off
Economía, Opinião, Política, Politica espanhola — 14 Setembro, 2016 at 10:49 a.m.

O resgate bancario como paradigma da dominación

by

“Son moitas materias, en resumo acho que se trata de aprendermos a aturar as reixas”

(El Roto)

chaplintemposmodernosO que politicamente diferencia a actual era democrática da pre-democrática condénsase nunha palabra: consentimento. Os que hoxe mandan fano no noso nome. Están habilitados polas urnas. Ou por outras palabras gobernan porque nós (quen o faga) votamos por eles. O principio democrático baséase na lexitimación, o contrario chámase ditadura. Mas iso non explica por que a xente escolle aos corruptos ou permite que os viláns sigan ostentando o poder co seu aval. E non serve a saída de pata de banco de que temos os políticos que nos merecemos. Esa é unha forma como outra calquera de maldicir a resignación.

Grande esperpento, posiblemente se entenda mellor se, sen saírnos da esfera pública, enfitamos o que sucedeu co chamado resgate bancario. Aínda que é certo que España non solicitou o resgate-país, como a Grecia e Portugal, non é menos que os cidadáns sufragaron un butrón bancario absolutamente ruinoso. Porque dos 51.303 millóns de euros inxectados no mercado financeiro para recapitalizalo, cifra equivalente ao 5,4% do Produto Interior Bruto (PIB), hoxe en dia recuperouse só o 5%, e o Estado xa anticipa que dá por perdidos 26.300 millóns.

Unha enormidade que se tirou legalmente doutras partidas do orzamento. O que chama a atención é que, igual que acontece no plano eleitoral, tras ese latrocinio que está na orixe de boa parte dos traumáticos recortes aplicados en sectores de primeira necesidade como Sanidade, Dependencia ou Educación, a maltratada cidadanía revalidase na práctica a súa confianza no sistema (político e financeiro). Fíxoo concorrendo mansamente elección após elección para designar gobernos adictos e mantendo activa a súa intermediación coa banca achegando recursos ao seu verdugo. Estamos perante a versión actualizada daquel viva o meu dono! que glosou Ramón del Valle-Inclán hai un século. Porque aí está o truco, na conciencia de colonizado pola que os de abaixo acreditan necesitar a opulencia do señor para poderen vivir.

A voz da súa man representa a cadratura do círculo que explica a nosa indixencia. Asimilando engolir a pílula eleitoral como un elemento substancial da democracia, instalámonos nunha corredoira sen saída. Gobernen azuis ou gobernen colorados, no substancial o resultado apenas muda. Ninguén pode pensar fóra dese imaxinario social hexemónico que funciona como unha camisa de forza. Á fin e ao cabo, tanto PP como PSOE son os responsables do atraco bancario. Socialistas foron quen modificaron a lexislación (Carlos Solchaga no seu día) para que as Caixas de Aforros serviran de botín propiciatorio da caste política e sindical, e foran os conservadores quen pulsaron o botón do seu resgate á conta do resignado contribuínte.

Todo iso nunha xeira de corte mafioso que levou primeiro a espremer ás caixas con leoninos proxectos de parte alleos á súa función social; logo a estigmatizarlas como ineficientes; e máis tarde a liquidalas para entregar a súa cota de negocio á gran banca privada. A mesma que tradicionalmente financiou aos principais partidos e, cando a ocasión demandábao, condonaba parte das súas abundantes débedas. Un proceso de acoso e derribo que o catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, Antón Costas, cualificou como “O maior desmán financeiro da nosa historia” http://elpais.com/diario/2011/01/28/opinion/1296169205_850215.html

A dobre responsabilidade de PP e PSOE concrétase nalgúns éxitos do saqueo: desde a primeira quebra en 2009 da Caixa de Castela A Mancha, presida polo socialista Juan Pedro Hernández Moltó; pasando por totum revolutum de Cajamadrid e os xenerosos cartóns black, para uso e goce de burócratas políticos e sindicais de todas as cores; até o ranking das entidades que maior quebranto causaron ás arcas públicas, lista encabezada por Caixa Catalunya, do antigo ministro filipista Narcís Serra, con 11.7232 millóns de euros, e por Novacaixagalicia, berce do PP, con 8.269 millóns. Este monumental desfalco a dúas mans reflicte a esencia da política de portas xiratorias do réxime neoliberal. Falamos dun Estado de Dereito que polo noso propio ben socializa as perdas e privatiza as ganancias, e a cuxo esconxuro acoden gobernos de dereita e esquerda como a un trobo de rico mel.

Ainda que o verdadeiramente aberrante non está no feito xa rutineiro de que nos gobernen políticos corruptos e que nos despoxen os grandes da banca co noso consentimento. Esa é a expresión que toma a dominación sistémica nesta etapa histórica. O tráxico é que, despois de experimentar as súas crueis poutadas, sexamos incapaces de concibir unha sociedade sen o fetichismo dos partidos e non saibamos achar unha alternativa económica válida ao espolio dos negreiros do noso diñeiro. Nunca na historia houbo unha escravitude que estivese tan satisfeita como os vasalos modernos. Toda pirámide social descansa sobre un alicerce..

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off