off
Eleccions 26-X 2016, Galiza, Opinião, Política, Politica espanhola — 27 Xuño, 2016 at 8:35 a.m.

26X. Valoración de urxencia

by

picaresca5O modelo parlamentar español desaba nunha situación do aveso, mesmo imposibel, froito da casuística eleitoral mais tamén por ter amosado unha intrínseca incapacidade  para rexenerar o sistema e arranxar o seu desasosegante déficit democrático en comparanza conoutros paises da contorna.

Porén, cómpre constatarmos, antes do máis, que para unha parte importante do eleitorado galego e español, que fica por riba do 30%, con máis de sete millóns de votantes no conxunto do Estado, acadando en Galiza  32.000 votos máis que no 20D (41,49% do total dos votos), é  indeferente que o Partido Popular sexa un dos partidos máis corruptos da Europa. Que esté a reducir as liberdades e os dereitos sociais básicos (entre deles os lingüísticos nun país que ten idioma de seu), que non sexa quen de facer fronte ao paro ou que esté a laminar o ensino e a sanidade.

Para unha parte importante do eleitorado galego e español é indeferente que o Partido Popular sexa un dos partidos máis corruptos da Europa

Alén diso, que non sofrira castigo ningún senón máis ben premio polas reveladoras  prácticas do ministro do Interior mobilizando recursos policiais e xudiciais do Estado contra o soberanismo catalán é, como mínimo,  preocupante.

Que, a máis disto, o segundo partido en votos e escanos sexa o PSOE, que en Andalucia está mergullado en serias acusacións de corrupción institucional, revela a frouxeza moral das cidadanías galega e española.

O PP non poderá formar goberno cos escanos de Ciudadanos, nin co PSOE nin coa súa abstención, agás que o Ibex-35 mande xuntar filas. O difícil sumatorio de Unidos Podemos co PSOE, que non acada a maioria suficiente é o resultado dun fracaso compartillado polas dúas forzas . Ao cabo, o escenario logo do scrum eleitoral é dunha maioría en favor do que hai, do statu quo, que non pode formar goberno e unha maioría reformista que podéndoo formar non o poderá facer porque o seu aviso por reformas é mesmo disxuntivo. Neste contexto, co PSdeG recuperando o segundo posto en votos e escanos e co BNG sen representación parlamentaria (e ninguén demite), os votos nacionalistas de ANOVA en En Marea Podemos son unha miraxe. Quen gaña? Todos perden ainda que non todos do mesmo xeito. Comezando polos que que prometen unha cousa aquí  e  outra acolá. Mesmo os que non mentiran ao respostar nas enquisas: os que realmente estaban preocupados pola corrupción, mesmo aqueles que sabian que Podemos nunca asaltaria o ceo polos seus proprios medios.  Porén, cando todos perden quen perde é o máis débil. Quer dicer, agora como sempre gañan os de sempre, os máis fortes, os que querían este resultado. Nin de esquerdas nin de dereitas, só españolistas.

One Comment

  1. Non recupera o segundo posto o psoe. Nunca o perdeu.
    Podemos empezará gobernando en Euskadi. Creo que en Galicia seguirá ó PP pola dinámica de que aquí a inmoralidade da corrupción é sistémica. O BNG baixou moito pero terá ainda algo de tirón. Co cal o voto dividido deixará gobernar ó PP en Galicia. As nacións mais de vangarda en España son Euskadi e Catalunya a cousa está ahí. Podemos está verde e ten que traballar moito mais. Teñen que cambiarse as dinámicas do PP e iso non é sinxelo. Ninguén lle tose. Recórdame o que dixo Trump que se saia cunha pistola en Nova York e mataba a unha persoa seguiriana votando.
    Non perden todos. O PP está nunha boa posición.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off