off
Cinema, Música, Opinião — 21 Setembro, 2016 at 9:41 a.m.

Eight days a week

by

eight-days-a-weekO documental Eight days a week vén de facer unha revelación, cousa pouco frecuente no sempre melífluo Ron Howard. Para mitómanos e beatleólogos quizá non sexa un achádego que os de Liverpool deixaran de tocar ao vivo en grandes estadios  a causa dos berros dos fans: seica non se escoitaban entre eles cando tocaban. Porque foran moitos os que acreditaran que a retirada dos grandes escenarios alicerzara nas mesmas causas da definitiva separación (quen sabe se tamén rendendo tributo ás caricaturas simplificadoras do mito): a loita de egos, a rivalidade creativa ou o prezo a pagar por unha fama inzada de trampas tendidas baixo todas as enerxías rebeldes e intelixentes.

Os minguados 100 watios de potencia, que Vox fornecera para os altofalantes do  concerto no Shea Stadium de Nova York, foran o comezo do fin dos concertos  ao vivo dos Beatles  e o interludio que deu paso a proliferación de concertos masivos por todo o planeta. Seica Ringo intuia por onde ia a canción polo movimento de pelvis, dos pés e da cabeza de Lennon, McCartney e Harrison. Nesta altura, a potencia sonora dos altofalantes non acalaba os gritos dos fans. Mais tiña o efecto paradoxal de que a paixón xerada pola súa música tamén provocaba o seu silenciamento.

A música que acordara as paixóns eróticas e a explosión de emocións no corazón do público adolescente (dende a distancia) tamén era inaudible para quen a tocaba (na proximidade).

Deturpado o principio libertario que manda gozar e fai gozar, non é apenas que a banda se estaba tornando mais sofisticada sobre técnicas sonoras e de gravación, mas a percepción talvez de verense reducidos a pantomima. Non é o sacrificio do desexo e da liberdade creativa en beneficio das máquinas colectivas a orixe do malestar da cultura que Freud analizara? Talvez esta descuberta -o que insidiosamente impuña o o mercado en circuito pechado-  levara a Lennon a afirmar que “a xente berra cando se marca un gol…cando mexían a cabeza é como se marcaran un gol, porque é cando máis gritan”. A analoxía debeu ser certa nas dúas direccións porque até os siareiros do Liverpool FC  acabaran cantando o “Love me do” coa litúrxica fruición coa que hoxe se entonan cantos en todos os estadios do mundo. É coñecida a psicoloxía das masas. E estaban a se facer planetarias.

Desde a queima de discos inducida por unha campaña de sabotaxe integrista contra a súa música – Lennon declarara nunha entrevista que o seu suceso estaba a ter máis influencia na xuventude do que Xesús- e súa negativa a actuaren en estadios onde houber segregación racial, talvez chegara o momento da reconciliación coa esfera persoal e o autobiográfico e non apenas viver da autofáxica motivación do poder como tal. “Eu sou un perdedor” de 1964 mostra Lennon pola primeira vez sob a esteira de Dylan. Até mesmo os prolíficos Lennon – McCartney perceben que non podian manter a demanda de cancións sen por iso garantir a expresión que ambicionaban nunha época na que acordaba o home unidimensional e reproducibel, afeccionado aos xogos e os estadios. O desenvolvimento da megafonía permitiu a conquista dos grandes espacios que apenas se tiñan comezado a experimentar: os concertos multitudinarios nos que a calidade da potencia do son foi acompañada nas seguintes décadas pola imaxe oferecida en grandes pantallas que mostran aos alí presentes o que están a experimentar “ao vivo”  -que se ven, véndose- dada a imposibilidade de perceber  a singularidade dun espectáculo concebido principalmente para o ollo e para ser diferido.

A esta altura, non hai que perder de vista a escolla. Cansos talvez das persecucións histéricas, gañaban abondo e preferiron encerrarse no estudo a grabar discos en parceria con George Martin. De mudar o xeito de relacionarense con si mesmos, iso do que non sempre somos conscentes, mas fai parte do espírito. Ao cabo, a experiencia dos masivos concertos ao vivo tamén os confrontou a eles co sentido da arte e da música. O éxito permanecerá, e con el o teatro de luces e sombras, a ironía quer soterrada quer explícita, a estratexia comercial e o nomeamento  de cabaleiros do Imperio Británico.  Ao cabo, foi o propio Lennon quen cantou aquilo de “debes aprender a sorrir cando matas”. Mais velaí quen gozando de grandes doses de orixinaliade própria, fuxen do mimetismo, de duplicarense a si mesmos até o infinito (outra cousa é o que a época da reproductibilidade fai coas obras únicas) para sairen da unidade de produción e reclamar o acto creativo. Esa retirada representa darlle prioridade máxima á composición de cancións e non á súa representacón pública en concertos multitudinarios que deixaban, malia todo, máis gaño do que a venda de discos. O caso é que ao desvincularse do rexistro agónico, o público quedou sen o goce da súa música ao vivo. Mas houbo transmutación de enerxía e parto, houbo culto ao estilo e poetización do real en  Sgt. Pepper’s e en White Album e, finalmente, música no terrazo da Apple Records.  Mudaron o xeito de escoitarmos a música  porque a dinámica da súa inspiración tivo grandes beneficios simbólicos na cultura popular.

O que interesa suliñar é o nexo que os unía – que os une- e que poderíamos chamar unha música a catro mans e que a amizade aumentou a seis e até oito; que ainda que a verdade da separación de The Beatles fose que Lennon e McCartney acabaran rivalizando fartos de asinar ex aequo as cancións ou por seca creativa,  talvez  por algo máis “provocativo” como estaren fartos de cantaren en estadios para adolescentes,  disen querer gardar fidelidade á obra aberta, ao acto creativo, a encerrarse a compor e grabar cancións.  Unha vontade estética que aspira a ser nova cada vez que se a considera; que non fixa nunca, non está terminada, mas sempre en movimento e obedecendo a novas exixencias.  O gosto polo aleatorio  e o intersticio presente nos discos  por chegar.  Unha confianza cega no por vir. Un outro saber, un pouco oriental ( presente na xeira de George Harrison). Con certeza, como o de ir votar, se a música servira para mudar o mundo, non nos deixarían cantar. Mas non é esta viraxe ao aberto a que fai sentido?

«Revolution 1»: “count me out… in [non contes comigo…, conta comigo”]. Conservemos o que ese xesto dí.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off