off
Cedeira, Desporte Cedeirense, Natureza, Opinión — 25 Agosto, 2016 at 10:20

A “sindrome de Barreiro” e outras reviravoltas

por Gabriel Beceiro

O ciclismo é que cada vez máis practicado, nas diferentes disciplinas que abranxe, polos valores esportivos e medioambientais que achega a súa práctica. Porén, coma outros deportes que acaban tornándose espectáculos producidos por e para os sponsors e a televisión, procuran escenarios-pantalla cada vez máis espectaculares para atraer máis público sob consentimento das marcas da que dependen equipos e organizadores. Con certeza, as marcas saben que o ciclismo se asocia a valores medioambientais e crecemento sustentabel. De feito, hai quen así o entende e practica, acoplandose e vinculándose de xeito coherente e respectuoso ao referente medioambiental e paisaxístico.

O que non está tan claro é que este sexa o motivo principal de quen organiza os eventos masivos, dos patrocinadores privados con ánimo de potenciar os seus intereses comerciais e de boa parte da xente que o practica ou sigue. Porque lle chaman “valores medioambientais e crecemento sustentabel” ao que non é máis do que a industrizalización e mercantilización insustentabel da súa práctica?

Desde o municipalismo, a problematica xurde cando a administración pública confía nos efectos poderosos e taumatúrxicos dos medios masivos tentando integrar o territorio e os seus habitantes – que se fai consumibel para alén do seu valor – sob a consigna “acoger una etapa, una oportunidad de promoción” lanzada pola propia organización de “la Vuelta”  ao ditado de captar patrocinadores e audiencias e de paso concitar a aprobación pública. A propia condición en directo do evento enmascara o corazón mesmo dunha operación de marqueting alicerzada no efémero valor que oferece por onde pasa, agás esa fuxida autoreferencial cara a apariencia. A queda fascinada dos gobernantes no engado do mercado de vilas e cidades e a necesidade de reformular a presentación do produto, quer dicer, a cidade, a vila e o territorio global convertidos en obxecto de consumo. E non será desatinado procurar que veña xente como fin en si mesmo cando non se teñen medido os datos obxectivos de retorno económico e cando a meta no miolo da Capelada deixa como resultado asfalto e lixo na REDE NATURA?

«Foi un gran acerto levar a Vuelta a un enclave singular e máxico como San Andrés de Teixido, que xa é moi popular en Galicia, pero que a partir de hoxe será recoñecido en todo o mundo grazas a La Vuelta», afirmaba con sotaque berlanguiano Valentín González Formoso,  presidente da Deputación de A Coruña, como se fose o mesmiño organizador do evento, talvez esquecendo  que  se trata da Rede Natura e que quen precisou dos escenarios da Capelada e do Santo André foi  La Vuelta & Cia. e non ao revés.

 

 

Sen dúbida, vivimos na era do desporte. As emocións colectivas vividas nas grandes concentracións masivas e as reunions arredor dunha actividade recreativa, o que Mafessoli chama “comunidades postmodernas de sociabilidade empática”, sirven para entendernos o papel do desporte na construción da identidade nunha sociedade globalizada. Alén do futbol, a reafirmación política do Estado, que conforma a estructura do concerto dos estados-nacións, afortálase periódicamente a través dos campionatos internacionais e outras probas desportivas. O recoñecemento implícito deste fenómeno de masas do noso tempo está amparado na súa fasquía de relixión laica que profesan con senlleiro fervor millóns de persoas  e está alicerzado na súa natureza tribal-global. Aliás, o protagonismo das transnacionais e as institucións supraestatais no proceso de mundialización  pode abalar a presunta estabilidade achegada polas identidade locais. Ese pulo globalizador faise en detrimento da contorna natural, tradición, historia ou cultura de cada territorio a favor do protagonista que permanece elidido.  Reducida a “paisaxe” e “paraiso”, que mensaxe se fabrica desde as instancias políticas e organizadoras de La Vuelta  como espectáculo televisivo?

Herbeira despois do paso de La Vuelta. Fonte: La Voz

Precisamente porque todos precisamos unhas relacións interpersonais baseadas na proximidade, a inmediatez física e o contacto, o que Max Weber chamaba unha comunidade emocional que sirva de baliza nun mundo caracterizado por novas formas de isolamento e incerteza, deberíamos reparar nos elementos de manipulación ideoloxica e disciplinaria  simultáneos a mergullarmos nalgúns espectáculos desportivos, porque abandonarmos as súas implicacións sociais e simbólicas ben pode estar a significar tamén a desaparición  de un nós galego, indentificabel e autoidentificado nos eventos deportivos ou conformarnos coa trivial evocación paisaxística de sermos simples pano de fondo, escenario e non protagonistas. O que me interesa salientar aquí é o que amosa, e non só oculta como contradicións irresoltas da vida social e política.

Tratándose de que o trazado de “La Vuelta” decorre por territorios con diverso grau e conciencia nacional, a escolla non é á toa en canto a construcción da representación, comentario, selección, encadre, montaxe das imaxes e artigos laudatorios da “paisaxe” en pleno período incendiario-eleitoral galego. Unha organización a cargo de UNIPUBLIC (propiedade de  Amaury Sport Organisation (ASO) compañía dona do Tour de Francia) e dominada polos dereitos de emisión de RTVE até 2020 (o miolo do seu orzamento procede da venda dos dereitos de televisión española) e por  marcas industriais como Ford que finanza o Team Sky, Movistar, El Pozo, Cofidis, Citröen, Loterías y  Apuestas del Estado, entre outros. De todos os patrocinadores só este último é público. De feito, é polo trazado do seu percorrido que se captan patrocinadores e  as atencións dos consumidores. Ao cabo, a fuxida cara as imaxes á vista dunha realidade túzara sempre é productiva para unha industria informativa que se tornou autoreferencial, o que non leva precisamente a comprender  e facer máis penetrabel a realidade. Velaí que a Deputación de A Coruña licitaba en febreiro deste ano  no Boletín Oficial  obras de pavimentación e mellora  da estrada DP 2205 de San Andrés de Teixido a A Pedra, desde o punto kilométrico 1,600 até  14,00, por importe de 835.454,62 euros, é dicir, nos accesos a Santo André de Teixido e a Garita de Herbeira, o treito final da 4a Etapa da Vuelta Ciclista a España,  seica para “mellorar a manobrabilidade dos autobuses e  veículos longos”.

É cousa de pasmo a Deputación da Coruña descubrindo, ben entrado o século XXI, que ao San Andres vaise de morto cando  non se foi de vivo…e en autobús.  Non debía ser moi popular en Galicia o San Andrés de Lonxe  cando os 835.454,62 euros se investiron en 2016 co obxectivo de facilitarlle o acceso aos camións de La Vuelta 2016 

camions_herbeira_vuelta2016_OLLAPARO

Caravana de trailers e coches ao paso de La Vuelta por Herbeira

Porque como lle espetou o sorneiro Ezequiel Mosquera a Perico Delgado, “aquí en Galicia non reparamos en gastos”. O protagonismo de Belén Docampo, directora xeral de Gandería , Agricultura e Industria no podio de etapa e non os representantes locais de Cedeira e Cariño, debeu tamén facer parte da fascinante escenografía eleitoral  que se mestura coa propaganda comercial do evento. Quen precisa a quen?

Talvez conveña lembrar, aproveitando o remate das olimpiadas de Rio de Janeiro e o polémico paso de “La Vuelta” por territorio galego, a vella denuncia situacionista contra o poder-espectáculo e mercantilización do que hai, incluida as relacións sociais.  Tratarísase de impugnar o papel productor e reproductor do real que xogan os medios de comunicación, nomeadamente através de grandes eventos ainda que hai tempo que estudos internacionais alertan sobre a súa  insustentabilidade e o efecto de chamada dun modelo de turismo masivo (a contaminación provocada polos avións e o transporte terrestre,  a imposibilidade de que todos podamos acceder determinados lugares saturados, a percepción de que o espazo está sempre dispoñibel, pronto a ser  optimado e expremido). Velaí que estén a se dar casos nos que os propios habitantes destes lugares non podan gorentar dos seus espazos cando queren. E todo por mor duns milleiros de visitantes que lucran a uns poucos e compromente o futuro de todos (velaí o paradigma das burbullas inmobiliaria e forestal). Nomeadamente, cando se trata de espazos que deberían ter especial custodia e protección para que as persoas non os teñan que abandonar ou deixalos a monte. De palabra defendense os ecosistemas naturais e mesmo xurden figuras legais  que seica denfenden o territorio e a paisaxe – no noso país con excaso éxito- mas non os socioeconómicos humanos . Até que nivel de autoengano na destrución da nosa contorna, da nosa cotididanidade colectiva, teremos de acadar para o total desatino? Deixádeme engolir por un momento a pílula vermella que Morfeo lle oferecía a Neo.

Máis real ca realidade

Bourdieu chámalle a “transmutación simbólica” ou “construción social do espectáculo[deportivo]”. Ao cabo, a representación televisiva, ainda que se apresente como unha simples grabación, transforma a competencia deportiva nun taboleiro publicitario no que submetida á loxica do mercado concíbese de modo tal que acade a máxima audiencia e capte así a súa atención o maior tempo posibel. Fuximos cara as imaxes, ainda que estas distorsionen a realidade defectuosa, para sermos máis guapos, máis vivos, máis auténticos. A optimización narcisista, sen dúbida, tende ao cansazo e a non asumir responsabilidades. Para vivir,  segundo dicía o Roland Barthes, baixo un “imaxinario xeralizado” que fomenta a falta de vinculación, o efémero e o curto prazo. Unha realidade optimizada, que a vista de paxaro semella unha realidade  ben auténtica e colluda. De postal. Aliás, unha pura imaxe estereotipada e falsa do territorio que nin existe nin existiu. Se o desporte a partir da identificación entre os seguidores e os desportistas, é un mecanismo ritual a través do cal xerar e expresar o sentimento nacional, constatabel na adhesion cuase relixiosa  determinados clubes ou seleccions, no ciclismo en ruta o que fica elidido é a identidade lexitimadora, introducida polas institucións dominantes da sociedade para espallar o seu dominio simbólico diante os actores sociais, fronte a que poderíamos chamar identidade de resistencia, xerada por aqueles actores que estan en condicións estigmatizadas ou minorizadas pola lóxica da dominación (identidades comunais de resistencia). Para sermos bós cidadáns na orde global, os Estados-nación que cooperan entre deles aceptando a lei do máis forte, tamén contribuen ao submentimento das nacións rebeldes, prescindindo dos afectos e  sentimentos  dos seus cidadáns. 

 

Para dicilo con Byung-Chul Han:”a domesticación das imaxes fai desparecer a súa loucura. Así son privadas da súa verdade“. Enxerguemos o que isto significa de crise de representación en todos os ámbitos: a hiperfotografia non representa nada, nela non hai acoplamento aos referentes reais. Velaí a síndrome de Barreiro, cuxa voraz sintomatoloxía pódese observar nesta ligazón  . Con certeza, causa pasmo a ansiedade disparada do politólogo, a inclinación coativa, mesmo histérica, que o leva a unha reacción inconscente de fascinación e “fervor patriótico” que tende a desterrar a terribel realidade como hiperimaxe, presentando unha hiperrealidade máis real do que a realidade. Eís o grande engano que produce a realidade cando se olla sen perspectiva ou talvez por un exceso dela desde as alturas da Torre Vixía de La Voz. Vivimos no mellor dos mundos posíbeis, ainda que para decatarnos precisemos non pisar terra. O propio Byung-Chul Han, filósofo sucoreano da Universidade de Berlin, referíndose a Nietzsche, lémbranos as tres tarefas para os educadores: acompañar en aprender a ollar, aprender a pensar e aparender a falar e escribir (Müdigkeitsgesellschaft Matthes & Seitz, Berlin 2010). Quer dicir, fronte a hiperactividade, que representa con certeza un síntoma de esgotamento e fatiga espiritual, convén contrapor a vida contemplativa, moito máis activa que calquer hiperactividade.

Por tanto, non temos que ver La Vuelta para ver o que valioso hai na nosa contorna, mas tamén non precisamos vela para ver os resultados da especulación do chan, como se acosa a quen se negue a colaborar, os movimentos masivos de xentrificación, a violencia de clase como ferramenta ao servizo da construción do espazo urbano, a depredación irresponsabel da natureza, o acoso contra a disidencia, o aumento de polarizacións sociais no seo da vilas e dos barrios, o imenso poder dos promotores imobiliarios, o desmantelamento da atención pública, a implementación de grandes maquinarias discursivas ao servizo da lexitimación de proxectos control e explotación, ….e a cenificación dos discursos hexemónicos en forma de grandes proxectos-espectáculos que no medio dixital fan que desapareza o enfrente real. Acontece que para podermos ollar precisamos negatividade. Non hai imaxe transparente. Pola contra, só onde hai sombra é tamén dado o brillo.

A utopia imposibel que a cámara  busca establecer na retransmisión dos corpos perfectos dos ciclistas sobre un escenario de imaxes idílicas é a dun apaciguamento da multidimensionalidade e inestabilidade social do país.

De aí que o habelencioso Barreiro enlace a técnica de optimización do real polas imaxes que a televisión de La Vuelta fornece, cara unha optimización política do medio para quen escribe, escachando a facticidade onde non existen a eucaliptización e os incendios, a fochancas mineiras e o urbanismo salvaxe, o precariado  e o avellentamento. As imaxes fornecidas por “La Vuelta” tórnase unha ocasión para ocultar a realidade e exercer presión política, precisamente debido á aparente neutralidade dun deporte que cada ano escenifica  simbólicamente a “indivisible unidad de la Nación española” integrando aos espectadores através dunha práctica pasiva de reapropiación dentro dun esquema de valores competitivos e no exacto marco mental que vai da periferia ao centro, ao quilómetro 0 arredor do que todo xira, ao centro peninsular lugar de todas as chegadas.

Sabido é que canto máis baixo é o limiar inmunolóxico máis rápido é o metabolismo informativo e o consumo de informacións e imaxes.

Debe ser por iso que Barreiro acabe  manifestando inexorabel un dos síntomas chave da sindrome: “Y por eso les sugiero que, antes de enfadarse y votar, modifiquen su perspectiva. Por si viven en el paraíso y no lo saben.” Barreiro -que dá por evidente que hai razóns para estarmos enfadados-  pretende que “mudemos de perspectiva” ao xeito zen – non antes nen devagar nen despois, senón no preciso intre de votar- coa ollada de curto alcance que fornece un escenario desportivo de ámbito estatal ao seu paso por Galiza. Porén, a positividade que é inherente ao televisivo-dixital, reduce a posibilidade de ollar. O que propón é fundirnos na imaxe paradisíaca: consumar a  “inversión icónica” desde a soidade da experiencia telesivo-dixital que reduce a realidade ao que se mantén enfrente.

Vive no paraiso quen non cometeu erros. No entanto,  se non se cometen erros e non se acepta cometelos, non hai coñecemento. Eís o perigo. Ao cabo, a vontade de aprender é preguntar o que non se sabe. O paraiso é a morte, por se non o saben.

Como na fotografia televisiva, seica hoxe en dia a representación está perturbada en todos os ámbitos. Tamén no político. Barreiro olla o país como un texto, mas onde só hai texturas e costuras: fendas, porosidades e sombras  que agochan todo tipo de enerxías e fluxos. O que as imaxes din do país non se pode reducir a ningunha  unidade discursiva pola mestura que o atravesa entre continuidade e ambigüedade. Aprender a ollar significa “acostumar o ollo a ollar devagar e paciencia, a deixar que as cousas se acheguen ao ollo”, tamén a non respostar inmediatamente a un impulso.

Barreiro quere ver un “paraiso” onde sabemos ben que se trata de espazos que  nen foran “indultados” da acción depredadora. Declarado e marcado como  “paraiso”, o politólogo aférrase ao discurso da patrimonialización do país:  ainda que para poder exercer como tal se teña que manter a vida real ben lonxe, sen enfadarse, achicando os ingredentes de inestabilidade e desasosego, incompatibles coa tematización – falsificación, simulacro e parodia-  de que é obxecto o territorio para a súa venda. O  elemento patrimonializado está sempre dispoñibel, indiferente ao paso de tempo – totaliza o imaxinario ao aplicarlle as vellas e obsoletas maneiras de facer as cousas como sempre, pensando que, como nos foi ben ese xeito de facelas han serveir para construir o porvir fronte as necesidades do presente.Como acontece coa saúde, autoregular a que temos signfica traballar no recoñecemento da nosa vulnerabilidade para non perder o equilibrio nen esquecer a harmonia co entorno, aceptando que a doenza debe corrixirse co facer médico (ler político), mas tamén coa conciencia do próprio pacente para aprender a ler o seu propio sistema corporal.

Por se ainda non ficou claro, xa non é que a “sindrome de Barreiro” leve a usar o territorio e  a paisaxe nada menos que como aval das políticas desenvolvidas polo PP sen mentalo, mas a presentar ese territorio e a xente que nel vive non como suxeito mas como obxecto que borra toda forma de negatividade e portanto calquera posibilidade de mudanza.  Fomenta a visión a curto prazo  e ofusca o ollar a longo prazo. Porque o suxeito elidido é o Estado através dos diferentes reximes. Non hai máis. Non hai miopía nen arrebato patriótico, talvez un exceso de perspectiva; de feito, amóstrase pouco interesado en coñecer a comarca e só hai servilismo respecto de modelos de país sen país. A terra quere pobo? Non se enfaden, non negativicen, muden de perspectiva,  optimizense!

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: