off
Cedeira, Galiza, Mar e Pesca, Traballo — 30 Agosto, 2016 at 10:15 a.m.

O Museo Mares de Cedeira reaviva o interese polo patrimonio

by

maresdecedeira_20160808_OLLAPARONo primeiro mes de apertura, o novísimo Museo Mares de Cedeira recibiu arredor de 2000 visitantes (unha media de case 70 persoas diarias) acadando unha recepción extraordinariamente positiva. Profesionais museísticos louvaron a necesidade de que iniciativas populares coma esta permitan recuperar e mostrar a enorme riqueza da cultura do mar a través das ferramentas, atazos e outros utensilios de traballo que informan dos traballo e dos dias das xentes do mar,  pequenas grandes xoias que están a ser recolectadas ou deixadas en deposito polos propios veciños e veciñas no espazo museístico habilitado nos baixos da Casa do Pescador.

Banco de Romero, mítico carpinteiro de ribeira
Banco de Romero, mítico carpinteiro de ribeira

Un espazo  que con humildade nos achega de xeito ameno e sorprendente a vida mariñeira de Cedeira e do país. Un museu que nos fala dun pasado non tan lonxano, un tempo en que homes e mulleres vivian para traballar, preservando coa súas propias mans o que o mar daba e non había refrixeradores nen supermercados , nen camións ou estradas que axiña transportaban dun lugar a outro. Homes e mulleres que vivían do  mar ,e do agro, e aprenderan a ser habelenciosos,  astutos e sofridos, e facer da necesidade a súa vida.Ollando a sala plena  de maquetas, atazos antigos e fotografías podemos enxergar como debía ser o dia a día dun mariñeiro, dunha peixeira ou dunha redeira. Un mundo que pode semellar lonxano, duro, raro, porque a nosa sociedade non adicou moitos esforzos en valorizar a vida do mar, nen a austeridade, nen o esforzo, nen o devagar do tempo que se precisa para coñecer e respectar o que nos deu e dá de comer.Como cada vez hai menos supervivintes que manteñan vivo ese legado, o Museo Mares de Cedeira  vén encher un baleiro, por iso hai que celebrar e darlle os parabéns por alicerzar un espazo necesario que haberá que visitar de cando en vez para non esquecer de onde vimos e para ter presente todo o que perdimos polo camiño.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off