic Cedeires houbo de fundar outro clube para competir, de aí saiu a Unión Deportiva Cedeiresa, que seica non colleitou moi bos resultados.

O Andrés tamén tivo a ambición de fornecer ó Club de local social, e non houbo un, houbo tres: dous na Vila e un na Area. O da Area chegou a ter mesa de ping-pong, billar artesanal e “ambigú” con excelentes doces feitos pola irmá dalgún xogador. A fichaxe máis prometedora fora a dun rapaz brasileiro-cedeirés, Roberto, que co conto de que era brasileiro xa se daba por feito que faría “jogo bonito” ( todos tíñamos na mente a Gérson, Jairzinho, Tostão, Pele e Rivelino, os Campions do Mundo do 70). Mas o Roberto resultou ser un mais, quedou no equipo, e algún mal pensado decía que era polas fermosas irmás que tiña, a Suelen e a Solange, das que todos andaban medio namorados. Eran tempos ilusionantes e felices, onde xogar ó fútbol era soñar e ese soño fixoo real o Andrés.

O compromiso

A comezo dos oitenta atopámolo involucrado na Asociación de Veciños A Marieta e en iniciativas direccionadas a estimular a creación artística entre os máis novos. Foron tamén anos de militancia na AN-PG e de activismo cultural de base espallando libro galego e  cerámica de Buño e Bonxe. Activismo que o levou a colaborar de xeito natural coas xeracións emerxentes que viñan de fundar contra 1984 a Sociedade Cultural Chirlateira, publicando  fotografías nos primeiros números de Ollaparo malia a pouca cualidade de imprensión que a revista lle oferecía na altura.

A fotografía

Mas foi tamén a época  en que comezou  a teimar na idea de rescatar a memoria fotográfica local do seu esquecemento. Abríase unha xeira que o levou a pesquisar nos arquivos familiares porta a porta,  trazando xenealoxías  que o levaran a dar con aquela foto que alguén vira algures mas permanecía esquecida nunha caixa de puros ou na vella ucha familiar. Unha investigación  que o levou a procurar imaxes de Cedeira en arquivos  familiares e  tamén en Barcelona e Madrid.

Habian vir despois as primeiras exposicións no Palacete con fotografías de seu, sorprendendo pola  grande cualidade das obras, mas tamén polo feito de que a técnica acadada permitíalle ensarillar o estilo creativo e libre das súas instantáneas, nun continuum talvez non buscado mas percebido, coas “fotografías anónimas” que fora recopilando e que reflectian puntos en común na ollada cotiá e naturalista,  xa que nelas móstranse personaxes e obxectos locais recoñecibles  como algo vivo. En 2008 editou ese inxente traballo de recollida no libro “Cedeira, imaxes para a historia”, primeira escolma de fotografías antigas da vila e terra de Cedeira. Outra  paixón súa  pouco coñecida eran as árbores autóctonas e senlleiras.

Tiña retranca e locuacidade. E as veces tamén, xenio. Por iso sempre era interesante conversar con Willy. Hai anos, nunha  incursión á libraria-paperaria de Agustín na que Andrés exercía de auténtico animador corporativo – reservando sempre baixo a prensa ordinaria exemplares do xornal A Nosa Terra e outras municións para revoltados e heterodoxos – dicíanos que o formato dixital facilitara moito a vida  xa que permitía facer centos de fotografías sen apenas custo para logo escolmar na palla e dar con unha boa, en cambio, outrora, cando tiraban unha fotografía para unha reportaxe, un retrato ou unha panorámica postal debían pensalo moito antes de darlle ao clic. Ainda así, afirmaba Willy,  a fotografía  permítennos ver unha chalana no río como algo con personalidade, como algo que fala, algo vivo e non inerte.

Descansa en paz, Andrés. As túas imaxes para a historia de Cedeira xa son un guieiro para todos os que acreditamos que a memoria de noso  é necesaria para recoñecernos nelas e para inspirar o por vir. Grazas!

2 Comments

  1. Sempre tiña unha palabra amable. Maravillosa persoa.
    Sintoo moito.

  2. Fonda pegada fotográfica a que deixa o Willi non somentes na súa obra publicada “Imaxes para a historia” senón nas que ten espalladas por aí e no seu propio arquivo.
    Un rapaz simpático que nos deixa a unha idade moi temperá e que de seguro estará, dende as alturas, retratando e fotografando a máis de catro que xa están acompañándoo nas marabillosas paisaxes do azul Olimpo.
    Descansa en paz, André.

    Xosé Antón Suárez Aneiros

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off