off
Opinião, Política, Politica espanhola — 11 Xullo, 2016 at 6:19 p.m.

Con ánimo de lucro

by

pppsoepodemosciudadanosEntender o que está a pasar na política española neste interregno precisa exporse a preguntas intempestivas. As ferramentas habituais para estes casos non nos permiten saír da perplexidade. Sabemos que moito do que se coce dentro dos partidos milita na fe cega propia das igrexas e na disciplina afín á mentalidade militar. Mas agora eses vectores resultan absolutamente insuficientes para interpretar os vaivéns dos hooligans que dirixen a carreira cara ao poder.

Que un PSOE, onte teimoso en expor como viabel un goberno de cambio con Ciudadanos de xeito evidente disidente da necesaria aritmética parlamentar, se enroque no dobrete dun “non ao PP” e outro “non a Podemos”, escapa a toda lóxica. Porque a alternativa ante ese imposibel metafísico son unhas novas eleccións onde posiblemente as hostes de Pedro Sánchez profundarán aínda máis a súa viaxe a ningures. Unha queda no abismo que consagraría ao seu secretario xeral a dubidosa honra de ter esfarelado todos os records negativos da historia do centenario partido.

Tampouco a plana maior de Podemos ten un discurso meritorio tras a súa recente doce derrota. Nesta esta ocasión, afanado en esconder responsabilidades debaixo das asas, na mellor tradición do turbulento centralismo democrático. E con formulacións dignas de figurar nas revistas de humor. Afirmaran nunha primeira valoración que os resultados electorais indicaban que a xente lles ten aprezo mas ten medo a que gobernen. Para máis tarde, xa testados os estados de ánimo dos seus afiliados, soster que o acontecido ten que ver coa desmobilización dos seus socios de Izquierda Unida e o “fastío” dos simpatizantes após meses de parálise parlamentar. Balóns fóra.

Ambas e dúas  posturas demostran que problemática de fondo non radica no que faga a dereita de Mariano Rajoy, senón na inoperatividade da esquerda. Tendo en conta que tanto antes como agora a suma dos escanos do bloque de esquerdas era suficiente para desfacer o impasse. Porén,  sen dúbida, a carga da proba recae fundamentalmente sobre a cúpula de Ferraz,  empeñada en todo tipo de  feitizos para non pactar con Pablo Iglesias. Aínda que Podemos estea case suplicando un postreiro arrexuntamento que o salve da diáspora e a desavenza que se está a incubar no seu seo.

No entanto, por unha razón ou por outra, os dous líderes están a comportarense como consumados trileiros. O xefe sempre ten razón. Con saraiba ou con pedra, o mando nunca sucumbe. Nen a esnafrazada   de Sánchez nen broxada de Iglesias os induciu  a pór o seu cargo a disposición das bases. O dirixente de Podemos chegou a dicir que agora séntese máis apoiado do que nunca, e o seu competidor socialdemócrata Sánchez imítao facendo mutis nun chiringuito da praia de Mojacar. Obviamente, os respeitivos aparellos de Podemos e PSOE asentiron como está mandado. Claro que Sánchez non fabricou o cargo de “convidado permanente” para algún dos seus fieis caído en desgraza o 26-X, como fixo Iglesias co “soldado de Podemos” Julio  Rodríguez, o anterior  JEMAD.

Decontado, volvendo a oración por pasiva, habería que supor que a idea doutros comicios non é algo que albisquen con excesivo desgosto as respectivas executivas. Eís onde entraría o factor rendemento. Unha sorte de ánimo de lucro co que as direccións de ambos os partidos tirarían ferro a esa incerta perspectiva. Saben que cada asalto ás urnas supón unhas decenas de millóns para as súas arcas e petos. Esas son as retribucións que reciben persoalmente os deputados e senadores eleitos (dietas, indemnizacións, etc.) e o botín que ingresan os partidos como subvención polos votos e escanos obtidos. Entre pitos e frautas uns 130 millóns por consulta xeral, o orzamento de provincias como Castelló ou Xaén.

Tres eleicións, tres bocados multimillonarios de diñeiro público. Sen importar que haxa lexislatura de verdade,  ou simple simulacro, como na anterior xa vencida. A conclusión non deixa indiferentes. A falta dunha maioría absoluta mediante a cal o partido agraciado pode actuar impunemente co BOE e os Orzamentos, a fervenza de eleicións permite blindarse financieiramente á espera de novas oportunidades. É outra forma de corrupción, só que desde a legalidade e sen tipificación penal. Como a que supón a visita a Obama en comandita do tres líderes da oposición (Sánchez, Iglesias e Rivera) no “Protectorado” EEUU da base de Torrejón, coma se de render tributo a un señor feudal se tratar e co Informe Chilcot sobre as artimañas da criminal invasión ao Iraque recentemente publicado. Non hai estética sen ética.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off