off
Europa, Mundo, Politica internacional — 7 Xullo, 2016 at 7:12 a.m.

Sadam Hussein non era ameaza no 2003, segundo o informe Chilcot

by

A pescuda parlamentar británica conclue que Blair “sobrevalorou a capacidade de influir nas decisións dos EUA”. O seguidismo do ‘premier’ levou o  Reino Unido á Guerra do Iraque. Blair escribriu a Bush: “Contigo, o que quiseres”.


Devastador informe sobre a implicación do Reino Unido na Guerra do Iraque e devastadora acusación sobre a actuación política do ex-primeiro ministro Tony Blair na xustificación, na planificación e na avaliación das consecuencias posteriores á invasión do país en marzo de 2003. Sir John Chilcot, un antigo alto cadro da función pública británica, apresentou onte as súas conclusións logo dunha pesquisa que demorou dous anos (2009-2011), cinco en se redactar e que vén analisar unha década chave na recente acción exterior  de  Downing Street. Un informe de 12 volumes e 2,6 millóns de palabras é o definitivo enterramento de Blair que dende a súa renuncia en 2007 tornarase un cadaver político baixo a sombra do presidente norteamericando George W. Bush e do grupo de  águias que alzara o vó após os atentados do 11-S. Coa parcería tan entusiasta como servil do español José María Aznar , na altura presidente do goberno, participando na invasión do país.
No Iraque, alomenos 150 mil persoas morreran desde entón (ainda que outras estimativas apontan para 600 mil), o ditador desapareceu, mas con el desapareceu a máquina do Estado – hoxe o país continua en guerra, ameazado polo terrorismo, as tensions sectárias e a paralisia das institucións políticas.

No estilo diplomático mas afouto próprio da administración británica, Chilcot afirma  que Blair conduciu ao país a unha guerra “antes de ter esgotado todas as opcións pacíficas para o desarme”  do rexime do outrora aliado Saddam Hussein.

“Quizais a acción militar tería sido necesaria nalgún momento, porén en marzo de 2003 non había unha ameaza inminente. A acción militar na altura non era o último recurso”.

Un os alicerces acusadores máis destacados do informe, até o de agora clasificado como secredo, é a reprodución dun memorandum que Blair dirixiu a Bush en xullo de 2002, no que se afirma: “I will be with you, whatever” (Estarei contigo, para o que quiseres…). Desfacerse de Sadam é o que cómpre facer”. Do documento dedúcese que as supostas armas de destrución masiva (ADM) que poderían chegar en “en 45 minutos” dende o Iraque a Europa, e que deran cobertura – se ben non legal, si moral dende a perspectiva dos atacantes- á invasión, foran unh a excusa que Bush, Blair e Azar presentaran á opinión pública a necesidade da acción bélica.De feito, no informe afírmase que “os riscos de conflitos internos no  Iraque, a activa procura iraniana  dos seus intereses, a inestabilidade rexional, e a actividade de Al Qaeda en Iraque, foron  explicitamente identificados antes da invasión.”

“As conclusións son claras como auga, civilizadas – mas sen sombra de dúbida totalmente condenatórias – ainda que talvez non haxa grandes surpresas”, escrebeu Laura Kuessenberg, editora de Política da BBC. Entanto o xornal Guardian chamoule “veredicto demolidor”; o Telegraph unha “crítica devastadora”.

O informe debulla que  a invasión fíxose con “información de intelixencia errada”. Porén, os xuizos sobre a gravidade da ameaza das ADM “apresentáranse cunha certeza non xustificada”,  cunha información dos servizos secretos que “non tiña sido estabelecida alén de calquer dúbida”. A conclusions, porén, non afirman explícitamente que  Blair mentira ao Parlamento ou ao país. Contodo, a sombra é alargada de máis.

No outono de 2015 Tony Blair pediu perdón por ter utilizado información errada. Que non soubera prever o caos e consecuencias de derrocar a Sadam Hussein, recoñecendo que puido ter contribuido á extensión e crecemento do jihadismo.

Ainda non chegou a hora na que Aznar pida perdón, máis bushista que o próprio Bush. Ficou na memoria cos pés acima da mesa nun aceno de servilismo que debía duplicar o de Blair.Certo que  na fábrica de desmemoria que é España lonxe está o dia en que faga o seu informe Chilcot.

Chilcot tamén estabelece as leccións que poden ser aprendidas. Afirmando que Blair “superestimou súa capacidade dos EU de influir nas decisións sobre o Iraque”. E engadiu: “A relación do Reino Unido con EEUU demostrou ser forte dabondo ao longo do tempo para soportar o peso de honesto desacordo. Non precisa apoio incondicional cando o noso interese ou valoración difiren. “

Blair afirmou que nunca estará de acordo “que o que morreran fixeran un van sacrificio” acrescentando que “o mundo é un lugar milor sen Saddam”. Esencialmente  o  expremier  teima en afortalarse na súa versión, laiandose apenas por dous aspectos: a información “trabucada” dos servizos secretos e “os erros de planificación”. Den o seu rancho George W. Bush expresouse nos mesmos termos.

O líder do Partido Laborista, Jeremy Corbyn, pediu desculpas pola “desastrosa decisión de ir á guerra” do seu partido, definíndoa como a máis grave calamidade política exterior dos últimos 60 anos. Jack Straw, o ministro de Asuntos Exteriores na altura, e que practicamente  escapou da crítica de Chilcot, Blair dixo que iso nunca tivo “Gung Ho”  (entusiasmo ou exceso de celo) sobre a guerra.

Algunhas conclusións do informe:

  • Non había ningunha ameaza inminente de Sadam Hussein.
  • A estratexia de contención podería ter continuado.
  • Os xuízos sobre a gravidade da ameaza das ADM  en Iraq presentáronse cunha certeza  que non se xustificaba.
  • A pesar das advertencias explícitas, as consecuencias da invasión foron subestimadas. A planificación e os preparativos para o Iraq post-Sadam  foran totalmente inadecuadas.
  • A percepción xeneralizada de que o distorsionador proceso de intelixencia de setembro 2002 deixou un “legado prexudicial” minando a confianza nos políticos.
  •  O goberno non conseguiu alcanzar os seus obxectivos declarados.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off