off

Brexit, crise ou abrente do homo europeensis

by

“Ah, si? E por que o mandaran para a Inglaterra? Ora, porque enloqueceu. Aló, ele há de recuperar o xuízo; mas se non o facer, importa pouco. Por que razón? É que ninguén se aperceberá diso; todos por lá son tan loucos coma el”. Hamlet, W.Shakespeare

Madness in Sir Thomas Bell, The Anatomy and Philosophy of Expression (1844)

A posibilidade do  homo europeensis como epifenómeno do  homo aeconomicus  non é inelutabel, mas unha simples necesidade do capitalismo. Votar e mercar, Estado e mercado. O  homo universalis como homo consumens abandonado á nova relixión na que os economistas tomaran o relevo dos teólogos. De feito, a ideoloxía da cultura universal é de fasquía burguesa. Filla da ideoloxía do iluminismo segundo a cal o progreso das forzas productivas determina mecánicamente o progreso da civilización e  da liberdade agochando asín as contradiccións de clase por mor do cal ese progreso semea o seu camiño. Portanto, que a Unión Europea avance a golpe de crises non debera sorprender pois fai parte do desenvolvemento seminal da Modernidade paralelamente á constitución do capital dos monopolios sobre a uniformización da base cidadá das nacións, nomeadamente no interior dos grandes Estado-nación.A laicización do espazo público europeo foi parello a autonomización da economía até acadar o estatus de crenza separada do político até someter a realidade á só lei do mercado. Antes do TTIP, a Europa de Maastricht foi o cónclave no que se manifestou o comezo da Europa exclusivamente liberal, sen máis entidade política que entregar ao consello de administración do capitalismo que no estado español fan quendas duopólicas desde hai trinta anos. Este mesmo proceso manifestouse no 68 cun obxectivo emancipatorio que funcionaba apenas na comprensión de que había que mudar algo e como mudalo. Unha certeza que esvaeceu no ar e con ela a crítica social tradicional cando aquela certeza se inseriu na razón histórica como máis unha escolla de ofertas dentro do sistema.

Kant en A paz perpétua (1795) apresenta tres modelos de política mundial: submeter a todos os pobos do mundo á forza dun poder supremo, estabelecer un complexo sistema de equilibrio de poder entre os Estados e, finalmente, crear un Estado mundial. Por outras palabras, o primeiro modelo sería a hexemonía mundial dun Estado, o segundo sería un sistema internacional de Estados independentes e o terceiro o Estado mundial. Hogano, os tres modelos de política mundial siguen acima da mesa xa que teñen por obxecto a realización dunha sociedade civil gobernada pola bases universais do dereito e da moralidade na tradición do liberalismo de Locke, Montesquieu e Rousseau direccionada a facer coexistir a liberdade de un coa de todos co alvo de realizar a sociedade que á vez consinta  a maior liberdade e o maior dos antagonismos dos seus membros, determinando e asegurando porén os límites desa liberdade.

O Brexit torna poñer acima da mesa se a crise que semella ser o motor da UE  como o é do capitalismo servirá para definir unha variante situada, como queria Kant, entre a segunda e a terceira opción, quer dicer, o modelo dunha federación de Estados (un federalismo de Estados libres) que permita ao tempo resistirse contra a violencia do consenso, a comunicación e a vixilancia total. Kant decidíase por esta variante fixando unha analoxía entre individuo e Estado. O esquema liberal kantiano servernos de búxola do presente, sobre todo en canto visión do porvir  que se dirixe a unha certa federalización de Estados mas ás costas das comunidades e das persoas. Mudar o debate político nun debate moral foi unha das iradas reaccións ao Breixit sob o retrouso das graves consecuencias que se derivarian da saída do Reino Unido. Porén, poucos celebraran a decisión de Cameron de convocalo do mesmo xeito que consideraran impropria a decisión de pór as urnas na Escocia.

Á vista da coacción a someterse ao pobo que se percibe por estes lares  non queda outra que considerar inaceptabel o pseudo argumento de que o pobo poda errar na súa decisión porque as razóns a favor do Breixit son irracionais e facelo ademais sen pudor con ameazas catastrofistas para desacreditar a quen se libera da coacción da conformidade.

O cepticismo non fai parte do homo aeconomicus, a súa visión é a da conformidade ao que hai. Mais cómpre repararmos aquí que moitas reccións foron encamiñadas a desacreditar  o método de consulta, quer dicer,  para os temas fulcrais o pobo non é quen máis ordena. De aí a tentativa por facer pasar por desasisada e irracional a idiosincrásica decisión dos británicos. O homo aeconomicus non permite herexías. Só intelixencia, quer dicer, permite escoller entre (inter-legere), o que ten o efecto paradoxal de amostrarnos que non é enteiramente libre en canto está encerrada nas opcións dentro do statu quo. É intelixente quen asín se conduce segundo a lóxica do sistema. Velaí o intento de idiotizar a decisión dos británicos. Porén, seica non é a praxe de liberdade de quen dispón dunha escolla libre un dos atributos que salvaría a conciencia europea e con ela a emerxencia do arelado homo europeensis? Asín pois, fica a evidencia de que o referendo británico é máis europeo que as reaccións sistémicas que provocou, todas elas encaixadas e ben encaixadas no poder de dominación neoliberal que ten consistido en asimilar Europa ao que ditan os financeiros. Porque o argumentario tanto a favor como en contra do Brexit ten pivotado apenas na razón económica, entre deles o propio resultado do referendo: os efectos dun sistema económico que non intervén nen traballa para as persoas. Ainda que o Brexit non solucione o baixo investimento, a crecente desigualdade e a feble productividade, a permanencia na UE non foi apercebida polos británicos como solución porque tanto a permanencia como  a saída están baixo o manto dunha única causalidade, que ten a ver coas políticas de austeridade aplicadas a ambas e dúas beiras da canle  da Mancha. Trátase do fracaso da mesma política económica que deixou ao pairo ás persoas: a propia ofensiva thatcheriana que malia ter conservado o principio de dereitos sociais na práctica trataba de reducir ao máximo o seu alcance.Triste consolo

O “realismo político” hobessiano chama atención aquí sobre  concepción da política como xogo de forzas an-árquico de estados para conservar o poder que teñen como único obxectivo de superviviencia do Estado reforzando a súa propia posición nunha rede de intereses que atinxe outros actores de tipo supranacional. Porén, no interior dos Estados négase o universalismo ético desde o momento en que nega de facto a diferencia interna e o  desvío da ortodoxía mentras saúda a multiculturalidade e a imposibilidade do afora. O realismo político abraza apenas o poder dos diferentes Estados o que non semella base axeitada para xustificar éticamente unha política supraestatal e mundial cando a súa presuposta capacidade para auto-reflexión fica obturada no que Zizek chama círculo vicioso dos falsos opostos de rendición ao capitalismo global e de rendición ao populismo anti-inmigrantes.

Talvez a crise xerada polo Brexit sirva para que alguns Estados europeos revisen reciprocamente o grao de integración acadado pola UE. Porén, esta revisión deberia comezar por acadar o intercambio de dereitos e deberes nunha perspectiva universal. Xa que para poder avanzar nunha unión política alén do Estado e do TTIP (que na práctica significará que as empresas transnacionais non eleitas podan ditar as políticas dos gobernos democraticamente eleitos)Europa precisaría revisar o seu estatus aquén do Estado-nación e aquén do homo aeconomicus que teima en promover. Porque o que o Brexit mostrou é o diferente significado de escoller dentro do sistema e de quen dispón dunha elección libre desviándose da ortodoxia. 

Sob o panorama aberto polo TTIP pensar o Brexit desde a esquerda levaría apoialo xa que un Estado-nación forte permitiría librarse do control dos tecnócratas de Bruxelas para poder protexer o Estado social. Porén, o que  esta cesura está a mostrar é o insuficiente universalismo no que soergue o Estado-nación e con el a arquitectura da UE como instrumento de salvagarda dos intereses dos países que son máis fortes.  Eís como o ascenso do populismo de dereita xenófoba se revela como forza política que defende a protección dos intereses da clase traballadora perante a inoperancia da esquerda. Mas como axir de xeito trans-nacional se o Estado-nación continua a operar como instrumento do homo aeconomicus  en conta de facelo como mediador do homo universalis  como xeito viabel de barrarlle o paso ao capitalismo global?. Este ano fomos vendo como o Estado-nación non é o instrumento adecuado para facer fronte ao urxente, quer na crise de refuxiados quer no quecemento global.  Mas como formar unha esquerda enteiramente europea si secretamente deita fora a súa diferencia interna alimentando a crecente coacción á conformidade da burocracia do Estado central tecnocrático?

Velaí como nas razóns económicas non houbo resposta á crise dos refuxiados. Tirando de Höffe habería que afirmar que a democratización formal dos Estados non evitou a lóxica do pior (as guerras encetadas dende hai dous séculos polos EU, Inglaterra ou Franza contra estados non-democráticos). Se é certo que o estado de dereito e a democracia favorecen a xustiza e a paz, entón ou se realizan no eido local ou non hai posibilidade de realización no eido global. A Unión Europea acabou sendo unha fin en si mesma tomando decisións politicas desleixando o dereito á diferencia e o principio de subsidiaridade no seu modelo de política supraestatal. Un universalismo aberto ás culturas e ao desenvolvemento dunha economía social e ecolóxica (Höffe) que acabou sendo percebido apenas como instancia burocrática afastada do campo de decisión cidadá (un cidadán,un voto)  baixo o modelo “one country, one volte”. Por iso, para alén de Höffe, a integración europea debería favorecer o dereito á diferencia xa que mesmo desde un punto de vista práctico de gobernabilidade a soberanía exercida polas nacións sen estado e pola sociedade civil, poderían servir de instancias de subsidiaridade nunha república europea federal.

Europa prestou pouca atención ao particular, quer dicer, privilexiou a vontade xeral do homo consumens – formada nos valores estatísticos de contar, medir e comparar que refería Rousseau- acalando as persoas e as identidades sociais das diferentes sociedades subordinadas ao actual modelo de Unión Europea. O lampedusiano e irresponsabel chamado populista e xenófobo á suposta “ameaza” da inmigración é duplamente nocivo se finalmente só sirve para renegociar e repetir o referendum para ficar na UE en condicións da avantaxe para reproducir o mesmo mecanismo até a fin dos tempos e non para reconfigurar a percepción que temos de iso que se ten chamado a crise do estado-nación. Pódese retomar este asunto? Podemos ainda reunirmos para reparar o vínculo social e idear o lugar?  No mundo os estados recoñecidos e con textos constitucionais aumenta de xeito exponencial dende o século XVIII.Hai cen anos había só cincoenta paises no mundo, contra mediados de século duplicaran de número. Paralelamente foron emerxendo estructuras supranacionais con poder e protagonismo seguindo dalgún xeito o esbozo kantiano. Porén, ese recoñecemendo redúcese aos estados hexemónicos recoñecidos. Alén diso, a diversidade de pobos foran inseridos en paises que se considerarmos apenas como bara de medir o estado nación soberano, cada vez serían menos.

A República de Irlanda, sendo membro da UE, até o de agora compartilla fronteira aberta co Reino Unido. O proceso de paz de Irlanda do Norte albisca unha maior integración entre as institucións e relacións economicas co resto da illa. Para os unionistas do Norte, identifícanse máis con Escocia do que con Inglaterra apuntan a unha diferenciación funcional con máis capacidade de acción.  Quer dicer, a política da UE non pode ser apenas instancia de dirección sen contar cos outros axentes. En Escocia xa albiscan a independencia como alicerce do seu benestar. Cataluña pide referendo.Són retrocessos dentro dunha tendència xeral contraria cara a unificación? Efecto dunha crise chamada económica, cando é máis do que iso, que leva a un retorno transitorio aos estados-nación? 

Se cadrar, todos eles exemplos de que os sistemas parciais – a reflexión do propio contexto segundo Willke- poden servir de reguladores contextuais que frenen a política estatal de fasquía neoliberal que é a da real converxencia do que hai como globalización económica. Ao cabo, ou se toma a serio a autonomía e autoresponsabilidade dos diferentes sistemas ou a Unión Europea ten os dias contados como sistema económico-normativo ou de dereito rexido polos fortes intereses dos Estados en base a formas política xerárquicas. 

Talvez nada será o mesmo. O Brexit xa está a servir para mostrar a insuficiente importancia dada á multidimensionalidade da dinámica interna dos Estados e das posibles formas alternativas de dirección política da Unión. Como poden ser as que poidan emanar da Europa dos pobos e da sociedade civil para ir rachando a topoloxia do homo digitalis e a súa falta de habelencia para a concregración que produciría un nós e non un conglomoreado de hikikomoris solidarios coa pantalla do PC (Byung-Chul Han)  alimentados polo pensamento da dominación. E non será que esa suxeción é un dado incuestionado, proporcionado desde a dominación para que se manteña inmóbil a relación actividade/pasividade, para que permaneza encarnada a desigualdade sen mudar o funcionamento da propia oposición ? Hai algo máis que a triste queixa de alivio na relación entre homo consumens e activismo político? Gilles Deleuze advertíanos a mediados dos noventa que a “dificultade hogano non alicerza en expresarmos libremente a nosa opinión, mas en xerar espazos libres de soedade e silenzos nos que achar algo que dicir”.Fiquemos con ela.

 

2 Comments

  1. Ninguén renuncia ó poder do Estado.https://www.youtube.com/watch?v=ab6GyR_5N6c

  2. Ninguén é tan parvo como para renunciar o seu Estado.
    A UE escachou.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off