off
Cedeira — 29 Xuño, 2016 at 7:22 p.m.

A subdirectora xeral de enerxía descarta ubicar a Planta de Gas en Esteiro

by

Porén, en caso de prosperar o proxecto @s veciñ@s lembraronlle á subdirectora xeral de enerxía, en presenza do alcalde de Cedeira, que as alegacións d@s veciñ@s cursaranse en canto se abra o periodo de información pública.


Representantes da Asociación de Veciños e Veciñas de Esteiro   acompañados de Pablo Moreda, alcalde de Cedeira, reunironse ás 11 da maña na sede da Consellería de Industria coa Subdirectora Xeral de Enerxía Paula Uría para coñecer a situación do proxecto de Gas Galicia de ubicar unha planta satélite de almacenamento e ragasificación de gas natural licuado (PGL) no lugar de Saá, na parroquia de Esteiro. Esta reunión vén ser a primeira á que asisten os promotores da mobilización veciñal unitaria cuxa intervención informativa e alegatoria, que recolleu 3000 firmas de apoio, á que sumaron axentes sociais, entidades e asociacións, revelou que había unha licenza anterior á de Saá para emprazar a PGL no polígono da Trabe en 2011.

Segundo fontes consultadas despois da reunión  foi a propia subdireción xeral de enerxía a que alentou a Gas Galicia a negociar unha alternativa co  Concello de Cedeira xa que tanto a empresa como a Consellería  descartaban agora a ubicación da PGL en Saá tendo en contra a oposición dos veciños, concello e confraría, sendo A Trabe o lugar axeitado en caso de prosperar o proxecto.

O sorprendente da reunión é que a Subdireción Xeral de Enerxía se interesara polo “polígono” da Xunqueira xa que era o que Gas Galicia propuña como alternativa a Saá, e onde xa tiñan mirado dunha leira onde ubicala.

Sabido é desde a súa invención que o da Xunqueira non é un polígono, particularidade que lembrou Moreda e que a perspectiva a medio prazo é que as empresas abandonen ese espazo gañado a base de ir entullando e ocupando as charcas e bosque de ribeira do Condomiñas e alí construir vivenda social.

A veciña de Esteiro, Elda L. Fraguela,  recordaballe a Moreda e aos presentes que iso estaba ben “pero que igual él non o coñeceu mas ela si e que  alí había un muiño e unha zona húmida”. O que tocaría agora -asentiu Moreda- sería recuperar ese espazo xa que é unha extensión natural do corredor verde das Saiñas recuperado hai uns anos.

Alén diso, as veciñas lembraronlle á subdirectora xeral de enerxía, en presenza do alcalde de Cedeira, que as alegacións dos veciños cursaranse malia todo en caso de abrirse o periodo de información pública do proxecto de PGL de Sáa-Esteiro e que rexeitarían calquera outra ubicación da PGL  fóra do polígono da Trabe, solidarizandose de chegar o caso cos veciños e veciñas que poideran resultar afectados.

Pola súa banda, a presidenta da AVV Esteiro, Sefi Piñón, mostrouse satisfeita polo cambio de actitude da empresa e agradecida ao Concello polo seu apoio en todo este asunto

Polígono da Trabe

Segundo fontes consultadas do Concello o alcalde tivo unha primeira toma de contacto con Gas Galicia, que comeza a ver con bos ollos a posibilidade de trasladar o proxecto ao polígono de A Trabe, dados os incentivos e bonificacións fiscais que agora existen para favorecer a instalación de empresas no parque industrial, tanto por parte da Xunta como da administación local. En pleno período electoral, a responsable de Enerxía tamén adquiriu o compromiso de impedir a realización do proxecto a costas dos veciños e do Concello xa sexa facendo de mediador ou tentando frear a posible aprobación do mesmo no Consello da Xunta. Para esta mesma fonte as accións como as levadas polos veciños coa recollida de sinaturas e a presentación de alegacións por parte de distintos colectivos e administración local foron claves para frear a realización dun proxecto que ía en contra dos intereses xerais do municipio, do urbanismo e tamén do medio ambiente.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off