No primeiro mes de apertura, o novísimo Museo Mares de Cedeira recibiu arredor de 2000 visitantes (unha media de case 70 persoas diarias) acadando unha recepción extraordinariamente positiva. Profesionais museísticos louvaron a necesidade de que iniciativas populares coma esta permitan recuperar e mostrar a enorme riqueza da cultura do mar a través das ferramentas, atazos e outros utensilios de traballo que informan dos traballo e dos dias das xentes do mar, pequenas grandes xoias que están a ser recolectadas ou deixadas en deposito polos propios veciños e veciñas no espazo museístico habilitado nos baixos da Casa do Pescador.
Un espazo que con humildade nos achega de xeito ameno e sorprendente a vida mariñeira de Cedeira e do país. Un museu que nos fala dun pasado non tan lonxano, un tempo en que homes e mulleres vivian para traballar, preservando coa súas propias mans o que o mar daba e non había refrixeradores nen supermercados , nen camións ou estradas que axiña transportaban dun lugar a outro. Homes e mulleres que vivían do mar ,e do agro, e aprenderan a ser habelenciosos, astutos e sofridos, e facer da necesidade a súa vida.Ollando a sala plena de maquetas, atazos antigos e fotografías podemos enxergar como debía ser o dia a día dun mariñeiro, dunha peixeira ou dunha redeira. Un mundo que pode semellar lonxano, duro, raro, porque a nosa sociedade non adicou moitos esforzos en valorizar a vida do mar, nen a austeridade, nen o esforzo, nen o devagar do tempo que se precisa para coñecer e respectar o que nos deu e dá de comer.Como cada vez hai menos supervivintes que manteñan vivo ese legado, o Museo Mares de Cedeira vén encher un baleiro, por iso hai que celebrar e darlle os parabéns por alicerzar un espazo necesario que haberá que visitar de cando en vez para non esquecer de onde vimos e para ter presente todo o que perdimos polo camiño.