off
Cedeira, Meio ambiente — 14 Xullo, 2016 at 7:17 p.m.

Costas alega non ter cartos para mantenimento e erradicación de plantas invasoras do areal da Madalena

by

A “Plataforma para a defensa da ría” non naceu para ofrecerlle aos turistas fotos bonitas da porca realidade nin para blindar as erráticas actuacións de Demarcación de Costas e  Concello


A obra de retirada de pedras e cascallos que o Concello de Cedeira está a levar a cabo na contorna da praia da Madalena foi inspeccionada esta semana polo xefe de Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil. “Trátase así de evitar posibles riscos aos usuarios do areal”, segundo explicou o alcalde, Pablo Moreda Gil, quen tamén aclarou que “son restos de obras executadas fai anos”.

Rafael Eimil alegou a falta de partida orzamentaria á espera da formación do novo goberno ao frente do EstadoPorén, sabido é que os orzamentos do Estado foran aprobados polo PP antes das eleicións de decembro.

Estamos a falar do presente e non é perceptivo escudarse permantemente en Madrid nin na falta de cartos para comezar a planificación do estudo da problemática da Ría e da súa contorna. Ao parcecer os traballos municipais estarán rematados en cuestións de días, mentres que Costas sitúa para o mes de setembro o inicio do proxecto de mellora da pasarela de madeira que arrodea a praia e as tarefas coas que se pretende controlar a proliferación de plantas invasoras. O primeiro destes traballos limitarase ao treito  entre o areal da Madalena e a escola Nicolás do Río e consistirá na sustitución da tarima danificada. Da retirada das especies foráneas encargarase unha cuadrilla.

Porén, segundo fontes consultadas non hai constancia de que a erradicación de plantas invasoras na praia vaia ter supervisión especializada. Facelo mal pode ser perigoso xa que cada planta precisa unha técnica. Todo apunta a que a Demarcación de Costas non preveu esa supervisión.

Alén diso, o Carpobrotus (unlla de gato, herba do coitelo) no areal é segundo o cadro de perigosidade do libro de referencia “Plantas invasoras de Galicia” unha das especies invasoras con comportamento e problemática de máis dificil erradicación. A especie utilizouse en xardinaría pola súa capacidade de fixación e rexeneración e acabou por afectar a Comunidades psamófilas costeiras e comunidades casmofíticas de acantilado. “Afecta polo tanto a un bo número de especies de vexetais raras ou ameazadas presentes nestes hábitats […]É unha especie en franca progresión que ocupa zonas novas en medios alterados costeiros ou con uso humano intenso”, sendo  imprescindible retirar todos os anacos do terreo.

Para máis adiante,  recoñeceu o propio Rafael Eimil, terán que agardar a canalización do regato de San Isidro e a reparación do muro, dúas actuacións que o Concello leva reclamando desde hai tempo.  Sería desexabel que tanto Costas como Augas de Galicia unificaran criterios á hora de  abordar as problemáticas de contornas naturais con graves  perturbacións antropoxénicas. En Cedeira ainda está por ver as conexións, regato a regato, dos predios, edificios e industrias para rematar coas fecais. Até cando escudarse na falta de orzamento ou no cambio de goberno?É posibel mas non hai vontade de facelo. A proba está que cando había cartos realizaronse gravosos contraproducentes deitados de area sen que a falta de cartos o impedira.

A alegada falta de partida orzamentaria á espera da formación do novo goberno ao frente do Estado non obvia falta de previsión do organismo estatal á hora de planificar actuacións delicadas que levan tempo acima da mesa, como é o estudo integral e transversal da problemática da Ria e da súa contorna natural fortemente alterada.

Teoría do regato

Está ben que Costas, no ámbito das súas competencias, arranxe todo o que se poda arranxar con cautela e  mínimo intervencionismo. Mas non abonda coa cosmética. A reunión  prevista entre os membros da Plataforma e os responsables da Demarcación de Costas en Galicia para tratar de avanzar en aqueles aspectos que garanticen a conservación da praia e da ría quedou sine die . Unha proba máis da política  de produción e consumo de imaxes á que están abonadas as administracións desde o curtopracismo que non fai mais que adiar o que é urxente. Semella que só interesa fornecellerlle aos turistas fotos bonitas da porca realidade.

Seica creouse a “Plataforma para a defensa da ría”  para adicarse a arranxar pasos de madeira e limpar regatos? Precisa Camilo Casal,  responsabel de medio ambiente do Concello de Cedeira,  tres ou catro galernas de inverno para se decatar que con medidas cosméticas non se desterra a evidencia da desfeita e mentras que non se solucione o problema de Saneamento, meter estructuras na praia non arranxará nada? Se cadrar, se o regato, baixa limpo mellor sería non meter estructuras na praia. O saneamento son competencia do Concello e da Deputación.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off