off
Eleccións 25-S 2016, Galiza, Opinião, Politica espanhola — 26 Setembro, 2016 at 9:57 a.m.

Erache visto!

by

A verdade das eleccións do 25-S como indicador  de país é comprobar, mais unha vez, que das tres “nacionalidades históricas” Galiza continua a vivir no rexionalismo.



paraquedas-sebastian-lenormandO SORPASSO, U-LO?
En relación ás eleicións do xuño, a esquerda perde votos. E o PP acrescentou votos e porcentaxe.
O resultado das eleccións bascas e galegas deitan un resultado de continuidade exento de efeito taumaturxico. As eleccións confirman en esencia o que xa sabiamos.  Que o nacionalismo afortálase e resiste alí onde xa era e estaba, que Ciudadanos só osma onde nunca falla o PP,  e que as franquicias de Podemos debilitan un bocadiño as esquerdas alternativas nacionalistas. O sorpasso  non se materializou en escanos. En Marea e PSG-PSOE acadan 14 representantes no Parlamento. Se ben para En Marea a  “alegria” non debeu ser moita – as súas expectativas era outras- por superar os 9 escanos de AGE, para o PSdeG estes resultados é a eclosión da crise inducida por Abel Caballero desde Vigo. A homeóstase percebida  confirma que as franquicias e marcas de Podemos herdan un bo bocado do antigo eleitorado urbán e xoven dos socialistas. A fuga de votos cara Podemos, que o PSOE non sabe como aturar porque non defronta abertamente que abrazando o PP e o seu  imobilismo apenas é unha copia de quen mellor defende o statu quo e que abrazando a Podemos exporíase unha alianza con certos sectores nacionalistas para selo eixo da alternativa ao PP no Parlamento español. Após as eleccións galegas e bascas o PSOE  xógase identificarse co nome propio (socialista) ou co do pai (español),  o punto de identificación simbólica que o subordina ainda máis ao que o PP representa.

As vitorias do PNB en Euskadi e do PP en Galiza teñen só dous puntos en común: a continuidade dos partidos de goberno, os que non fan experimentos.  

O BNG RESISTE.Contra todo prognóstico o BNG non baixou tanto como querían e acabou mantendo o seu grupo parlamentar. Ao cabo, tratándose dunhas “autonómicas” era  o único partido galego que caneou os afagos seductores de Podemos, aguantou con paraquedas a irrupción de En Marea e perdeu só un deputado nun contexto no que o conxunto da esquerda perdeu votos. O cambio de estratexia do “efecto Pontón” terá nesta lexislatura a oportunidade de mostrar o seu alcance.

SER PARA O OUTRO. A ideoloxía de dereitas adoita ser experta en oferecerlle á xente a insuficiencia e a debilidade, talvez tamén a culpa, como atributos identificadores. Entanto os datos deitan unha Galiza real con problemas endémicos, a que oferece a esquerda desleixa o feito de que a indentificación imaxinaria da xente é cunha Galiza que continua identificandose “en nome dunha certa  ollada no Outro” (Lacan-Zizek).  A fenda entre o xeito en que me estou a ollar a min mesmo e a perspectiva desde a que estou a ser enfeitado. Galiza sempre procura parecer amabel a Madrid (transnominación de España) partillando a adhesión ao goce do Outro.  Enguedellada nunha vertixe masoquista que impide a irrupción da parte que non asume o papel de actuar para o outro, organiza a súa culpa e o seu fracaso. A identificación imaxinaria de Galiza é o seu “ser para o outro” (Hegel), porén a esquerda non entende que é esa identificación a que hai que rachar. Seica non é a España do duopolio hexemónico corrupto, a dos vasos comunicantes do poder e o diñeiro, a que xerou esa olla “amabel” e idealizada do pobo galego, a das festas gastronómicas, a dignidade da “xente do común” exenta de inanidades, etc? Non é esta identificación simbólica a instancia que domina, o punto de vista desde o que somos enfitados? Até cando acreditarmos nesa idealización que serve á dereita española para ir sumando mandatos e lexislaturas? Até cando continuará actuando a esquerda para o show do statu quo (PP-PSOE) que non acaba de afundirse?

O que estes resultados veñen confirmar na súa compulsión é que Galiza nunca falla ao PP, quer dicer, á ollada paterna que simboliza unha determinada concepción da democracia española. Alomenos de momento, até que se demostre o contrario,  nen as amizadas perigosas nen os casos de corrupción que ateigan o PP no Estado salpicaron de abondo a Feijoó. Seica non é esa baixa implosión da corrupción na armazón do PP en Galiza  o que está a servir de “acolchado” ou  de amortecedor dos efectos da corrupción  estructural que  ten estoupado en Valencia e ao que contribuen, no mesmo goce do común ideolóxico,  os casos de corrupción do PSOE de Madrid ou de Andalucía?

Velaí as equívocas palabras guindadas por Feijoó na mensaxe de onte á noite cando afirmou que el non era o futuro do PP en Madrid mas que é “o presente de Galicia”. Ainda no nivel dunha leitura inxenua inmediata, isto non significa simplesmente a obviedade de que se presentou como candidato á Xunta e con rotundísima vitoria; implica ao mesmo tempo a quen así se designa na perspectiva dos populares, que Galicia ficará reducida a ser un endemismo, un puro “presente” (non foi “presidente” o que el dixo) , ainda cando no nivel dos feitos da sanidade e da educación públicas, dos servizos sociais, da renda dispoñibel, da emigración que non cesa e do devalo do idioma non reflictan progresos na democracia e na liberdade.  Ese pequeno detalle de pasar por alto o pequeno detalle de que Galiza non dispón dos seus cartos. Un presente no que a evidencia de estar nas maos do oligopolio enerxético e da economía do BOE non se perciben como un expolio ao cidadá.  É dificil eludir a sensación de que nesta posición  mardada poloa “política do presente” hai algo que non encaixa, ou que flue con demasiada facilidade. Como deixar de recoñecer o celo “apaixonado” con que Feijoó se apropia do “presente de Galicia”,  o seu incluido, na mesma noite eleitoral. Porque negando ser o futuro do PP en Madrid (seria pouco honorabel recoñecer na noite eleitoral que xa tiña feitas as maletas para Madrid) mas afirmándose “o presente de Galicia”, o que fica elidido é que é o presente de Madrid en Galicia: que o PP e Rajoy salvan os mobles. Ao cabo, non era este o obxectivo inconfeso, a prostración dos intereses de Galicia, o ser para outro?

Porque o rexime político lexitimado como “democracia española” produciu o fenómeno da corrupción estructural, o clientelismo, a porta xiratoria poder-diñeiro e a consolidación na democracia liberal española da subalternidade económica, social e política de Galiza. Velaí o miolo do PP que recunca vitoria porque a xente está contenta co que fixo e o resto da oferta non lle oferece confianza. Quer dicer, PP en Galiza e PNB en Euskadi representan a  identidade do miolo do país. Porén, hai unha diferencia fulcral: o Partido Nacionalista Basco é a dereita cun pé na democracia cristiá,   mas non é a dereita española filla do franquismo coa extrema dereita adentro e coa corrupción sistémica como sinal identitario. O PNB fai políticas sociais porque Euskadi recada os seus impostos e despois pregunta a Madrid canto debe. O ” galeguismo fraguiano” e “ben entendido” semella abondarlle á metade dos galegos. Malia a queixa sentida na casa e na rúa, o PP é intocabel.

Portanto, Feijoó non se arreda en aludir á situación política española espetando que “en Galiza non haberá bloqueios, nen vetos, nen parálise”, en todas as situacións que o contradín os feitos, porque tal é o grau de imitación e identificación coa imaxe do que Rajoy significa. A mesma concepción que abre agora a porta á parálise da súa política, a que deu cun páis ancorado no rexionalismo

A súa vitoria terá efeitos, nomeadamente, fora das fronteiras galegas.  Primeiro, non mudará o cotiá, cun Feijoó a seguir gobernando sen precisar pactar nada. Segundo, a maioría absoluta fornece fólego a un Rajoy e un PP nun intre no que, alomenos no Estado, as súas siglas son sinónimo de corrupción sistémica. Terceiro, sendo el o “presente” do PP (transnominación de Galicia) non haberá bloqueio, nen veto á súa persoa xa que a imensa vitoria valídao como o dirixente do PP máis ben colocado para substituir a Rajoy (con permiso de Soraya)  nun futuro non moi lonxano.

One Comment

  1. O Bng non está salvado. Saleu da uvi.
    Mentras non teña representación nas institucións estatais ten un ha posición débil. A posición forte sería volver órganos Congreso e órganos Parlamento europeo. Nese momento poderíamos falar dun Bloque forte.
    O Bloque fixo unha campaña a longo prazo co obxetivo de resistir e o conseguiu pero non pode interpelar ó goberno central por exemplo.
    Ainda lle queda pasar o peor.
    Veremos se o consegue.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off