off
Cedeira, Festas — 3 Agosto, 2016 at 12:29 p.m.

Lugnasad

by

A vila de Cedeira acolle por sétimo ano consecutivo a festa do Lugnasad, unha celebración de orixe celta que algunhas parellas aproveitaban para casar. Nesta ocasión, a cita terá lugar os días 26 e 27 do presente mes de agosto e o programa, no que terán especial protagonismo os noivos, inclúe xogos, actividades e demostracións de loita. A convocatoria deste ano arrincará o día 26 coa montaxe dos postos nas rúas e a celebración dos primeiros xogos infantís. A pilla dos trasnos, completa a parella e óso ao caldeiro son algúns dos elixidos para a presente edición da festa. A denominada “Noite dos druídas” dará comezo ás 23.00 horas. Trátase dun encontro de druídas no campo da festa que se festexará coa preparación cunha gran queimada que máis tarde compartirán todos os presentes. O programa do día seguinte, o 27, será moi completo, xa que inclúe un desfile dende o poboado da Madalena ata a praza Roxa e a presentación oficial dos noivos.

A saída será ás doce do mediodía. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, comezarán os actos con xogos populares para nenos (a busca do grial e o home do saco), e actividades para os maiores (lanzamento do tronco, óso ao caldeiro e tiro da corda). Ás 19.00 horas será a entrega de premios aos gañadores.

A festa concluirá coa celebración das vodas celtas e a cena dos noivos. Estes últimos actos serán ás 23.00 e 23.30 horas, respectivamente. Aquelas parellas que desexen casar polo rito celta poden solicitar a inscrición remitindo un correo a galiciamagica@galiciamagica.com, no que figurarán os seus nomes, idades e lugar de procedencia. Tamén se pode chamar a oficina de turismo de Cedeira (teléfono 981 48 21 87). É condición indispensábel que os noivos veñan vestidos de época. A cerimonia das vodas é gratuí- ta e só é necesario apuntarse.

Suspéndense as xeorutas para despois do periodo festivo

As festas patronais xa están moi próximas o que leva ao Concello a suspender temporalmente as Xeorutas. Así, non haberá saídas ni a próxima fin de semana ni a seguinte. O programa voltará o día 19 e xa continuará ata setembro. Trátase da iniciativa coa que o goberno local ofrece a veciños e visitantes a posibilidade de coñecer as riquezas xeolóxicas que existen no municipio.

Nota de imprensa:Pingota Comunicación

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off