off
Estado, Galiza, Opinión — 5 Setembro, 2016 at 10:41 a.m.

O grau cero da política española

by
Hemiciclo
Hemiciclo

Vivimos un tempo no que non nos aprenden a escoitar. Apréndennos a emitir máis do que a recebir. As redes sociais, pobres en interioridade, exhiben mais do que reteñen, son máis emisoras do que receptoras. A ascensión eleitoral do PP nas eleicións de xuño ten causado que as potencias económicas e mediáticas españolas impoñan alomenos tres “axiomas” perigosamente contra-democráticos que mallan nas redes a vontade: a prioridade de formar un goberno que non xustifica ter en conta as responsabilidades do PP Rajoy en corrupción ; que hai apenas un goberno posibel do PP e liderado por Mariano Rajoy, entón a falla non é atribuíbel á nomeación, mas debruza no Pedro Sánchez; e que non é admisíbel calquer combinación onde entraren os fluxos cidadanistas e soberanistas, condenados a permanecer no afora. Un afora que, sen dúbida, ten diferente grau de afouteza e visibilidade ( o catalá blocou a investidura de Rajoy) e que os líderes non atenden, afeitos que están a emitir sen apenas escoitar.

Sánchez agarda no esencial o mesmo que Rajoy, que a fatiga eleitoral devolva o poder á caste dinástico bipartidista

Porén, Sánchez non é quen de ensarillar os 180 non, porque no esencial agarda o mesmo que Rajoy: que a fatiga eleitoral devolva o poder á caste dinástico bipartidista, da que fai  parte a antiga intelixencia na sua ruin loita contra  soberanistas, marés, comúns e  podemitas,  o propio Sanchez se non entra no enredo (un titular  na capa de El País’ favorabel a Sánchez  foi rectificado ao cabo de media hora).

 Velaí o gatopardismo de Albert Rivera, marca da xoven dereita españolista. O seu sentido sistémico levao a esquecer as exixencias sobre a corrupción e apoiar un presidente do que di non ter confianza. Mas xa lle vale a continuidade de todo con tal de apañar mais un bocado. Porén, Rajoy está disposto a presentarse ás eleicións que foren necesarias até que os cidadáns votar como el quer, por cansanzo, aburrimento, e indiferenza cidadá, até esvair a fantasia da mudanza de 2015. 

Velaí tamén Pablo Iglesias, marca política da indignación sistémico-dixital que acabou por ser amostrar máis un estado afectivo, de preocupación por si mesmo, do que unha forza de acción gravitatoria por falta de masa. Distracción e  fugacidade, nulla épica. A épica que ten o procés català, no que a cidadanía protagoniza a súa: non saiu á rúa porque o quixeran os partidos, pola contra, fixéronos andar detrás dela. A actitude pragmática da CUP contrasta agora máis ca nunca co deleixo inoperante dos partidos españois, nomeadamente os de esquerdas incapaces de tecer un compromiso anti-PP.

Só son perceptibeis acción e narración políticas, nas súas diferentes concreccións territoriais, no soberanismo.

Ao cabo, cómpre preguntarlles aos candidatos, secretarios xerais dos partidos que camiñan cara unhas terceiras eleicións: se prevén apresentarse os mesmos partidos cos mesmos candidatos e programas, seica esperan que os cidadáns mudemos o noso voto?

De acreditarmos na interpretación de que o tandem PP-PSOE está a agardar o que aconteza nas eleicións galegas e bascas ou no congreso federal do PSOE, entre outras variables, estariamos  perante a política como marqueting direccionado a desmaterializar o obxecto: a cervexa sen alcohol, os carambelos sen zucre, e o voto acomodado a unha presuposta aritmética parlamentar que se corresponde co vello reparto do que hai sen que iso reporte nada diferente. Que votemos de xeito apolítico e non por criterios programáticos e ideolóxicos.

Un rexime en devalo inexorabel,  incapaz de xerar un nós. De aí que só sexa perceptibel acción e narración, nas súas diferentes concreccións territoriais, no soberanismo. Desde dentro e desde fora do hemiciclo, poñendo  en evidencia a inacción e o desconcerto da política española. E se non acreditan, reparen na Galiza, o exacto lugar onde nunca pasa nada, onde hai moito tempo Feijoó atinxiu o grau cero.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: