off
Cedeira, Ecoloxía, Medio ambiente, Movementos sociais, Natureza — 16 Setembro, 2016 at 14:29

Somos Cedeira e ADEGA exixen constancia escrita do compromiso de Costas coa avaliación ambiental da Madalena

por

No comunicado de Somos Cedeira subscrito por Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) insístese na necesidade de acometer unha Avaliación de Impacto Ambiental e o compromiso escrito e asinado do Xefe da Demarcación de Costas 


Ollaparo_noiro_primeiroplano2014-01-05 10.50.43Despóis da constitución da Plataforma Cidadá Salvemos a Ría de Cedeira (PCSRC), o Concello de Cedeira conseguiu que se concretase unha xuntanza entre a plataforma e a Demarcación de Costas . Así o pasado 12 de agosto tivo lugar unha reunión na sede da Demarcación  na Coruña para tratar a restauración ambiental de praia da Madalena.

Nesa reunión, na que participaron o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, o concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal e dous representantes máis da PCSRC (integrada polo concello, confraría e membros da sociedade civil),  o xefe da Demarcación de Galicia, Rafael Eimil, amosou a intención de Costas delevar a cabo unha avaliación de impacto ambiental ordinaria (é dicir, completa, non simplificada), así como un proxecto construtivo de rexeneración ambiental. Incluirían diversas alternativas para ser obxecto de avaliación, e habería os preceptivos trámites de información pública para presentar obervacións e alegacións, tal como dispón a lexislación vixente.

Falouse tamén de acometer varias intervencións de carácter puntual relativas a aspecto como: reparar a ringleira de troncos, procurar melloras no canleamento dos regatos e rebaixar a cota da duna para quitarlle peso, facer unha pendente e revexetala con flora flora autóctona propia destes ecosistemas.

Houbo o compromiso de que sería unha intervención única para acadar a estabilización da duna, así como que non se farían máis deitados de area na praia.

Quedouse así mesmo en enviar ao Concello o informe sobre a praia elaborado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente. Considerando que a día de hoxe aínda non tivemos acceso ao devandito documento, o que manifestamos de seguido pode verse alterado unha vez coñezamos o seu contido.

Unha das poucas demandas que subscribiron ADEGA, SC e o resto de entidades constituintes da PCSRC (incluido o grupo de goberno), era a de esixir AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL (AIA) dacordo co procedemento ordinario -completo- previsto na lexislación ambiental vixente. É por iso que a esta AIA completa precisa dun mínimo contido multidisciplinar e de ser preciso tamén con abordaxes interdisciplinares:

a. Definindo, características e emprazamento do proxecto.

b. Estudando as Alternativas.

c. Describindo o medio receptor (atmósfera, sedimentos, hidroloxía, auga, pesca e marisqueo, hábitats, fauna e flora mariña e litoral, morfoloxía costeira,dinámica litoral, comportamento hidrodinámico da ría, etc).

d. Analisando  impactos potenciais.

e. Implementando medidas preventivas, correctoras e compensatorias.

f. Programando a vixiancia ambiental.

g. Deseñando Planos

h. Investigando a dinámica litoral e modelización hidrodinámica.

i. Caracterizando os sedimentos na ría e na praia.

j. Estudando o comportamento das especies (bionómica e censos de flora e fauna, censos de especies ameazadas,

exóticas invasoras, recursos explotables, endemismos, etc).

k. Alargando ese coñecemento con estudos  socioeconómicos, de patrimonio cultural e de integración paisaxística.

l. Informando doutras  administracións afectadas.

 

Sobre a estabilización do noiro da praia

praimadalena_noiro-20160314-WA0002A este respeito, á proposta de estabilizar o noiro mediante a súa reconfiguración e revexetación, a nosa posición sempre foi a de non tocar a duna, ao entender que só se perseguía rabuñar nela nas vésperas de cada verán, xa que no inverno o mar levaría toda a area rebaixada, como de feito aconteceu. De facerse así non tería sentido, en poucos anos non quedaría nada. Porén, a nova proposta de Costas, baseada nunha única intervención orientada a quitarlle peso e altura –froito dos recheos recentes– , facendo unha pendente suavizada e revexetándoa, concorda co feito noutros lugares con bastante éxito. A intervención iría complementada coa erradicación de planta exóticas invasoras en todo o espazo de titularidade de Costas, é dicir, o dominio público marítimo terrestre incluindo praia e traspraia. Tamén quedou expresamente claro que non habería máis deitados de area. Nestas condicións, estaríamos dacordo coa proposta de estabilización do noiro.

É o momento de compromisos concretos que non dén pé a dúbidas, escritos, asinados e non engalanados en papel de celofán

Polo tanto, a nova transmitida na reunión do 12 de agosto polo Xefe da Demaración de Costas, Rafael Eimil, sobre a intención de levar a cabo a avaliación de impacto ambiental completa foi moi ben recibida, por ser crucial para o futuro da praia de Madalena. Así mesmo, ADEGA e SC temos coñecenza das moitas acción que costas ten acometido tempo atrás na praia, e o moito dano que teñen producido que para o ecosistema da ría estas actuacións. A estas alturas, despois de máis de 2 anos esixindo que a administración -que todos financiamos- non perxudique unha das poucas reservas mariñas que existen en Galiza, entendemos que é necesario algo máis que boas palabras. Que como a area lévaas o mar e o vento.

Estamos convencidos de que Costas non terá inconvinte en deixar constancia escrita da excelente nova expresada polo Xefe da Demarcación, se realmente existe a intención de cambiar o xeito de como se veñen facendo as cousas.

 

 

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: