O Certame de Pintura Rápida Vila de Cedeira chega este ano á súa segunda edición despois dun comezo moi ilusionante coa participación de 19 artistas. Nesta ocasión, o concurso terá lugar o día 28, último domingo do presente mes de agosto. Trátase de convidar a afeccionados e profesionais da pintura a mostrar diferentes realidades dos recunchos máis coñecidos da vila. Non existe límite de idade e cada participante terá que aportar o material que poida necesitar ou considere oportuno. A inscrición pódese formalizar o mesmo día do concurso no posto de turismo do paseo da Mariña, entre as nove e as once da mañá.
A organización, que corre a cargo da concellería de Cultura de Cedeira, dispón dun total de 1.300 euros para distribuír entre os tres primeiros clasificados, de maneira que o primeiro recibirá 600 euros; o segundo 400 e o terceiro 300, ademais dos diplomas correspondentes. O ano pasado espazos como o da Praza Roxa, a zona portuaria e o paseo marítimo centraron o interese dos participantes que, segundo os convocantes, gozan de total liberdade para elixir o lugar que trasladarán ao lenzo. As persoas interesadas poden ter máis información a través do número de teléfono 680 473 273. A obra gañadora da primeira edición do certame é a que ilustra o cartel da presente convocatoria. Pío Costa foi o seu autor.
Nota de imprensa: Pingota comunicación