off
Cultura, Educação, Galiza, Opinião — 24 Agosto, 2016 at 12:33 p.m.

Humanidade sen humanidades; democracia sen demócratas

by
"A Universidade de Coruña elimina
 26 dos 76 departamentos"
 (Tirado da imprensa)

 

Melancolia.Alberto Durero
Melancolia.Alberto Durero

Estaba cantado. O Plan Bolonia para a reforma dos estudos superiores en Europa devora aos seus pais. Tras aprobarse a mercantilización do ensino universitario, a soga chega á casa do aforcado. Baixo a implacabel lei da oferta e a demanda, os centros decidiran “unificar” (outra vez o termo placebo) os seus departamentos. Quer dicir, púxose en marcha un proceso para suprimir as especialidades que teñen menos matriculados: as castigadas humanidades. A lei do número que troca calidade por cantidade, prezo por valor, e o vector consumista da era de masas deixará os nosos campus como un ermo intelectual. Será unha grande escola de negocios. A derradeira barreira da transmisión de coñecemento caeu.

En realidade a decisión de “regular” (outra palabrada para lidarmos) a alma mater hai tempo que mostraba as súas perversas intencións. Daquela cacarexada fábrica de títulos sen saída profesional, pasamos a un baldío de expertos en pensamento único, analfabetos funcionais de pompa. Enxeñeiros, economistas e et al. investidos en habelencias operativas técnico-científicas-comerciais, terminan a súa etapa de formación sen mácula de sociabilidade.

A miúdo son incapaces de escribiren un texto lexibel, máis aló dos 140 caracteres dun chío. Non son ilustrados, ainda que están no mercado do “todo a cen”.

Unha distopia que ten outras frontes da mesma batalla. Lonxe de reducir a xornada laboral e anticipar a idade de xubilación para permitir un maior acceso de novos traballadores ao mundo laboral, promóvese cínicamente o contrario. Máis carga de tempo para asalariados e pensionistas. A tráxica consecuencia: desemprego estrutural, salarios lixo e risco para o sistema de pensións. E todo iso apreséntase como lóxico, normal e inevitabel. Cando non é máis do que o engolir a pílula suicida dunha morte anunciada. Os bárbaros están entre nós e non son só os iluminados que dinamitan as ruínas de Palmira. Tamén fan das súas nas cátedras, os reitorados, os decanatos, o claustro e os ministerios.

Hai un método nesta tolemia que explica tanta contradición e tan pouca oposición. Semella lóxico que da universidade só saian os altos capataces do neoliberalismo, e as disciplinas humanísticas (Filosofía, Literatura, Historia, Xeografía, Filoloxía, Dereito, etc.) son refugadas, o panorama social estea dominado por licántropos con Smartphone de última xeración, quenllas financeiras e súbditos do Ibex. Esta será a segunda gran mutación do capitalismo na súa expansión universal. A primeira provocou a emancipación na praxe da economía da política, coa consecuente perda de compoñente ético. Na actual profundarase a separación no plano teórico, ao someter todos os coñecementos, saberes e destrezas ao troquel do directamente rendibel.

A pregunta acaída ante semellante deriva orweliana sería: pode haber cultura democrática sen humanidades?

A resposta salta aos ollos. O desinterese polo público, a apatía cívica, o conformismo colectivo, a insolidariedade, a resignación, o arribismo, o culto ao diñeiro, a banalización da corrupción, o curtopracismo, e outras manifestacións competitivas e egoístas sinalan na dirección dun continuo quebranto e esquecemento das pautas de convivencia democrática. Un rumbo de interacción ante o que os poderes se amostran indiferentes como demostran os casos do ataque á universidade e ao emprego xa citados. Onde sería preciso unha discriminación positiva para restablecer o ecosistema social, desde as alturas bótase gasolina ao incendio porque o manda a crematística global e o absolutismo de mercado.

Porén, esta situación de inconestabel emerxencia humanitaria pode significar unha oportunidade histórica para as persoas, grupos e iniciativas populares que fixeran do compromiso, cooperativo, abranxente e democrático o seu aceno de identidade.

Como ocorreu a principios do século XX, cando o mundo obreiro aproveitou o numerus clausus da instrución para expandirse culturalmente e fomentar alternativas a través da imprensa, os ateneos, as casas do pobo ou as escolas libres, no primeiro terzo do século XXI, axuntando as novas tecnoloxías, a vella memoria e os dereitos humanos expandidos, os sectores xurdidos en resposta ao austericidio (15M, marés, plataformas cidadás e movementos sociais) poden atopar a caixa de ferramentas adecuada para plantarlle cara á obsolescencia programada dunha democracia …sen demócratas.

One Comment

  1. “Mettez 11 imbéciles d’un côté, 10 philosophes de l’autre … les imbéciles l’emporteront. C’est ça la démocratie.
    Jacques Brel

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off