off
Eleccións 25-S 2016, Galiza, Opinión — 23 Setembro, 2016 at 1:10 p.m.

As pistolas de Feijoó

by

“Non podemos negociar coa pistola do separatismo acima da mesa” afirmou na SER o presidente da Xunta e aspirante a relección polo PP amosando así a falta total de argumentos do nacionalismo español.


É ainda fascinante. Feijoó, afirmando: “A pistola do separatismo”. Que caste de linguaxe é esa? Talvez a do macarra. O xogo lingüístico  que mesmo permite desleixar o significado a costa do significante que, como ben dicia Lacan,  é quen está asociado nas operacións de dominación. No que só fican as palabras e que ningunha sintase pode arrumar para que teñan sentido. Porque o xesto, o aceno, diríxese á nada, á aniquilación da realidade sob unha escalada verbal que proclama a intransixencia e o aumento no espazo público de cuestións relativas á autoridade e á seguranza, ese dous cachorros que aleita o medo mas tamén a inercia da indiferencia.
Comparar por unha presa de votos a violencia armada coa pacífica vontade do 48% da cidadanía catalá non é máis do que procurar un chivo. O candidato do PP busca no estoxo dos medicamentos o narcótico expiatório que o absolva de loitar contra a estupidez, a súa e a o do seu tempo. A esta altura pouco importa obviar que Aznar sentara nunha mesa de diálogo coa ETA, ou se cadra si, alén das súas razóns ETA mataba. Pois ben, o goberno español negociou cos das armas cando agora non quere facelo cos das urnas. A loita pola dominación segundo Feijoó permite convertir segundo conveña as urnas en pistolas. Tira do imbécil que levamos dentro, do amnésico que preferiu votar un exministro da ditadura franquista durante anos.

Cando Feijoó compara poñer as urnas coa pistola da ETA envia unha mensaxe inequívoca aos galegos e aos españois: que só é digno e merecente de ser dito e discutido o que dita o poder emprazado.

Porén, evita dicirlle aos galegos e galegas que a súa vida seria máis suportabel se a Xunta recadase os impostos e pagara, como fan os vascos, a súa parte a Madrid. O “plano de choque” prometido por Feijoó contra a crise, u-lo? E o traslado de ENCE prometido no programa de 2009? Xa non é que segundo Feijoó Cataluña non poda pedir un referendum nen calquera outra cousa (discúteselle até a inmersión lingüística) mas o papel subalterno reservado a Galiza por quen é candidato a presidila máis unha vez.  Porén, non desesperen, vindo de Feijoó, non é nada persoal, só política rexionalista. Esa  esencia do autonomismo constitucionalista que é o caixón de xastre onde ninguén sabe que manda o que ao ditado do “café para todos”. Ese disolvente da fasquía  plurinacional de España levou ao absurdo e desatino de reducir a lexitimidade do Estatudo Galego do 36 (o cal é o referente de noso que non se deriva da Constitución do 78) a un subproducto ou accidente histórico.

A pacata banalización da violencia (ao cabo, a diferencia da súa foto macarra co narcotraficante, a pistola de Feijoó é imaxinaria) reflicte a laxitude moral da caste política e mediática española. Esta declaración fai parte, obviamente, do interese do poder en blocar a cousa na sua incompreensibilidade. Non é que a socioloxia poda explicar por que a Galiza é gobernada por un presidente tan pouco cumpridor, …sua vaidade, sua mediocridade, sua deslealdade mas o problema de cómo facer para non continuar a asustarse coa ecuación: saída de España = caos. Para salvagardarse a si mesmo, o presidente en funcións da Xunta guinda palabras carregadas de chumbo sen decatarse porén que está a autoinvalidarse, anticipando que coa lenta chegada da hora da verdade ninguén contará con el. O medo non paga mas serve para estacar a vista: até onde alcanzan as expectativas?

Feijoó evita dicirlle aos galegos e galegas que a súa vida seria máis suportabel se a Xunta recadase os impostos e pagara, como fan os bascos, a súa pequena parte a Madrid

Non é a primeira vez que en procesos electorais se vincula un movimento popular consistente en pedir urnas para todos cun asunto potencialmente violento. Como cando dixo que pór as urnas o 9-N era antidemocrático. O mundo do aveso. Que é o que ofende a decencia? Que non todo vale per un pugno di voti, para gañar unhas eleccións. Que a maior parte dos intelectuais axeonllen, que abandonen toda apariencia de pensamento independente, aliñados con quen mantén a autoridade política.

Os galegos  sabemos o que é ter gobernos da dereita españolista, antigaleguista e recentralizadora,  o que debería servirnos dunha ver por todas para safarnos da xenreira que alimenta e comezar a tomarnos a serio

Pregúntome se a cidadanía galega terá luzada para debullar as metas colectivas do individualismo fragmentado ao que nos abocan as declaracións de Feijoó. En campaña eleitoral, non todo vale para que falen de ti.  Comparar a vontade democrática pacífica de 48% da poboación catalá co terrorismo da ETA, que desapareceu, é simplesmente antidemocrático. Porque o problema non é se somos independentistas ou unionistas, se estamos de acordo ou non con un acto lexislativo, mas o xeito en que debatemos os nosos intereses comúns.

One Comment

  1. Os partidos nacionalistas catalans e vascos conservadores queren vantaxes competitivas co resto do Estado. Cando iso se faga as élites catalanas e vascas esqueceranse do soberanismo. Xa dixo Urkullo que os Estados son interdependentes e que xa non hai Estado independentes, unha forma de recuar patética. Galicia segue sendo colonia interior.Euskadi e Catalunya sempre foron o contrario.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: